Todas as fotos no ENLACE
“Un galego bilingüe ten mais probabilidades d’éxito no mundo
que un galego que non coñeza mais qu’o castelao”
A actualidade das súas palabras é innegable. Neste ano 2024 conmemórase o centenario do pasamento de Xoán Vicente Viqueira, que foi profesor catedrático de Filosofía no noso instituto (daquela denominado aínda Instituto da Coruña ), entre 1917 e 1924, o ano da súa prematura morte con 37 anos. É unha figura senlleira mais pouco coñecida; é lembrado polo seu labor como activista das Irmandades da Fala, das que chegou a ser presidente, mais esa é toda a información que vemos cada mañá na praca que o recorda na entrada do IES Eusebio da Guarda.
Viqueira destacou por ser filósofo, psicólogo, pedagogo, profesor, escritor, músico, e un home profundamente galeguista. Foi criado e educado no seo da Institución Libre de Enseñanza de Giner de los Ríos, que era como da familia e botaba os veráns na casa familiar dos Viqueira. Esa educación liberal e progresista que recibiu había de determinar a súa actividade futura.
Enfermou de osteomielite aos quince anos, e esa enfermidade “destruíu o meu corpo pero afianzou a miña alma”, como el mesmo dicía. Dunha bondade destacada por todos os que o coñeceron, os seus alumnos lémbrano como un profesor comprensivo e preocupado polo alumnado, empeñado en espertar nel o espírito crítico.
Home sumamente culto, europeísta, moderno e avanzado nas súas ideas sobre ensino, igualdade e inclusión lingüística, criouse desde neno escoitando a lingua galega na boca dos veciños de Vixoi, e xa de adulto converteuse en neofalante convencido e firme defensor de Galiza e da súa lingua.
Así pois, para rescatalo do esquecemento levamos a cabo este ano varias iniciativas en colaboración con entidades como o Concello de Bergondo, o CPI Cruz do Sar e diversas asociacións, dentro do programa de actos do ano Viqueira.
Grazas ao traballo colaborativo entre os Departamentos de Lingua Galega e Literatura dos dous centros, os respectivos EDLG, os de Xeografía e Historia e de Filosofía, e mais coa axuda de persoas tan achegadas como Xulio Cuba ou Charo Soto, profesorado xubilado do noso departamento, realizamos diversas actividades sobre a súa figura agrupadas na semana do seu nacemento, o 22 de outubro.
• Decoración artística de fotografías da súa biografía (4º ESO D).
• Álbum de fotos familiar (3º ESO E).
• Sopas de letras sobre a súa obra (4º ESO A)
• Obradoiros sobre os seus poemas e ensaios (1º ESO, 3º ESO E, 4º ESO E).
• Exposición de traballos nos corredores do instituto.
• Visita guiada á Quinta do Cortón e concerto de Quinta San Vitorio, en colaboración co CPI Cruz do Sar e as Asociacións Culturais Alexandre Bóveda, Roxín Roxal, Irmáns Suárez Picallo, Eira Vella, Zona Hadal e Rede cultural Betanzos e bisbarra (22/10/2024).
• En colaboración co CPI Cruz do Sar, roteiro pola Coruña o 23/10/2024 (3o ESO E, 4ºESO D) e Bergondo o 29/10/2024 (3º ESO E, 4º ESO D, E), coa interpretación a capella do “Cantar do berce” de Xoán Vicente Viqueira, a cargo de Candela Nielsen (4º ESO D).
• Dramatización a cargo da profesora Marta Pumares Varela como Jacinta Landa Vaz, esposa de Xoán Vicente Viqueira (1º ESO), o 25/10/2024.
• Mesa redonda sobre o autor cos investigadores Narciso de Gabriel, Xesús Torres e Marta Pumares (1º BACH F, 2º BACH B, E, F) o 25/10/2024.
• Entrevista aos investigadores/as (3º ESO E), o 25/10/2024.
• Creación na biblioteca do “Recanto Viqueira”.
• Difusión do vídeo realizado pola Asociación Alexandre Bóveda no noso instituto https://www.facebook.com/watch/?v=888893539953457
As actividades non remataron aínda; actualmente o coro plurilingüe do instituto disponse a adaptar o fermoso “Cantar do berce”, con música do propio Viqueira, que conservamos grazas a unha preciosa gravación na voz da súa esposa, Jacinta Landa Vaz. Tamén recrearemos as fotos que se conservan de Xoán Vicente no instituto, con colegas e alumnos, nos mesmos lugares onde foron tomadas. Outras actividades encurso son os obradoiros para elaborar marcapáxinas e chapas, ademais dunha foto mosaico do autor feita a partir das fotografías dos actuais membros da comunidade educativa, para desta forma quedarmos fundidos pasado e presente, ollando cara a un futuro mellor.
Ao remate do ano Viqueira, un blog recollerá todos os traballos, para que a súa luz siga viva e no seu instituto ninguén esqueza a súa relevante contribución á nosa Galiza.
Enlace a vídeos en Youtube:
Departamento de Lingua Galega e Literatura
Equipo de Dinamización da Lingua Galega