17 de xuño 2014.

Estamos a vivir uns dias no noso país nos que o adxectivo "histórico" escápasenos cada dous por tres . O certo é que o 17 de xuño deste 2014 foi para o IES un día histórico .Neste caso pola acumulación de emocións e situacións que, de seguro lembraremos durante moito tempo.

A primeira no tempo e, pode que a máis emotiva, foi a posta de longo da Biblioteca cun nombre propio. 

Nun emotivo acto iniciado polo Sr. Director Xosé Manuel Montero e conducido polo responsable da Biblioteca Francisco Rodríguez Coloma, descubríuse unha placa co novo nome en memoria do lembrado e querido compañeiro "Sebastián Buedo Jiménez".  No acto contamos coa presenza da súa muller, Sole,  e dos seus fillos, Sara e Sebas, quen agradeceu  a lembranza nunhas emotivas palabras.

Tamén interviñeron o ex alumno Andrés Hermida e a profesora M Jesús Suárez ( que estivo sempre arroupada  en tan emotivo trance por outros compañeiros e compañeiras).  O acto estivo solemnizado pola actuación musical dunha formación de alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º BAC e unha breve interpretación á viola da profesora Blanca Bello.

Todo o alumnado do noso Instituto, algúns ex alumnos, ex profesores, persoal non docente lembramos a figura de Sebas e o ligamos para sempre co compromiso coa lectura que o noso IES renova cada curso e cada día deses cursos.

Así remataba a mañá pero.... a  ¡última tarde lectiva do curso! coincidía con este día 17,  e presentábase tamén chea de actividade.

En primeiro lugar consolidando unha iniciativa de Blanca Bello e os seus alumnos e alumnas de Música, o concerto de fin de trimestre. Nesta ocasión decidíuse unha maridaxe arriscada pero que aó fin foi exitosa: como apertura do concerto proxectouse unha selección de vídeos científicos que o alumnado de 1º de BAC realizou na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo motivados polo profesor Miguel Orosa. Foi un aperitivo perfecto para unha sesión musical que tivo rigor, calidade e moita chispa. Contamos tamén coa presenza, sempre benvida, das familias dalgúns dos "artistas".

 

Simúltaneamente, o alumnado de 1º e 2º de ESO pasou nas dúas horas da tarde polo Polideportivo para recibir unha charla-exhibición de baloncesto a cargo de xogadores, directivos e entrenadores do Club de Baloncesto Santo Domingo  de Betanzos. A experiencia foi moi entretenida e apreciada polos pequenos do IES. Ogalla o Aguiar continue a ser a canteira deste betanceiro club.