O concurso #ESTIQUECANTAS busca a complicidade dos rapaces de 12 e 18 anos e desenvolverase en Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar. Crearán un vídeo breve (menos de 60 segundos e coa súa propia linguaxe: memes en movemento, gifs, stickers…) no que difundiran o que lle inspiran as palabras da escritora para compartilo a partir do 23 de febreiro, o día de Rosalía, e ata o próximo 15 de marzo.
O xurado -formado por Lucía Aldao, e as tiktokers Prado Rúa e Malva. Os gañadores dranse a coñecer o próximo 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques e da Poesía dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.
Ilustración baseada nunha campaña de defensa do gaélico irlandés Sábháil Ár dTeanga (Salva a nosa lingua) que recolle un graffiti de Bansky.
A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?
O 21 de febreiro é o Día da lingua materna, proclamado pola Unesco hai 16 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Escolleuse a data por coincidir co día en que unha multitude de falantes bengalís foi tiroteada pola policía paquistaní, cando se manifestaban pacificamente polos seus dereitos lingüísticos. Lingua materna foi a nomenclatura oficial elixida para este Día internacional e trátase dun termo estendido na maioría das linguas occidentais –mother tongue, langue maternelle, lengua materna, llegua matter, ama-hizkuntza, Muttersprache etc. –, desde hai máis de 500 anos (hai documentación do termo langue maternelle no século XIV). Non obstante, é unha denominación que está sendo substituída por expresións como lingua inicial ou lingua primeira, xa que os expertos entenden que “lingua materna” pode ter connotacións sexistas ao lle atribuír o papel exclusivo da transmisión lingüística á nai e tamén porque pode resultar ambiguo en sociedades plurilingües.
Que é a lingua inicial ou materna?
É aquela á que o individuo está exposto desde o nacemento, a lingua que primeiro adquire, habitualmente no seo da familia. A súa característica máis salientable é que se aprende espontaneamente na interacción cotiá, a través da conversa.
Que está a pasar coa nosa?
Nas dúas últimas décadas, a porcentaxe de monolingües iniciais en galego descendeu máis de vinte puntos porcentuais, en tanto que aumentou o número de bilingües e monolingües en castelán. En 2013, hai case trescentas mil persoas menos que aprenden a falar en galego ca dez anos antes, mentres o número de galegos bilingües iniciais aumentaba en case douscentos trinta mil.
No noso instituto festexamos o feito de termos unha lingua propia e que non queremos deixar perder con varios eventos (conferencia de Xurxo Mariño, concurso de adiviñas en liña e reparto de adhesivos con versos dos nosos poetas sobre a lingua). Mira os adhesivos que hai
O alumnado escolleu palabras da nosa lingua que despois se imprimiron en poliestireno expandido coa colaboración co CIFP Someso. Puxéronse no noso pousadoiro dos 21DCG+ para que a comunidade educativa se poida sacar fotografías.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautizo.
O IES David Buján convida a toda a comunidade educativa a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra.
No centro para homenaxear a súa figura e difundir a súa obra celebraranse distintos eventos (plantación de pensamento na oliveira de Xoán, lectura do manifesto do AELG, recitado poético e concurso de videopoemas para a canle poética que se vai iniciar).
A escritora Antía Yáñez protagonizará o xoves 10 de febreiro, no noso centro, a partir das 11.20 horas un encontro literario organizado dende o EDLG dentro dos 21 DCG+.
Aínda que estudou enxeñería de Camiños, Antía Yáñez Rodríguez (Burela, 1991), xestiona unha academia en Cecebre (Cambre), onde imparte obradoiros de escritura para rapazas e rapaces, compaxinando esa actividade coa literaria.
Entre os premios outorgados á súa obra cóntanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria de Moaña (2013); o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela (2014 e 2017); o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre (2016); o premio Illa Nova coa novela Senlleiras (2018) e o Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, pola obra Plan de rescate (2019).
O misterio de Portomarín (2016) foi a súa primeira novela publicada, seguida pola premiada ‘Senlleiras’ (2018), O misterio do torque de Burela (2019) e Be Water (2019).Os rapaces do centro leron O misterio de POrtomarín, obra que lles encantou e que os tivo moi intrigados.