3 de marzo. Balance dun día "completito"

O pasado martes   3 de marzo foi un deses días nos que, por razóns diversas,  á actividade lectiva normal do IES Francisco Aguiar súmanse unha morea de actividades complementarias.

Por unha banda,  técnicos do Espazo Xove de Betanzos (Mª José) e a Secretaría Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia (Borja e Cecilia) percorreron cada unha das clases de 3º e 4º da ESO para informar sobre a oferta pública en formación e tempo libro que esta Secretaría  programa para rapaces distas idades.

 

Nas dúas últimas horas o alumnado de 4º da ESO participou na primeira parte dun Obradoiro de Prevención da Drogradicción entre Adolescentes. Visitounos un grupo de reclusos do Centro Penitenciario de Teixeiro cos seus titores,  que forman parte dun módulo libre de drogas e participan nestes obradoiros baixo o título DI K NON.  A estructura destas dúas horas de taller,  sinxela e efectiva. Comezan coa representación en mímica dunha pequena obra teatral protagonizada polos internos. A droga que nos atrapa,  que nos priva da liberdade e do que máis queremos.

De seguido proxección dunha presentación con impactante ambientación musical sobre o tema da droga, causas e consecuencias.

E como remate, o máis interesante. Intervención dos internos para contar a súa experiencia coas drogas e rolda de preguntas que completou 50 minutos polo grande interese que os rapaces amosaron.

Como remate do acto recibimos un emocionante agasallo elaborado polos internos conmemorando a visita ao Aguiar.

Rematadas as clases da mañá...mediodía de clubs de lectura. Corredores ateigados de bulangueiros lectores (especialmente en 1º e 2º da ESO)

 

E como remate,  as profesoras Lucía Sáez Baquedano e Carme Suárez Moledo expuxeron, ante os profesores/as aos que aínda lles quedaban folgos ao remate das clases da tarde, a súa experiencia de intercambio Erasmus + no Liceo Piccolomini de Siena . Analizaron características do modelo educativo italiano que tiveron ocasión de coñecer e abriron un interesante debate entre os asistentes (esgotados asistentes hai que dicir).