2º ESO

O amor aos libros : nácese con él ou cultívase? Visitando unha libraria en Betanzos nun 14 de decembro

 

O  14 de decembro fomos os de Agrupamento de 2º curso de galego á libraría Biblos.

Fomos andando dende o colexio ata á libraría. O camiño  fíxose moi curto por que fomos falando das nosas cousas e dos libros que iamos coller.

Cando chegamos á libraría aínda estaba pechada e tivemos que esperar uns minutos. Cando abriron , nós  empezamos a rebuscar entre os libros sen saber cal escoller. A  min gustábanme todos.

Máis tarde,  cando todos tiñamos elixido libro, Tucho, o dono da libraría, deunos unha charla sobre os libros:   as partes das que constaban , como se facían ...

A min fíxome moita ilusión ir á libraría, sobre todo por que podiamos escoller nós mesmos os libros que queriamos.

Eu escollín o libro de Esmeraldina a pequena defunta de Ledicia Costas. Escollino  porque me parece un libro moi misterioso e interesante. Ao chegar ao colexio xa estabamos desexando  que nos deran os libros para poder lelos, iamos todos os recreos á biblioteca para mirar se xa estaban expostos. Finalmente  puidemos levalos  o venres.

Foi unha experiencia moi divertida e agradable. 

Lucía Couceiro Torres .2ºB.

     O mércores 14 de decembro de 2016 a clase de reforzo de galego fomos a unha libraría en Betanzos chamada Biblos onde todos eliximos libros para a Biblioteca e tamén para ler na Hora de Ler.

Mentres estivemos alí ensináronnos as partes das que consta un libro, como facelo e publicalo. Creo que aprendín moito sobre isto grazas á charla que nos deu Tucho, o dono.

Despois de todo resultou unha experiencia moi divertida. Gustoume moito porque foi a primeira vez que entrei nunha libraría. Gustoume tanto que ese mesmo día volvín mercar máis libros.

Keanu A. Puente.

 

  O día mércores 14 de decembro, coa profesora de galego, fomos á libraría Biblos de Betanzos para comprar libros para a Biblioteca.

   Cando entramos, Tucho, o dono da libraría, ensinounos os libros e cada un de nós puido seleccionar o que máis lle gustaba para levar para a Biblioteca e tamén para lermos na clase na Hora de Ler. Logo diso, Tucho deunos unha charla sobre como se fai un libro e as partes das que consta.

   Foi moi interesante e divertido poder ir a unha libraría e poder elixir os libros que nos gustasen a nós. Foi unha boa experiencia para todos e gustounos moito. A min gustoume bastante ver que detrás de cada libro hai unha historia e un traballo que non moitos poden facer, moi poucas persoas poden chegar a escribir libros e poñer tanto sentimento neles. A min gustaríame escribir un libro, poder ser capaz de chegar ás persoas, poder ilusionar aos demais con algo tan especial coma os libros.

 

Laila Mailén Obelar, 2ºC

 

 

Fálame da Emigración. Proxecto interxeracional co Centro de maiores da Fundación Abanca.

 

Video resumo do programa para distribución en toda Galicia. Como podedes ver,  grabado no Aguiar e con protagonistas "aguiarenses"

O curso 2015-2016, de xeito totalmente casual,  comezaba no IES Francisco Aguiar unha experiencia que acabou resultando do máis instrutiva e gratificante para os participantes e para moita xente no noso instituto. 

Tratábase dun proxecto de cooperación interxeneracional no que un grupo de Maiores de Betanzos falaban aos alumnos de 2º da ESO sobre as súas experiencias da emigración. Co apoio da Fundación Abanca e o traballo incansable da súa coordinadora Ana Doval, o apoio do Departamento de Xeografía e Historia,  e o entusiasmo e cariño desbordado por maiores e nenos puidemos coñecer dun xeito máis fondo e cordial unha experiencia que é a de tantos galegos e galegas.

Neste curso 2016-2017 repetimos a colaboración. Comezamos os días 4 e 8 deste mes de novembro coas postas en común dos maiores nas aulas de 2º da ESO,  precedidas polo visionado dun pequeno documental. "Fálame da Enmigración" continuará en xaneiro: unha exposición e as aportacións dos alumnos como resultado das súas indagacións familiares, completarán este interesante traballo.

 

 

Video de participación do IES Francisco Aguiar no Dia da Solidariedade Interxeneracional

De 23 vacas en Crendes a mestre en Alemaña

     O luns 24 de outubro pasou polo Aguiar un rapaz . E dicimos rapaz porque, aínda que había 28 anos que deixara as nosas aulas,  o aspecto, a vitalidade e simpatía das que fixo gala foron as propias dun rapaz.

     Estivo connosco unha persoa que se recordou a si mesma, cando estaba no noso instituto, como o rapaz dunha aldea de Crendes cuxos pais tiñan 23 vacas. Daquela na súa aldea había máis vacas que persoas, hoxe hai máis persoas que vacas ("Times there are changing" diría Roberto Z.) Un rapaz que quería cambiar cousas malia non saber como, algo que é normal que ocorra aos xoves.

     Este rapaz de aldea lembrou que daquela só él e outro do Concello puideron ir á Universidade da Coruña,  cando hoxe son máis de cen os que cursan estudos universitarios. Daquela os 28 Kms que separaban a aldea da Universidade eran todo un mundo, físico e de mentalidade.

