Á comunidade educativa do IES de Chapela Chega setembro e con el un agardado e á vez incerto comezo do curso escolar. Sabemos da vosa preocupación por como se vai desenvolver o ensino, que medidas de seguridade se adoptarán,... ademais de todas aquelas dúbidas propias do que ata o de agora constituía a normalidade educativa. A abafante cantidade de información sobre o tema presente nos medios de comunicación, moita sen confirmar ou consolidar, non contribúe a botar luz no que nos ocupa. Son moitas as incógnitas que neste momento non podemos contestar. Seguimos esperando, e esxixindo das administracións educativas e sanitarias, directrices, medidas, recursos e un protocolo fixo e estable para aplicar neste regreso á escola en medio da COVID-19. Levamos semanas traballando na volta ás aulas, ás veces coa dúbida, mesmo o desánimo, de descoñecer a posibilidade de aplicación de todo o que estamos a deseñar nunha realidade tan cambiante como é a da pandemia. Só podemos asegurarvos que por riba de todo a nosa prioridade seguirá sendo, como desde o comezo da crise, a saúde e a seguridade das persoas que formamos a nosa comunidade. Tamén garantirvos o noso criterio, traballo e esforzo, na mellor xestión posible do curso. Desde a nosa web seguirémosvos acompañando, canalizando todas as novas confirmadas, todos os pasos que día a día imos dar xuntos nesta andaina que temos por diante. A web do IES de Chapela seguirá sendo o referente para facer comunidade desde o centro e desde o fogar e manternos unidas e informadas. Sexa como sexa o ensino do curso que vén en nada se parecerá ao que todas e todos desexamos. Será un ano para resistir, para arrimar o ombreiro e dar o mellor de cada un e cada unha. Un ano para que familias, alumnado, persoal non docente, profesorado e administracións, traballen cóbado con cóbado, de xeito amable e solidario adaptándose aos cambios que van chegar. Apelamos á responsabilidade e madurez individual e colectiva da nosa comunidade educativa, e sobre todo chamamos á súa tranquilidade, á súa paciencia, á súa calma e ao seu ánimo. Hoxe comeza o curso escolar 20/21.
Chapela, 1 de setembro de 2020
A dirección
|
|||