Skip to Content

Blogues

Visita ó (S8) XIV Mostra Internacional de Cinema Periférico 2023

"A maxia do cine permítenos compartir un soño de maneira colectiva", dicía Ángel Rueda, codirector do (S8) Festival de Cinema Periférico, na conversa que mantivo cos nosos estudantes de primeiro de bacharelato esta mañá do 29 de maio na sala de proxeccións do museo Domus da Coruña.

A visita, organizada polo Departamento de Filosofía, permitiunos asistir ás xornadas de cine para centros públicos que se levan a cabo cada ano no marco do festival. Nela tivemos ocasión de visionar cinco curtametraxes internacionais de temática social, a través das cales nos achegamos á realidade doutros países e contextos, toda vez que coñeciamos novas linguaxes fílmicas. A proxección estivo seguida dun pequeno coloquio en que lles demos continuidade e profundidade ás reflexións sobre o papel e o sentido da arte iniciadas nas nosas clases de estética filosófica.

Premios Xoán Díaz 2023

O venres, 19 de maio, no transcurso dunha gala que se celebrou no IES David Buján, tivo lugar a entrega de premios do XXIX Certame Literario Xoán Díaz

Despois de dúas edicións en que este acto non se puido facer, a gala da entrega de premios do XXIX Certame Literario Xoán Díaz volveu á normalidade. O acto celebrouse o 19 de maio de 2023 no salón de actos do IES David Buján e contou coa presenza de varios membros da familia de Xoán.

O acto, presentado por dous alumnos do centro, foi inagurado por un discurso do director do IES David Buján, Ricardo Rodríguez Portela, que felicitou os gañadores e recordou a esencia deste consolidado certame literario. Tamén tomaron a palabra os outros membros da mesa: Belén Vidal, directora do IES Afonso X O Sabio, Mercedez Díaz, irmá de Xoán, Mónica Varela, concelleira de Cultura do Concello de Cambre e José Luis Villar, presidente do xurado, que leu a acta.

A gala, amenizada por un coro do IES David Buján e un grupo de pandeiretas e gaita da Escola de Música e Baile "As Mariñas", de Cambre, contou coa presenza dos premiados e premiadas, que leron un anaquiño da súa obra no momento de recoller o seu galardón. 

Musigal 23

Xa chegamos á rolda final do Musigal 2023. Estas son as 10 cancións que chegaron. Escóitaas e vota.  

Sortéanse puntos, bocatas  e unha camiseta (exposta na cortiza do EDLG) por participar.

Concurso Marcapáxinas (Letras Galegas 2023)

Aquí poder ver  os traballos presentados. Houbo que descualificar algunha creacións por non cumprir as bases.

O xurado atopou unha gran calidade nas obras presentadas e manifestou que foi difícil escoller os gañadores.

Grazas a todos por participar e parabéns aos gañadores

Gañadores

Correlingua 2023

Na casa, na escola bota a lingua fóra

A festa do Correlingua celebrouse na Coruña o 5 de maio e  congregou a varios centos de estudantes de toda a provincia (participaron moitos centros da Coruña, pero tamén de Oleiros, Cerceda, Laxe, Arteixo, Cambre, Carral, Vimianzo, Laracha…) na contorna da Torre de Hércules. Un gran escenario acollía este evento normalizador co lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra”, ao que a cativada respondeu con alegría e emoción.O evento, artellado pola Asociación Cultural Correlingua (na que colabora CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega así como varios concellos do país e a deputación), leva dende 2006 sendo unha cita ineludible para ducias de coles de todo o país, comprometidos coa nosa lingua. (Ubaldo Cerqueiro, Xornal da Coruña)

Do IES David Buján participou o alumnado de 1º da ESO. O tempo estivo solleiro e o paseo ata a Torre foi moi agradable. O noso alumnado estivo moi activo procurando empregar a nosa lingua en todo o percorrido.. O noso centro participou no concurso de faixas, aínda que este ano o gañador foi o centro de Cerceda.

 

Concurso musical: maio

Xa está aquí o concurso deste mes.  Ata o 30 de maio podes completar as dúas cantigas (Semente de vencer e Cedeira), xuntas ou por separado. Entre todos os partcipantes sortearanse puntos de EDLG e vales da cafetaría. Sortearase unha camiseta moi chula (exposta na cortiza do EDLG) se hai 40 ou máis participacións.

