Comunicados

De Chapela a Palestina, educando para a paz

O claustro do IES de Chapela, reunido en sesión extraordinaria hoxe, 25 de outubro, aprobou este texto en relación co conflito palestino-israelí como mostra do seu total rexeitamento á violencia que está a imperar nestes tempos de barbarie e do seu firme compromiso de educar para a paz.

Peche do centro ás 22:00

Prezado alumnado


A partir de mañá martes 26 de xaneiro, e seguindo indicacións de Inspección Educativa, procederase a pechar o centro ás 22:00, hora na que rematará a xornada lectiva para todos os cursos da FP en réxime modular. Os minutos que se perdan de docencia deberán ser recuperados con actividades ou tarefas a través da Aula Virtual ou de calquera outro medio que cada profesora ou profesor considere apropiado. Con esta medida, que estará en vigor ata nova orde, téntase unha maior adecuación do noso horario ao toque de queda, ademais de favorecer as accións que se están a implementar para frear a expansión de afectadas e afectados pola pandemia. Volvemos a facer un chamamento a extremar as precaucións, respectar as normas de prevención e ser escrupulosas e escrupulosos no seu cumprimento. Recibide un saúdo cordial e moito ánimo.

A dirección

Seguimos adiante

Prezadas familias e alumnado do IES de Chapela,

O alumnado do IES de Chapela está a dar un exemplo de responsabilidade e madurez ao longo deste curso marcado pola pandemia,no que aínda non temos que lamentar nin un só contaxio no centro. Aquí vai o noso agradecemento e os nosos parabéns, mais tamén o recordo de que en ningún momento podemos baixar a garda. Ante a situación de crecemento dos casos de infección en todo o país pregamos seguir minimizando o risco, respectando as normas de prevención, gardando corentena na casa cando haxa síntomas compatibles coa COVID... As canles para informar ao centro dos casos sospeitosos ou para facer calquera consulta continúan a ser as mesmas: correo electrónico da persoa titora, correo do centro: ies.chapela@edu.xunta.gal,  teléfono 886 110 610, preguntando polos responsables do equipo COVID. Son momentos difíciles e só coa vosa colaboración podemos saír adíante. Grazas, grazas, grazas. Saúde e terra.

Equipo COVID e Equipo Docente e Non Docente do IES de Chapela.

Dous casos positivos en COVID-19

Ao longo do venres 30 de outubro tivemos coñecemento dos dous primeiros positivos en COVID-19 entre o alumnado do IES de Chapela desde o inicio das clases no mes de setembro. Un corresponde á quenda de diúrno e outro a de modular horario adulto. Ambas as dúas persoas están ben e son asintomáticas. A orixe dos positivos é externa ao centro, mais por prevención e seguindo os protocolos da Consellería de Sanidade, o propio venres avisouse aos seus contactos estreitos, aqueles que se ubican nos postos escolares máis próximos ou que manteñen unha relación moi estreita cos dous casos, para que iniciasen o seu confinamento á espera da realización dunha proba PCR que confirme que non son positivos.

A actividade no centro continuará como ata hoxe, mantendo as medidas de seguridade e hixiene implementadas desde o principio de curso e que pensamos están a dar tan bo resultado. Chamamos de novo á calma e á responsabilidade da comunidade educativa nestes momentos, e felicitamos ao noso alumnado e as súas familias pola boa resposta que están a dar nesta crise sanitaria e educativa.

Anexamos modelo de Carta da Consellería de Sanidade que facilita para estas situacións.

Unha aperta moi forte e moito ánimo.

 

A dirección / Equipo COVID

Aviso FP Distancia

Infórmase de que, debido ao alto número de alumnado matriculado no Ciclo Superior de Integración Social a Distancia, resulta imposible realizar as xornadas de acollemento programadas para o venres de xeito presencial cumprindo a normativa de prevención e protección fronte á COVID-19. Ditas xornadas substitúense por unha videoconferencia que se fará o venres ás 17:00 para todo o alumnado que desexe ou poida conectarse nese momento. Para realizar a conferencia o alumnado recibirá un enlace no correo. A asistencia é voluntaria e a información subirase á páxina WEB. Sentimos moito as molestias que dito cambio poida ocasionar.

Presentación Ciclo Superior Integración Social

Aclaramos que a presentación do Ciclo Superior de Integración Social, pese a ser un ciclo a distancia, é presencial como marca a normativa. Aínda así, non é obrigado asistir e toda a información colgarase na web do centro.

Comunicado IES de Chapela - 15 de setembro

Prezada comunidade educativa do IES de Chapela,

 

Falta unha semana para o 23 de setembro, a nova data que o venres pasado estableceu a Consellería para o inicio do curso escolar logo das presións de centros educativos coma o noso e na que, ademais, está convocada folga das traballadoras e traballadores do ensino. Desde aquela non existe aínda unha comunicación oficial dos cambios que haberá que adoptar no protocolo, do papel que deben xogar as mamparas, da adxudicación de profesorado, da aplicación da semipresencialidade... A información que como dirección do centro recibimos, é a través dos medios de comunicación.

