Aproveitando que non vai nin unha semana da celebración das nosas eleccións autonómicas, e continuando co noso compromiso de educar en valores democráticos, esta mañá do 22 de febreiro celebramos no salón de actos do noso centro un coloquio sobre o Parlamento de Galicia.
A sesión comezou coa proxección dun vídeo divulgativo sobre a historia e funcionamento da institución, e continuou cos relatorios de dous invitados de honra: María Pilar García Negro e Ángel Ramón Mesa Torreiro, que falaron en calidade de exdeputados.
María Pilar García Negro introduciunos na historia do noso parlamento, falounos da súa bagaxe persoal e profesional, e sinalou algúns dos logros da institución. Pechou a súa charla coa lectura duns versos de Rosalía de Castro, aproveitando a proximidade do seu aniversario.
Ángel Ramón Mesa Torreiro incidiu na importancia da palabra para acadar consensos, e reivindicou o valor do parlamento como espazo de debate e representación da pluralidade ideolóxica da cidadanía galega. Rematou a súa intervención convidándonos a visitar o parlamento e a coñecer as formas de participación cidadá a través da súa páxina web.
A esta actividade, organizada polo Departamento de Filosofía, asistiu todo o alumnado de Educación en Valores Cívicos e Éticos de 3º da ESO, en compañía do alumnado de Filosofía de 4º da ESO.