Actividades fin de trimestre. Nadal 2015

     

Co fin de trimestre o IES Francisco Aguiar revolucionase un tanto. Será a "descompresión" logo da tempada de exames e avaliacións. Será a emoción dos días de vacación que se achegan....Sexa como sexa cada ano hai un grupo de profesores e profesoras secundados por un entusiasta elenco de alumnos e alumnas dispostos a facer do último día de trimestre unha xornada especial.

      As diversas actividades que se programan para este día levan por detrás un traballo duro de moitas profesoras e profesores.... María José, Elvira, Carmen, Xosé Manuel, Blanca, Óscar, Lucía, Diego, Carlos, Pablo, Delfina, Xosé Luis, Francisco.... e de moitos alumnos e alumnas. Eles son os responsables da decoración, pendurando carteis e mesmo ...estrelas; da presentación do festival; das actuacións; de sorprendernos con invitados estrela; de controlar as mesas de son; de organizar torneos de xadrez e fútbol, este ano tamén, exhibicións de capoeira;dunha nova edición de pintaxizes...

   Porque, pese ao que pareza, non é doado organizar a unha morea de rapaces para que xoguen cunha certa orde un campionato de fútbol. O labor organizativo da Carlos e a axuda posterior de Pepe fixeron posible que todo fose á perfección.

 

Por décimo segunda vez ( o que indica que isto non é unha casualidade) o Aguiar acolle un torneo de Xadrez. 17 rapaces e rapazas  coordenados por Óscar e a axuda de Diego enfrontáronse neste XII Torneo de xadrez. Colofón trimestral perfecto da Escola de Xadrez que cada xoves á tarde convoca entre 5 e 7 rapaces no noso instituto baixo o mestrado de Óscar García.

Pode que esta fose a última convocatoria...pero non defraudou. O pintaxizes (que coordena o noso compañeiro Xosé Manuel Rey) reuníu a un número variable (segundo o momento da mañá) de rapaces e rapazas dispostos a lixar de xiz as mans para dar a luz a magnífica reproducción que vedes na imaxe.

Case sen avisar, atopámonos cunha improvisada exhibición de capoeira. Na pista anexa ao Polideportivo varios alumnos e o profesor Pablo Sánchez amosaron as súas habilidades sorprendendo a cantos por alí pasabamos.  

O tradicional festival de Nadal contou nesta ocasión con actuacións variadas e de gran calidade: o grupo de alumnos e alumnas coordinados por María José e Óscar volveron a amenizarnos con música de Nadal; a cargo dun alumno de 1º tivemos sesión de maxia con cartas; Ánxela Novo puxo un punto de calidade e delicadeza con danza clásica; non faltaron á súa cita os raperos...  Entregáronse os premios aos concursos de Christmas Cards, Catherinettes e de Chíos(tweets) de Nadal.

En todo isto foi vital o traballo de Elvira e María José coa colaboración de moitos outros profesores e profesoras. A axuda de Raquel, Irene e Isa aos mandos da mesa de son. De Jorge e Laura presentando con gracia a raudais.  

O festival contou tamén cunha grata sorpresa . Nesa mesma mañá un grupo de alumnos do Aguiar daban un concerto de Nadal no veciño colexio Vales Villamarín. A sorpresa para os asistentes ao noso festival foi que, de seguido, unha morea de pequenos músicos agasallábannos cunha actuación no que se sumaban  as orquestas do Aguiar e do Vales.

No medio de tanta actividade houbo tamén ocasión de facer unha parada para charlar cos amigos, botar unha "pachanga", ou improvisar unha partida de xadrez...

MIL GRAZAS!

Porque demostrades co voso esforzo e entusiasmo o que somos capaces de facer se traballamos xuntos poñendo cada un o mellor de si mesmo. Porque alumnado e profesorado amosadenos nese día cualidades e habilidades insospeitadas que a rutina diaria das aulas mantén agachadas  para a maioría.

 

Feliz Nadal para todos e todas!