Ritos e tradicións fúnebres
Outra tradición relacionada coa veneración ou a prevención cos mortos é a dos colares de zonchos, isto é, de “castañas cocidas coa pelica” que cunha agulla e un cordel se enfían como se fosen as doas dun rosario. Fanse para llelos poñer aos nenos nos días un e dous de novembro, especialmente no de Defuntos, para, segundo algunhas fontes, protexelos contra os espíritos con este amuleto, ou, segundo outras, porque por cada castaña agasallada e comesta sálvase unha alma. Esta tradición segue manténdose viva en moitos lugares do norte do territorio.
Zoncho é unha das palabras que a nosa lingua ten para designar as castañas cocidas. Outras son mamotas, ou burgazos. Un nome como os múltiples que existen para nomear os distintos tipos de castañas, un dos produtos galegos máis importantes da gastronomía do país durante centos de anos ata que foi sendo substituída pola pataca. Con todo, a castaña segue sendo moi importante na cultura gastronómica e popular de Galicia e está asociada a moitas das nosas tradicións, entre elas, o Samaín, o Magosto ou o Nadal, os colares de zonchos, ..
O EDLG para continuar con esta tradición ben bonita convoca un concurso de colares de zonchos. Valorarase a orixinalidade, a estética, empregar elementos respectuosos co medio, e a lonxitude do colar.
Atento ás bases que se colgarán na cortiza do EDLG e o día marcado vén co teu colar de zonchos.
Haberá premios para todos.
Xogo do Samaín