Crónica "de Julias" do encontro coa escritora Ledicia Costas 9.XI.2016

 

 Cando se vai á presentación dun libro, espérase atopar un breve resumo da obra a tratar e unha recomendación por parte doutro autor, editor...

 

Hai unhas semanas (9 de novembro), algúns alumnos de 4º da ESO do IES Francisco Aguiar asistimos á presentación do novo libro da coñecida autora, Ledicia Costas. E todos os presentes levamos unha boa sorpresa. Ledicia fixo máis que un intento de dar a coñecer a súa nova obra, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, tratouse máis ben dunha conversa entre amigos. A autora mesmo se achegou a falar con algúns de nós antes e despois do evento, e preguntounos polos nosos estudos e afeccións. E durante a presentación do libro, non dubidou en compartir cos presentes algunha anécdota persoal e mesmo o relato do seu comezo como escritora, que parece saído dunha das súas novelas.

 

O mellor xeito de aprender e interesarse por algo é coñecer a razón da súa existencia, os segredos que se atopan detrás dunha liña ou mesmo as bágoas que caeron sobre o borrador. Por iso, coñecer ao autor dun libro, e máis sendo Ledicia, axúdanos a saber un pouco máis do mundo da literatura, o mundo cotián e o mundo que non se ve a simple vista.

 

Julia Nieto e Julia Medín 4ºA ESO.