Os maios
Prepárate para celebrar a chegada da primavera e participa na elaboración do noso florido "maio" . Tamén podes vir recitar as túas satíricas coplas.
Coa chegada do mes de maio, os “maios” saen ás rúas das nosas vilas e cidades.
A "festa dos maios" é unha das manifestacións máis antigas da cultura popular. Os "maios" son figuras de madeira, adobiadas de follas, flores e froitos que celebran o final do inverno e a chegada da primavera.
Nas “Festas dos Maios” estas construcións, normalmente cónicas, desfilan polas rúas ó tempo que se recitan coplas, breves composicións xeralmente de carácter satírico e crítico coa actualidade. Entóanse acompañadas do ritmo de dous paus (a forma máis tradicional) e doutros instrumentos ou do son de elementos típicos galegos, como as cunchas de vieira.
Non hai “maios” sen coplas.
Poden ser alegres e primaverais, ou , as máis habituais, críticas e satíricas, sobre temas e personaxes de actualidade.
CONCURSO DE COPLAS
1. Poderá participar calquera membro da comunidade educativa do IES David Buján..
2. Cada participante comporá tres coplas, como mínimo coas seguintes características:
- estrofas de catro versos de arte menor con rima nos pares e poden quedar soltos os impares.
- ritmos marcado
- as complas centraranse na crítica dun tema de actualidade: deportiva, escolar, municipal, política, ... cun ton de denuncia e reivindicación
3. Será condición indispensable que os traballos sexan orixinais e inéditos. O prazo de admisión rematará o 19 de maio ás 23:59 horas.
4. Admitirase un traballo como máximo por cada participante.
5. Os traballos enviaranse ao enderezo edlg@iesdavidbujan.gal xunto cos datos persoais da persoa participante
7. O IES David Buján poderá realizar unha exposición con todas as coplas presentadas a concurso.
8. Haberá gorentosos premios para todos os participantes. O premio para o gañador é unha camiseta do Reizentolo, se hai máis de 25 participantes.
9. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes bases.
10. Podes comezar as túas coplas cunhas estrofas introdutorias como as que veñen a continuación:
PARTICIPA
Tamén deixamos un vídeo onde Eira nos explica que son os maios e como facer coplas.