Obradoiro de iniciación á Astronomía
O pasado martes, 22 de marzo, tivo lugar unha nova sesión do club de ciencia do noso instituto, desta volta un obradoiro de iniciación á Astronomía organizado polo departamento de Matemáticas. Os membros do club aprenderon sobre o proceso de formación de estrelas como o noso Sol, viron fotografías de nebulosas como a de Orión ou da Águia, cúmulos estelares como o das Pléiades e incluso a foto dos restos dunha supernova.
Despois de repasar os principais movementos do noso planeta, incluído o de precesión, que fai que o eixe de rotación da Terra vaia variando, e de familiarizarse con conceptos como o do ano-luz, o alumnado aprendeu a usar o Stellarium, un programa que permite simular un planetario no propio ordenador. Con el, puidemos ver o ceo desa noite e o movemento aparente das estrelas no transcurso das horas. Grazas a Stellarium viaxamos ao futuro para situarnos no 12 de agosto de 2026, o día que poderemos ver desde Betanzos un eclipse total de Sol. Ademais, vimos con detalle os planetas Xúpiter e Saturno, coas súas principais lúas.
Infelizmente, debido á situación meteorolóxica, non fixemos a observación a simple vista planificada no patio do instituto, emprazándonos a outro día no que as condicións atmosféricas sexan apropiadas.