ESPAZOS BALEIROS. FOTOGRAFÍA EN CURSO. 3º ESO. XM REY BAO

26/04/2023 21:16
Europe/Andorra

 

Celia Sánchez Fernandez

 


ESPAZO E LUZ

   A terceira entrada do dicionario para a palabra “baleiro” refírese precisamente a “Espazo baleiro”, e di: Espazo baleiro, que non está ocupado, especialmente por aquilo que está destinado a conter. A definición indica que un espazo baleiro caracterízase por estar baleiro de algo, é dicir, por unha ausencia.

   As fotografías de espazos baleiros non teñen como única característica o feito de que non haxa persoas, figuras ou elementos relevantes, senón que son as eleccións dos fotógrafos as que fan que vexamos un espazo como “baleiro”: o encadre, a distancia e a luz constrúen unha determinada configuración do espazo que fai que sintamos ou non o baleiro. Son precisamente estas eleccións as que tamén fan que as fotografías de espazos baleiros teñan unha gran potencia evocadora e un gran valor fotográfico: hai unha longa tradición fotográfica vinculada aos espazos baleiros: dende os primeiros fotógrafos aos cales a técnica non lles permitía captar as figuras en movemento, ata os fotógrafos contemporáneos que exploraron os “non-lugares” e indagaron no urbanismo, a periferia, as marxes... 

   Podemos pensar en prazas, rúas, cuartos, estradas, esquinas, parques, espazos rurais, lugares públicos (teatros, estacións, cafeterías...). Poden ser espazos abandonados, desocupados, con pegadas de presenza e ausencia, sen a xente ouy os obxectos que os poboaron habitualmente.

   A luz é esencial na fotografía; de feito, a mesma palabra “fotografía” provén da palabra luz: o que a luz debuxa. Pero ás veces, a luz non só está senón que se fai visible. Sexa porque un feixe de luz entra e ocupa o espazo, sexa polo xogo de luces e sombras, sexa porque a súa coloración nunha determinada hora do día tingue dun ton todo o espazo, etc.

   Que supón fotografar a luz nos espazos? De xeito especial, poñer atención á incidencia da luz sobre o mesmo espazo e sobre os seus elementos (sombras, horas do día...). Tamén nos axuda a pensar sobre a propia narratividade do espazo: modificouse ao longo do tempo? É un espazo emblemático? É un espazo que se transforma ao longo das horas do día? É un espazo que xa non ten a utilidade que tiña? Quen se pasea, quen o goza, quen o habita?

AdxuntoTamaño
ESPAZOS BALEIROS.pdf16.82 MB