Comunicado IES de Chapela - 15 de setembro

Prezada comunidade educativa do IES de Chapela,

 

Falta unha semana para o 23 de setembro, a nova data que o venres pasado estableceu a Consellería para o inicio do curso escolar logo das presións de centros educativos coma o noso e na que, ademais, está convocada folga das traballadoras e traballadores do ensino. Desde aquela non existe aínda unha comunicación oficial dos cambios que haberá que adoptar no protocolo, do papel que deben xogar as mamparas, da adxudicación de profesorado, da aplicación da semipresencialidade... A información que como dirección do centro recibimos, é a través dos medios de comunicación.

Habilitamos aulas como a de Plástica ou a Sala de Conferencias como aulas de grupo, restruturáronse espazos, moveuse mobiliario... sempre atendendo aos bandazos e á improvisación constante da administración educativa. A presencialidade dalgúns grupos de alumnado só se pode asegurar mediante o uso de mamparas. Seguimos agardando o nomeamento de preto de máis de 22 profesoras e profesores previsto para o día 10, e de que se cubran xubilacións, baixas, medias xornadas... En total 28 profesores e profesoras que non sabemos en que data se incorporarán ao noso claustro.

O IES de Chapela traballa no inicio das presentacións o día 23, 24 e 25 de setembro, e na incorporación gradual do alumnado ao ensino a partir do 28. Na nosa páxina podedes consultar o calendario de presentación e de comezo do curso, xunto ao Plan de Adaptación ao COVID-19, información básica para as familias e o alumnado, e outros apartados que iremos engadindo.

A día de hoxe traballamos para unha volta o máis organizada e segura posible e agardamos poder manter as datas de inicio que hoxe vos comunicamos.

Recibide unha cordial aperta e moito ánimo.

 

Chapela, 15 de setembro de 2020

A dirección do IES de Chapela

Descargar comunicado