O claustro do IES de Chapela, reunido en sesión extraordinaria hoxe, 25 de outubro, aprobou este texto en relación co conflito palestino-israelí como mostra do seu total rexeitamento á violencia que está a imperar nestes tempos de barbarie e do seu firme compromiso de educar para a paz.
|
|||
Time goes by… E o 23 de outubro chegou o día en que a nosa querida compañeira Tere Dacuña Vicente se xubilou, despois de 31 anos impartindo clases de inglés no IES de Chapela. Profesora case desde o inicio da andadura deste centro, foi un dos piares do IES de Chapela, e agora trémenos un pouco o chan baixo os pés coa súa marcha. Alumnado e profesorado quixemos acompañar a nosa teacher nun día tan especial dedicándolle no noso mellor inglés o tema Flowers, de Miley Cyrus. Agardamos que esta nova etapa non só veña cargada de flores para ti, senón que sexa toda ela como unha primavera sen fin que che permita seguir gozando cada día e seguir medrando máis e máis! Nós botaremos de menos a túa presenza nas aulas, na biblioteca, nos corredores, nos cafés, na sala do profesorado... Pero quedan aquí as túas pegadas e sempre che agradeceremos o teu compañeirismo e a túa amabilidade durante todos estes anos!
E a xubilación de Tere lembrounos a xubilación da súa inseparable amiga Cris Garabatos Cuadrado ao remate do curso pasado. Di un vello refrán que a memoria é como un mal amigo: cando máis a necesitas, fállache. Fallounos a memoria porque non nos acordamos de subir no seu momento unhas palabras de homenaxe a Cris, atafegados e atafegadas como estabamos coas tarefas de fin de curso. Mais di outro refrán que rectificar é de sabios. Así que só nos queda rectificar ese erro involuntario e recordar (como di Eduardo Galeano, "do latín re-cordis, volver a pasar polo corazón")... Recordar o marabilloso que foi compartir todos estes anos contigo e o gran traballo que fixeches como profesora de lingua e literatura española e como coordinadora incansable da biblioteca. Porque moitas xeracións de rapazas e rapaces aman hoxe e amarán sempre os libros grazas a ti. Porque contigo, co permiso de Pablo Neruda, "es tan largo el amor y es tan corto el olvido". Moita sorte a ambas nas novas aventuras que vos agardan máis alá das paredes do IES de Chapela! Tedes aquí a vosa familia para cando queirades vir visitarnos.
|
|||
O alumnado do IES de Chapela, acolléndose ao seu dereito de reunión e tras o acordo alcanzado na Xunta de delegados e delegadas celebrada no centro o 19 de outubro, decidiu sumarse á decisión colectiva de non asistencia á clase o próximo 26 de outubro, secundando a folga convocada polo Sindicato de Estudantes "En solidariedade co pobo palestino". Na seguinte circular informativa pódese consultar toda a información relacionada co procedemento a seguir polo alumnado, tanto aquel que secunde a folga como o que decide asistir con normalidade a clase.
|
||||
|
|||
Achégase o Samaín! Para celebralo, animádevos a participar no Concurso de relatos de medo organizado pola Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Tedes ata o 6 de novembro para enviar os vosos arrepiantes textos escritos en lingua galega a bibliochapela@gmail.com.
|
|||
Hoxe, martes 17 de outubro, Irene Signo Iglesias, alumna do IES de Chapela, recolleu un dos premios da categoría de debuxo da II edición do concurso "Escola en Camiño". O certame é un proxecto organizado por Faro de Vigo, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, que vai dirixido aos centros educativos de Galicia para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago. O acto de entrega de premios tivo lugar esta mañá na estación marítima de Vigo. Moitos parabéns á premiada!
|
|||
O pasado luns, alumnado de APSD ordinario e modular do IES de Chapela, acudiu en Vigo a unha charla formativa dentro do programa DIVULGAMENTE da Fundación Barrié. Nela puidéronse sensibilizar e coñecer que é o Alzheimer e outros tipos de demencias, que partes do cerebro se ven afectada en cada unha delas, por que se producen e cales son as principais diferenzas entre elas.
|
|||
Hoxe, 29 de setembro, toca despedirnos da nosa compañeira Esther Mato Méndez pola súa xubilación. Quixo o azar (ou o destino?) que Esther, orientadora do noso centro anos atrás, volvese este curso á que é sen dúbida a súa casa para rematar aquí a súa andadura profesional tras varios anos dedicada á educación en Marrocos. O IES de Chapela estará sempre en débeda con ela polo seu gran labor como orientadora durante tantos anos, colleitando para a nosa comunidade educativa importantes éxitos que aínda seguen a dar os seus froitos e forman xa parte do mellor da historia do IES de Chapela. Compañeira, moitas grazas por todo e ata pronto!
|
|||
Dende o IES Pedro Floriani ofértase un curso de capacitación dixital, orientado principalmente a persoas adultas que non teñan un nivel alto en medios dixitais e queiran aprender a darse de alta en aplicacións (Sergas, Ministerio, Xunta...), usar apps para solicitar citas, enviar correos electrónicos, facer documentos, realizar videochamadas, etc. As clases serían os luns e xoves polas tardes durante o mes de outubro e principios de novembro. O prazo de matrícula remata o mércores 4 de outubro. As persoas interesadas poden chamar ao 886 12 04 13.
|
|||
DENTRO DAS ACTIVIDADES PARA PROMOCIONAR A MOBILIDADE FIXEMOS CO ALUMNADO DE 1º DE ESO UNHA ANDAINA POLA SENDA DA AUGA PARA RECOLLER LANDRAS QUE DESPOIS PLANTAREMOS. CO ALUMNADO DE 4º DE ESO PLANTAREMOS ÁRBORES MAIS ADIANTE, CON 4º CHEGAMOS ATA O BANCO DAS VISTAS POLA RÍA.
ESTE ANO A SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE ESTÁ DEDICADA AO AFORRO DE ENERXÍA, DEIXAMOS AQUÍ UNS ENLACES PARA QUE POIDAS VER A INFORMACIÓN. NON O DUBIDES MÁIS... PONTE EN ACCIÓN! NO IES CHAPELA QUEREMOS FOMENTAR A MOBILIDADE ACTIVA, O TRANSPORTE PÚBLICO E O USO DE ENERXÍAS LIMPAS. Semana Europea de la Movilidad 2023 (miteco.gob.es) EUROPEAN MOBILITY WEEK | Home
|
||||||
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- …
- seguinte ›
- última »