Celebración das Letras galegas 2023
Concerto das Letras galegas
O venres 12 de maio todo o alumnado do IES do Camiño puido gozar da musica e a poesía grazas ao concerto de Toño Núñez (vocalista) e José Manuel do Castro (acordeón).
Foi unha viaxe polo repertorio poético galego, desde as temperás cantigas medievais ata os versos máis contemporáneos, fermosamente cantados polo antigo profesor deste centro, Toño Núñez.
Recital-concerto Aldaolado
Para celebrar o Día das Letras Galegas 2023, adicado a Francisco Fernández del Riego, un “obreiro” da nosa lingua e cultura (como adoitaba dicir de si mesmo), o ENDL programou o espectáculo Chulísima, unha proposta do dúo poético Aldaolado que fala do galego e da necesidade de normalizar o seu uso.
Mediante a retranca, o humor, a poesía e a música María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) fálanlle de ti a ti á mocidade para facerlle ver que o galego é unha lingua marabillosa, chea de vida e de éxitos malia todas as batallas que perdeu e segue a perder. Desbotando prexuízos, resaltando a vivencia positiva desta lingua: así procuran ambas sumar galegofalantes.
Exposición de carteis sobre Fernández del Riego
No marco da homenaxe a Francisco Fernández del Riego, o alumnado da ESO e de 1º de Bacharelato fixo, en calidade de detectives á busca de pistas, unha visita á exposición de carteis sobre a vida e a obra do autor das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego. Deste dinámico xeito coñeceron moitas cousas interesantes sobre o ilustre galeguista.