Habilitamos aulas como a de Plástica ou a Sala de Conferencias como aulas de grupo, restruturáronse espazos, moveuse mobiliario... sempre atendendo aos bandazos e á improvisación constante da administración educativa. A presencialidade dalgúns grupos de alumnado só se pode asegurar mediante o uso de mamparas. Seguimos agardando o nomeamento de preto de máis de 22 profesoras e profesores previsto para o día 10, e de que se cubran xubilacións, baixas, medias xornadas... En total 28 profesores e profesoras que non sabemos en que data se incorporarán ao noso claustro.

O IES de Chapela traballa no inicio das presentacións o día 23, 24 e 25 de setembro, e na incorporación gradual do alumnado ao ensino a partir do 28. Na nosa páxina podedes consultar o calendario de presentación e de comezo do curso, xunto ao Plan de Adaptación ao COVID-19, información básica para as familias e o alumnado, e outros apartados que iremos engadindo.

A día de hoxe traballamos para unha volta o máis organizada e segura posible e agardamos poder manter as datas de inicio que hoxe vos comunicamos.

Recibide unha cordial aperta e moito ánimo.

 

Chapela, 15 de setembro de 2020

A dirección do IES de Chapela

Descargar comunicado

Comezo do curso escolar 23 de setembro

A Consellería de Educación comunica que adia o comezo do curso escolar para os días 23, 24 e 25 de setembro. A próxima semana colgarase nesta web o calendario de presentacións para comezar o curso. Moitas grazas e moito ánimo.

Chapela, 11 de setembro de 2020

Comunicado á Comunidade Educativa do IES de Chapela

O IES de Chapela, como tantos centros educativos de Galicia, unido a todos os IES do Concello de Redondela, Soutomaior e Mos, ante a improvisación, falta de recursos, espazos e instrucións claras en tempo e forma, cos que se está a desenvolver a xestión desta crise educativa e sanitaria por parte da Consellería de Educación, decide adiar o comezo de curso escolar. Por medio desta web informaremos ao alumnado e as familias das datas de inicio en canto as coñezamos. Mentres tanto solicitamos calma, ánimo, e lamentamos o trastorno que isto está a supoñer.

Descargar comunicado

Descargar Plan de Adaptación ao COVID-19 para o IES de Chapela - Versión 1

 

Chapela, 10 de setembro de 2020

 

A dirección

Comeza o curso

Á comunidade educativa do IES de Chapela

Chega setembro e con el un agardado e á vez incerto comezo do curso escolar. Sabemos da vosa preocupación por como se vai desenvolver o ensino, que medidas de seguridade se adoptarán,... ademais de todas aquelas dúbidas propias do que ata o de agora constituía a normalidade educativa. A abafante cantidade de información sobre o tema presente nos medios de comunicación, moita sen confirmar ou consolidar, non contribúe a botar luz no que nos ocupa. Son moitas as incógnitas que neste momento non podemos contestar. Seguimos esperando, e esxixindo das administracións educativas e sanitarias, directrices, medidas, recursos e un protocolo fixo e estable para aplicar neste regreso á escola en medio da COVID-19.

Levamos semanas traballando na volta ás aulas, ás veces coa dúbida, mesmo o desánimo, de descoñecer a posibilidade de aplicación de todo o que estamos a deseñar nunha realidade tan cambiante como é a da pandemia. Só podemos asegurarvos que por riba de todo a nosa prioridade seguirá sendo, como desde o comezo da crise, a saúde e a seguridade das persoas que formamos a nosa comunidade. Tamén garantirvos o noso criterio, traballo e esforzo, na mellor xestión posible do curso.

Desde a nosa web seguirémosvos acompañando, canalizando todas as novas confirmadas, todos os pasos que día a día imos dar xuntos nesta andaina que temos por diante. A web do IES de Chapela seguirá sendo o referente para facer comunidade desde o centro e desde o fogar e manternos unidas e informadas.

Sexa como sexa o ensino do curso que vén en nada se parecerá ao que todas e todos desexamos. Será un ano para resistir, para arrimar o ombreiro e dar o mellor de cada un e cada unha. Un ano para que familias, alumnado, persoal non docente, profesorado e administracións, traballen cóbado con cóbado, de xeito amable e solidario adaptándose aos cambios que van chegar.

Apelamos á responsabilidade e madurez individual e colectiva da nosa comunidade educativa, e sobre todo chamamos á súa tranquilidade, á súa paciencia, á súa calma e ao seu ánimo.

Hoxe comeza o curso escolar 20/21.

 

Chapela, 1 de setembro de 2020

 

A dirección

Distribuir contido