DI K NON. Obradoiro de Prevención do Consumo de Drogas

O martes 3 de marzo o IES Francisco Aguiar participa por primeira vez no programa "Di K Non" - Obradoiros para a prevención do consumo de drogas en adolescentes

Estes obradoiros están conducidos polos internos e o equipo da Unidade Terapéutica do centro penitenciario de Teixeiro (A Coruña), en colaboración coa Fundación Barrié, para previr o consumo de drogas entre adolescentes. 

Di K Non diríxese especialmente a alumnos de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos por ser un grupo de risco e a idade de inicio do consumo de drogas.

Algunhas das persoas que están na UTE de Teixeiro comezaron, nesta idade, a delinquir como consecuencia do consumo de drogas e, agora, logo dun proceso de rehabilitación, queren transmitir a súa experiencia e información aos adolescentes para sensibilizalos/as e proporcionarlles instrumentos para evitar situacións de risco e consumo.

O obradoiro desenvólvese en dúas partes: a primeira delas, o 3 de marzo,  realízase no centro escolar con todo o alumnado de 4º da ESO. A segunda, o vindeiro 10 de marzo,  celebrarase no centro penitenciario de Teixeiro coa participación de dous grupos de dito curso.

O obradoiro desenvólvese dun modo bidireccional: os internos teñen a oportunidade de contribuír á prevención dun problema que teñen padecido e á comunidade educativa ofréceselle un proxecto innovador apoiado polos profesionais do equipo multidisciplinar da UTE Teixeiro.