Visita da escritora Andrea Maceiras. Andrea e as Nubes ( 1ª parte)
ANDREA E AS NUBES
Mar está nerviosa. Talvez sexa a primeira vez que recibe un encargo así: presentar unha escritora profesional ante os seus compañeiros de estudos. Ten medo de tatexar, de esquecerse do texto, de falar demasiado á présa... Xa lle presentaron a Andrea e parece riquiña. Aceptou o reto e agora debe cumprir, así que... comeza a falar e as palabras van saíndo. Uns minutos para dar conta lixeira da traxectoria desta autora nova que xa conta con importantes premios e catro libros publicados. Mar remata, pide aplausos e respira ali viada. Senta ao carón do ordenador e obedece, solícita, as instrucións de Andrea para axudarlle coa presentación visual (que ben guiada é esta rapaza!).
Despr azándose levemente sobre o escenario, Andrea Ma ceiras vai debullando con voz suave a xénese da novela Nubes de evolución ante un auditorio adolesce nte que se sorprende da súa mocidade madura. Ás súas costas, a pantalla amosa o escenario cotián que a inspirou: a estación de autobuses da Coruña. A escolla do branco e negro das imaxes simboliza a frialdade física e metafórica que sentiu durante as horas eternas que debeu agardar alí cando era estudante.
A observación atenta das persoas anónimas coas que compartía un espazo tan áspero e húmido fo ille inspirando os personaxes do relato encargado pola irmá: un texto afastado da narrativa fantástica da súa obra anterior, Violeta tamurana.
Unha muller nova encargada da limpeza, un home con fasquía de profesor de instituto e un mozo con bolsa de deportes... e a colaxe comeza a cobrar forma na súa cabeza.
Tamén imaxina alegrar con arte as paredes grises da estación: As Meniñas... demasiado clásico; a Pomba de Picasso só convoca a admiración das súas conxéneres; algunha obra de Banksy... (Banksy gústalle pola fusión de estética e denuncia); mais non, mellor un humilde graffiti cos versos dunha canción dos Rolling Stones.
Agora hai que darlle moitas voltas á trama, imaxinar situacións, anécdotas, engadir personaxes secundarios, algún fío que entrelace as vidas dos protagonistas e lle dea sentido ao conxunto... porque a narradora revélanos que ata ter totalmente estruturada a novela na cabeza non comeza a escribir. Que logo as cousas non saen como unha planea, pero ela necesita sentir que todo ten sentido antes de iniciar a parte física do oficio.
E así, entre imaxes e voz, os minutos van pasando e o relatorio chega ao seu remate. É o momento do coloquio e a mocidade de 4º do Francisco Aguiar non se anima malia a insistencia e o alento de Andrea, que vai lanzando preguntas ao alumnado sobre os seus gustos literarios, as súas afeccións... Por fin, Alberto rompe o xeo e interroga a escritora sobre a veracidade da súa exposición. Ela responde e aclara a dúbida. Aos poucos, os máis atrevidos propóñenlle cuestións que a autora responde con entusiasmo e detalle.
Soa o timbre e o público xuvenil volve á rutina. Na sala quedan algunhas admiradoras que se achegan tímidas á autora solicitándolle a súa sinatura nos libros. E Andrea pregúntalles o nome para llelos dedicar, debuxando en cadanseu volume unha nube naíf cos bordos redondiños. Unha nube xeitosa de faciana amable, coma ela. No texto que deseña para Mar pode lerse: “Para Mar, mil ceos despexados”.
Pichel
...Continuará