Paseando polo Aguiar. Sensacións contrapostas.

 

Pasear polo Instituto Francisco Aguiar, de cando en vez, dá para moito. Pero ao remate do paseo,  un acaba con sensacións ben contrapostas.

Constatase, por unha banda,  que con tanto edificio e con tantos anos ás costas,  habería que mellorar, amañar, reformar moitas cousas. Pero co presuposto que anualmente recibimos ( normalmente con retraso) da Consellería de Educación,  o noso eficiente Secretario non ten moita marxe de actuación. Cando a maioría da nosa asignación vaise nos fixos: auga, luz, calefacción, impostos municipais... pouco queda para pensar en anovar tecnoloxías, reformar espazos... "eppur é fatto".

           Pero, por outra banda, o paseo descubre un centro moi vivo. Nos taboleiros e paredes cheos de propostas: clubs de lectura ou o taboleiro das rapazas correspondentes que informan sobre actividades xuvenís, as caixas de recollida de tapóns para causas solidarias, as fotos das viaxes clásicas, dos intercambios...      
   E ás veces cando entras nunha aula descubres os restos, no encerado, dunha clase que pasou. Quedou escrita no ar, agardemos que nas cabeciñas do alumnado e nos seus apuntes, pero tamén deixou unha pegada efémera nese encerado que as señoras da limpeza borrarán. O venres pasado puiden rescatar un deses encerados antes de que o borrasen. Pensei: é unha sorte estar nun centro que ofrece este nivel ao seu alumnado.