19 de decembro. "Sorry, not available on the App Store"

O 19 de decembro desorganizamos o Aguiar de arriba abaixo a partir da terceira hora para celebrar o fin de trimestre. Facendo balance da xornada chegamos a unha  tecnolóxica conclusión :

Hai  moitísimas cousas na vida que non se poden descargar… á súa única “aplicación” é vivilas.

As actividades deportivas que organizaron os profesores Carlos Castellanos e Pepe Valverde e nas que vimos xogar a fútbol, baloncesto e pichi... non están disponibles para descargar. Como tampouco o está poder ver vestidos de curto a Jorge ( de Física) e Cheché ( de mates') e botando un espectácular partido de baloncesto ( posiblemente aínda hoxe estén recuperando, jeje)

"Not available on the App Store". Non, imposible descargarlo. Hai que vivir ( e sudar) o festival de Nadal: o teatro de Federico de Montefeltro, as actuacións de Aldara, Zuri, Gala, Stacy-Emilio, os coros-christmaticos de 1º e 2º da ESO, as "panxoliñeiras" de 4º, o voo de bolboreta de Ángela Novo, Mauri aos mandos do son, a dirección de Elvira, Lucía, M.José, Óscar, Carme, Francisco...  "not available".

No primeiro festival tivo lugar a  entrega de premios das postais de Nadal que organizaron Teresa Herguedas e M José Pardo do departamento de Inglés. Resultaron gañadores  Roque Bouza e Niccoll Castronovo de 1º da ESO; e Paula Sánchez e Fernando González de 2º. Tamén se realizou a entrega do premio convocado pola Biblioteca "Sebastián Buedo Jiménez" para os gañadores do concurso de microrrelatos de Nadal.

 

A IIIª edición do Pintatizas volveu ser un éxito de participación. Nesta ocasión o profesor Rey Bao propúxonos "pintatizar" unha versión pop de Rosalía  e a esa tarefa nos puxemos... porque non hai "aplicación" algunha que nos puidese facer disfrutar tanto coloreando. Contamos tamén coa presenza de moi queridas ex alumnas, Ana Acción e Icía Rodríguez. 

¡Ah! xa vos contaremos o que se vai facer coas imaxes do proceso de pintura... ¡sooorpresa!

 

É certo que a informática, a computación, deu un xiro interesante ao mundo do xadrez...pero nada como unha partida de verdade contra rivais de carne e oso. Iso é o que en cada Nadal posibilitanos o profe Óscar García coa imprescindible colaboración do Club de Xadrez de Betanzos. ¿É posible xuntar a vinte rapazas e rapaces para xogar xadrez como alternativa a deporte, festival, música... ? ¡E logo, é!

Finalmente  o gañador foi Roque Bouza (1º ESO) escoltado polo subcampión Lucas Feijoo (3º ESO) e polo terceiro, Noel Freire (1º ESO). ¡Ben vedes que as novas xeracións chegan fortes!

O traballo das nosos "correspondentes"  (Mar Nieves, Penélope Vidal, Eva Couto e Julia Díaz)  en colaboración con Amparo Mejuto (Departamento de orientación) e  Mª José, do Espazo Xove de Betanzos, trouxo ao Aguiar un feixe de interesantes actividades de cultura urbana que completaron este día final do trimestre no IES Francisco Aguiar.

 

Tardou un pouco, mais, finalmente, o obradoiro de DJ conseguíu reunir a unha rapazada, se non abundante,  entusiasta coa creación musical.

Algo parecido ocorreu co espazo-skate que foi progresivamente crecendo en participación i espectacularidade. Tamén aquí puidemos contar coa visita de Cristián, ex alumno que fixo as delicias dos skaters.

O obradoiro de graffiti deixounos unha obra colectiva nunha parede do Instituto que moitos recordarán porque foron seus autores e autoras,... e tamén porque, de seguro que van tardar uns días en sacar das mans a pintura... 

Absoluto e incontestable foi o éxito da "master-class" de zumba. Animado e dirixido por un grupo numeroso de profesoras  o alumnado do Aguiar amosouse cheo de enerxía e ganas de mover o esqueleto. Sudar...sudaron, damos fé.

Pero se hai algo no conxunto de actividades do día 19 que non está disponible en ningunha "App store" é a cara de felicidade e os sorrisos da rapazada que participou, e do profesorado que coa súa colaboración, as súas ideas ou coa presenza nas actividades fixo posible que fose unha xornada festiva da que sentirnos orgullosos.

Van eses sorrisos  ( sentímolo,  "Not Available on the App Store" hai que vivilos).

 

GRAZAS A TODOS E TODAS. ¡FELIZ NADAL!