Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Aquí no Eusebio tamén se fala en galego

Acceso a máis fotos no Enlace

Este curso desde o departamento de Lingua Galega e Literatura participamos na iniciativa de dinamización lingüística Aquí Tamén se Fala Galego, promovida polo IES Rafael Dieste. Desde principios de curso o alumnado de 4º ESO e máis adiante o de 2º de bacharelato tivo a oportunidade de converterse nun auténtico axente dinamizador e contribuír así á normalización do uso da lingua galega na cidade. O IES Rafael Dieste encargouse de elaborar carteis individualizados para cada instituto participante, de maneira que os nosos carteis co lema “Aquí Tamén Se Fala Galego” son azul escuro e indican de forma ben visible o nome do IES P Eusebio da Guarda.

A actividade consistiu en distribuír estes carteis en locais de atención ao público de todo tipo como negocios, bibliotecas, tendas, etc. Contando sempre co permiso da persoa encargada do local, tomouse unha foto do cartel en cada lugar, e en case todos os casos o/a responsable do mesmo prestouse de bo grao a aparecer na foto.

Así se foron distribuíndo os carteis polo noso barrio, e ao tempo demos pé a que o alumnado realizase un importante descubrimento: na Coruña fálase galego, moito máis do que pensamos, o caso é propiciar a ocasión, pois a maioría das coruñesas e coruñeses saben falar galego. É unha lingua que dorme entre o cemento, algo afogada mais viva aínda. Só temos que atrevernos a espertala.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas



page | by Dr. Radut