Grupo Convivencia, Funcións, Plan de convivencia, Recursos, Actividades

Xornada de Convivencia co alumnado de 1º ESO

O venres 5 de outubro, 88 alumnos de 1º da ESO e oito profesores participamos nunha xornada de xogos cooperativos, castañas e refrescos á sombra da carballeira do Rodo. A actividade, promovida desde a Comisión da Convivencia, ocupou un recreo e as tres últimas sesións de clase. Con ela perseguíase un mellor coñecemento e achegamento entre alumnos e docentes de 1º da ESO. Fixemos moitas fotos.

Xornada de Convivencia

Obradoiro de Habilidades Sociais para 1º ESO

O luns 8 de novembro, os grupos de 1º ESO participaron un obradoiro de habilidades sociais impartido por psicopedagogas do Servizo de Drogodependencias do concello. Os temas tratados abranguían a asertividade, importancia de saber dicir que non, técnicas para levalas a cabo.

 

Plan de Convivencia do I.E.S. Laxeiro

Despois de moitas reunións e moito traballo xa foi elaborado o Plan de Convivencia. Desde a Comisión de Convivencia tratamos de que sexa un plan aplicable e práctico e que, sobre todo, axude a mellorar a convivencia no centro. Esperamos que sexa un punto de partida, xa que é un plan que revisaremos tódolos cursos, mellorando ou cambiando as actividades segundo a avaliación final que fagamos de cada unha delas.

Tamén trataremos de darlle unha maior participación ao alumnado mediante a creación dos Consellos de Aula e mediante a dinamización da Asemblea de Delegados.

O Plan xa foi aprobado polo claustro e polo Consello Escolar e será aplicado no vindeiro curso 2010-2011.

Xornada de Convivencia cos alumnos de 1º da E.S.O.

O venres 16 de outubro, 82 alumnos de 1º da ESO e dez profesores participamos nunha xornada de xogos cooperativos, castañas e refrescos á sombra da carballeira do Rodo. A actividade, promovida desde a Comisión da Convivencia, ocupou un recreo e as dúas últimas sesións de clase. Con ela perseguíase un mellor coñecemento e achegamento entre alumnos e docentes de 1º da ESO.

Resultados das enquisas realizadas polo observatorio estatal da convivencia

O Observatorio Estatal da Convivencia realizou en abril de 2008 enquisas a alumnos, profesores, equipo directivo e Departamento de Orientación do IES Laxeiro. O noso Centro fora escollido aleatoriamente xunto a outros trinta de Galicia para participar nun estudo de ámbito estatal sobre a Convivencia nos Centros Escolares.

En abril de 2009 pasoulles as enquisas ás familias para completar todos os sectores da comunidade educativa. E acabamos de recibir os resultados de tales enquisas. Deixámolos aquí expostos para consulta de quen estea interesado.Os gráficos que se expoñen, recollen unha comparativa dos resultados do noso Centro cos resultados da media.

II Xornada de Formación: Experiencia dunha Aula da Convivencia

O día 20 de maio de 2009 celebramos unha segunda xornada de formación de profesorado  relacionada coa convivencia. Para esta ocasión contamos como relatora coa orientadora do IES Pintor Colmeiro de Silleda, Rosa Andrade Expósito. A disertación versou sobre a experiencia levada a cabo no IES silledense na implantación e funcionamento da Aula da Convivencia.

Xornada de Formación do Profesorado: A mellora da convivencia escolar: mediación e resolución de conflitos.

O día 16 de abril de 2009 acudiron ao IES Laxeiro as profesoras Ana Ulloa e Esther Vila do IES Chamoso Lamas d'O Carballiño para falarlles aos profesores, nunha xornada de formación, sobre a experiencia que levan a cabo no seu centro relacionada coa resolución de conflitos e a mediación escolar. Igualmente trataron sobre como afrontar a disrupción na aula.

A xornada foi seguida por unha estimable representación de profesores do noso instituto.

Documentos relativos ás formas de atallar a disrupción na aula

Recollemos da Rede algúns documentos relacionados coa disrupción na aula e os enfoques que se seguen para evitala.

Na avaliación diagnóstica sobre a convivencia, realizada no pasado curso aos profesores, a disrupción aparecía como principal problema que afecta á dinámica académica. Agardamos que estes documentos vos poidan aportar algunha solución de interese.

Convivencia e disciplina. Programas de mellora.

Coa finalidade de seguir ofrecendo ao profesorado materiais  para abundar na formación sobre aspectos relacionados coa disciplina, a convivencia, a mediación e a resolución de conflitos; traemos un novo PPT de Isabel Fernández García de Baracaldo, adaptado e traducido ao galego pola Comisión da Convivencia do IES Laxeiro.

Cómo previr a disrupción na aula

Desde a Comisión da Convivencia queremos ofrecer ao profesorado materiais que fomos recopilando (PDFs, documentos Word, PPTs) que poidan servir para atender as demandas de formación (como se deduce das enquisas que se presentaron ao profesorado para valorar o estado da convivencia no centro) en aspectos como a resolución de conflitos, a mellora da convivencia no centro e como evitar a disrupción.

O Power Point que adxuntamos foi elaborado por Isabel Fernández García, profesora de Baracaldo e traducido ao galego na Comisión da Convivencia.

Distribuir contido