     Hoxe non podemos pensar en termos tan estreitos. O luns o rapaz ao que nos referimos traía os seus apuntamentos nunha carpeta da Universidade de Heidelberg. Nela podíase ler o lema deste prestixioso centro educativo: "Semper apertus".  Universidade é internacionalización, non ter medo en facer a nosa vida en lugares lonxanos abrindo as mentes a outras formas de vivir e pensar...pero sen perder nunca a memoria de onde vimos e cal son as nosas raices ( comezando pola lingua nai) Por certo, de aquí unha derivada, aínda que o rapaz fose de letras: é indispensable formarse en idiomas. Os mellores?  Os que mellor se adapten ao que che interesa estudiar ou formarte. Con só 8 (!) poderíamos comunicarnos e traballar na inmensa maioría de paises do mundo.

     Falaba este rapaz ao alumnado de 2º de BAC, de responsabilidade social. Recibimos da sociedade moito e debemos devolvelo en forma de propostas para mellorar, cada día, o mundo no que vivimos.

     O éxito non é recoñecemento fácil,  senón realización personal e compromiso social.

     O rapaz de aldea, de raices campesiñas, que falou connosco o pasado luns,  referiuse a unha cultura do esforzo. Falou de leis educativas en España i en Alemaña. Defendeu algún xeito de avaliación ao remate de determinadas etapas educativas pero poñendo dúas condicións: que non sexan un obstáculo que peche portas senón que que as alternativas sexan sempre dignas para as persoas; e que sexa un sistema flexible que permita reintegrarse ao camiño, cecais abandonado noutras circunstancias. O modelo alemán ten aspectos positivos neste senso.

Falou o luns no IES "Francisco Aguiar" un rapaz que estudou nas súas aulas, e que ao dicir dos seus pais,  hoxendía é "mestre en Alemaña".

Falou cos nosos alumnos de 2º de BAC o Vicerreitor da Universidade de Heidelberg, Óscar Loureda.

Grazas! 

 

Video do programa "Fálame da Emigración"

Alumnado e  profesores do IES Francisco Aguiar xunto a persoas do Centro de Maiores de Betanzos protagonizan este video  que se utilizará en toda Galicia para promocionar a participación o ano próximo nunha nova edición do programa "Fálame da emigración" de Afundación. 

 

Affiche ton français

 

"Affiche ton Français" é unha máis das actividades que o Departamento de Francés do noso instituto realiza para promocionar e facer cada vez máis visible e valorada a lingua e cultura francesa. 

Porque se algo quedou claro neste curso, e noutros antes ca este , é que cando un profesor ou profesora ama a materia que imparte, o recibimento or parte do seu alumnado é totalmente diferente. Por todo este ano, grazas Pacucha, grazas Beatriz. 

Roteiro guiado por alumnado de 2º da ESO polo Betanzos medieval

Inspirándonos na magnífica experiencia do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) que puidemos coñecer de primeira man , un grupo de alumnos e alumnas do Agrupamento de Ciencias Sociais (CCSS) de 2º da ESO preparan para o venres 17 e o luns 20 de xuño unha visita guiada ao casco histórico de Betanzos.

Na actividade, coordinados polo seu profesor de CCSS, Julián Ferrer,  os propios alumnos e alumnas participantes  actuarán como guías dos seus compañeiros nun roteiro pola cidade de Betanzos. O obxecto é dar a coñecer, a través desta visita guiada, como era unha cidade na Baixa Idade Media. Coñecer o noso patrimonio e  valoralo  únese ao obxectivo didáctico de potenciar no noso alumnado competencias clave na súa formación. 

Crónica en imaxes da recepción dun premio.

Como anunciabamos hai unhas semanas a alumna de 2º da ESO, Mencía Rey Pardo, recibíu o segundo premio na VIII edición de Premios a Xoves Talentos na modalidade de relato curto.

Estivo acompañada na entrega polo profesore de Lingua e Literatura Galega, Óscar García.

 

Súmase así Mencía a un importante elenco de alumnos e alumnas do Aguiar que participaron con grande recoñecemento neste certame: Clara Veiga, Gala Sofía Sánchez, Paula Sánchez Regueiro, Violeta Silva 

PARABÉNS!

Chegou aos nosos oídos...Mencía Rey Pardo premiada no concurso Coca Cola

Chegou aos nosos oídos...que a alumna de 2º da ESO Mencía Rey Pardo resultou premiada entre os tres mellores traballos no sector de a Coruña do VIII Concurso Coca-Cola de Novos talentos na modalidade de Relato Curto.

2 e 3 de maio. Aula de Natureza e Museo das Brañas de Valga (Mesía)

Un ano máis os nosos alumnos e alumnas de 2º da ESO terán a oportunidade de disfrutar dun dos entornos naturais cercanos máis fermosos e de coñecer un xeito intelixente e creativo de dar valor ao noso patrimonio natural e cultural.

O luns están acompañados os nosos alumnos e alumnas polos profesores Carlos García (tecnoloxía) e Xosé Luís Mosquera(Ciencias Sociais). O Martes polas profesoras Carmen Núñez (Tecnoloxía) e Delfina Ruibal(Ciencias Sociais).

Coñecer o espazo natural das Brañas, visitar o museo etnográfico e rematar lixando as mans de barro para modelar pequenas pezas cerámicas...todo isto promete esta interesante actividade.

Distribuir contido