Proxecto Terra: Dereito ao hábitat 19/20
Desde o curso 2015-16, o noso instituto participa no programa “ProxectoTerra”. Esta iniciativa está integrada no Plan Proxecta e parte dun convenio entre a Consellería de Educación e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para concienciar aos nosos rapaces e adolescentes sobre a importancia do patrimonio arquitectónico (en particular a arquitectura popular), os valores da boa arquitectura contemporánea e a necesidade dunha ordenación racional do territorio no que vivimos.
Un dos temas nos que traballamos, combinando os tres eixes citados, é o “Dereito ao hábitat”; parte dunha idea de “Arquitectura sen fronteiras”, cuxo obxectivo xeral é motivar a reflexión do alumnado en torno ao hábitat como un sistema complexo de situacións que debe construírse colectivamente e ao que todas as persoas teñen dereito. Encaramos ese obxectivo con observación da contorna, na busca de exemplos onde este dereito está ameazado por diversas intervencións de dubidoso gusto ou simplemente absurdas, e con accións prácticas, como as transformacións que nos últimos cursos levamos facendo nos corredores e espazos comúns do propio instituto.
Neste curso iniciamos unha galería fotográfica con imaxes de espazos, edificacións e estruturas que consideramos que deterioran o espazo no que vivimos e constitúen, polo tanto, unha ameaza ao noso dereito colectivo ao hábitat.