Club de lectura de Adultos. Encontro con Anxos Sumai

Así nacen as baleas é unha novela líquida. Foi unha das conclusións da xuntanza coa escritora Anxos Sumai.

O club de lectura de Adultos do noso IES ( do que forman parte nais e pais, profesorado, persoal non docente e mesmo algunhas persoas alleas ao centro) reuníamonos coa autora do citado libro na libraría Biblos. Logo da presentación, á conta do compañeiro Xosé Luís Mosquera, comezou un fecundo ( e divertido) diálogo con Anxos Sumai.

Anxos falou da orixe da novela: un traballo sobre a violencia sexista que a levou a analizar o que tamén ocorre no ámbito privado da familia. 
A familia que conforman os donos da ferraxería Cándido oculta, tras o visillo do éxito económico e social, a infelicidade que acaba desencadeando a traxedia, nun mundo no que non hai amor para os seres singulares, que son rexeitados polas súas taras.
 
Unha historia sobre a amputación emocional, sobre a anomalía, sobre o desafecto... que está sustentada sobre unha arquitectura simbólica na que os encaixes, o funil e a corda e o caldeiro, pero por enriba de todo, a auga, condicionan a mirada intrusa do lector.