DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024
Luísa Villalta é a sexta muller homenaxeada na historia do Día das Letras Galegas.
A poeta do pensamento, a música do violino, a nena que medrou na coruñesa rúa da Falperra, a cronista da Coruña que puxo a Cidade Alta no mapamundi da poesía, a muller coherente e comprometida, a amiga que sempre estivo aí. Luísa Villalta (A Coruña, 15 de xullo de 1957-6 de marzo do 2004), as Luísas que caben en Villalta volven este maio para que gocemos coa súa obra e tamén con ela.
O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda está a renderlle á escritora e insigne alumna unha homenaxe na que ten participado toda a comunidade educativa.
Entre as actividades que se están a organizar, a Exposición realizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística, mostra a traxectoria literaria e humana de Luísa en paneis acompañados de exemplares das súas obras.
Cabe destacar como elemento primordial da exposición o cadro dedicado á escritora realizado polo alumnado de Debuxo artístico de 2ºBach dirixido pola profesora Eva Vérez. Dita exposición inaugurouse o tres de maio e permanecerá no primeiro andar do instituto ata fin de mes.
Convidamos a toda a Comunidade do Eusebio a visitala.
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
Beni Vidal Tomé
Xefa de Departamento de Lingua Galega e Literatura
Teresa Pastor Novo
Coordinadora do Equipo de Dinamizacion Lingüística
Máis fotos no ENLACE