PARTICIPA. PREME NAS CANCIÓNS E NON ESQUEZAS PÓR O TEU NOME E CURSO

 

Día das Letras Galegas: Francisco Fernández del Riego

 

Francisco Fernández del Riego (1913-2010) foi o principal dinamizador do galeguismo cultural tras o abrupto corte que supuxeron a Guerra Civil e a posguerra. Ademais de poñer en marcha todo tipo de proxectos encamiñados a recuperar a presenza do galego como lingua de cultura nunha sorte de «segundo Rexurdimento», durante gran parte da súa longa vida foi o alicerce ao redor do que se artellou o traballo conxunto entre os intelectuais do exilio, os que permaneceron no país tras a contenda e as novas xeracións de galeguistas que van xurdindo malia o difícil contexto da ditadura franquista. Entre as súas iniciativas salienta a de crear en 1963 o Día das Letras Galegas, unha data en que conmemorar e celebrar a lingua, a literatura e a cultura de noso. Sesenta anos despois o propio don Paco é a figura homenaxeada nesta efeméride (Héctor Cajaraville).

Para achegarte  ao  autor homenaxeado a continuación hai unha serie de recursos e ligazóns:

O Seminario Galán ten moitos recursos e actividades. Entre eles un vídeo sobre a vida e a obra do autor feito polo colexio Pío X de Ourense.

 A Primavera das Letras para que coñezades un chisco máis o autor do Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo propóñenvos unha obra de teatro protagonizada polos obxectos que acompañaron o noso homenaxeado en distintas etapas da vida. Animámosvos a lela e a representala na aula, se vos presta. Vaivos tocar berrar, cantar, bailar...Que mellor maneira de celebrar?

As cousas de don Paco

Tamén hai xogos sobre a figura do autor homenaxeado:

O IES San Paio fixo unha presentación sobre o autor onde se recollan algunhas das súas reflexións sobre a nosa lingua.

Tamén temos unha antoloxía de textos elaborada polo Seminario Galán.

O escritor Héctor Cajaraville, autor dun libro sobre a figura elixida para ser homenaxeada neste ano no Día das Letras Galegas, fixo un vídeo  sobre a vida e obra do escritor.

 

Os maios

Prepárate para celebrar a  chegada da primavera e participa na elaboración do noso  florido "maio" . Tamén podes vir recitar as túas satíricas coplas.

Coa chegada do mes de maio, os “maios” saen ás rúas das nosas vilas e cidades.

 A "festa dos maios"  é unha das manifestacións máis antigas da cultura popular. Os "maios" son  figuras de madeira, adobiadas de follas, flores e froitos que celebran o final do inverno e a chegada da primavera.

Nas “Festas dos Maios” estas construcións, normalmente cónicas, desfilan polas rúas ó tempo  que se recitan coplas, breves composicións xeralmente de carácter satírico e crítico coa actualidade. Entóanse acompañadas do ritmo de dous paus (a forma máis tradicional) e  doutros instrumentos ou do son de elementos típicos galegos, como as cunchas de vieira.

Non hai “maios” sen coplas.

Poden ser alegres e primaverais,  ou , as máis habituais, críticas e satíricas, sobre temas e personaxes de actualidade.

CONCURSO DE COPLAS

1. Poderá participar  calquera membro da comunidade educativa do IES David Buján..

2. Cada participante comporá tres coplas, como mínimo coas seguintes características:

  • estrofas de catro versos de arte menor con rima  nos pares e poden  quedar soltos os impares.
  • ritmos marcado
  • as complas centraranse na crítica dun tema de actualidade: deportiva, escolar, municipal, política, ... cun ton de denuncia e reivindicación

3. Será condición indispensable que os traballos sexan orixinais e inéditos. O prazo de admisión rematará o 19 de maio ás 23:59 horas.

4. Admitirase un traballo como máximo por cada participante.

5. Os traballos enviaranse ao enderezo edlg@iesdavidbujan.gal xunto cos datos persoais da persoa participante

7. O IES David Buján  poderá realizar unha exposición con todas as coplas presentadas a concurso.

8. Haberá  gorentosos premios para todos os participantes. O premio para o gañador é unha camiseta do Reizentolo, se hai máis de 25 participantes.

9. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes bases.

10. Podes comezar as túas coplas cunhas estrofas introdutorias como as que veñen a continuación:

PARTICIPA

 Tamén deixamos un vídeo onde Eira nos explica que son os maios e como facer coplas.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut