Escoitar, Aprender e Compartir

Inauguración do Espazo Violeta

Hoxe, 23 de novembro, inauguramos o Espazo Violeta na Biblioteca do IES de Chapela. A partir de agora teremos aquí un valioso fondo bibliográfico sobre feminismo e igualdade á disposición da comunidade educativa. Esperamos sacarlle moito partido porque, como nos lembra Chimamanda Ngozi Adichie, cuxas palabras serviron para inaugurar o espazo, "todos e todas teriamos que ser feministas". Moitas grazas á Brigada Violeta e ao Equipo da Biblioteca por idear e materializar este espazo, que arranca con forza nun momento tan sinalado como son as vésperas do 25N.

 

ESCOLA DE PAIS E NAIS. CHARLA LUNS 27 DE NOVEMBRO.

PRAZAS LIBERADAS NO CICLO MEDIO DE ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA NA MODALIDADE SEMIPRESENCIAL E A DISTANCIA DUAL

Ábrese un período extraordinario de admisión en prazas liberadas do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia na modalidade semipresencial e a distancia dual no IES de Chapela. As persoas interesadas que reúnan os requisitos de acceso deben presentar a súa solicitude e a documentación correspondente na secretaría do centro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas (de forma presencial). O prazo de admisión remata o próximo 15 de decembro (incluído).

Formación en primeiros auxilios e manexo do DESA

  

Onte, 20 de novembro, unha boa parte do profesorado e do persoal non docente do centro tivemos a oportunidade de recibir un curso básico de primeiros auxilios e manexo do DESA (desfibrilador semiautomático), do que dispoñemos a partir de agora e que converte ao IES de Chapela en espazo cardioprotexido. O responsable desta formación foi o experto Pepe Palacios, recoñecido a nivel internacional. Moitas grazas a Pepe por regalarnos o seu tempo, proporcionarnos unhas pautas de actuación tan claras e valiosas, e facernos conscientes de que salvar vidas está na man de todas e todos! 

Adiamento dos exames de distancia do 28 de novembro

Ante a convocatoria dunha folga de profesorado para o vindeiro martes 28 de novembrotodos os exames dos ciclos da modalidade semipresencial e a distancia (CS Dietética, CS Educación Infantil e CS Integración Social) programados para ese día trasládanse ao martes 5 de decembro á mesma hora á que estaban previstos.

Esta medida adóptase para garantir o dereito á folga do profesorado (un dereito fundamental que se pode exercer tomando a decisión de facer folga no último momento e sen comunicar previamente a ausencia ao posto de traballo) e para evitar que o alumnado poida quedar desatendido ao acudir ao centro a realizar exames que finalmente habería que suspender en caso de ausencia do profesorado responsable do módulo ou do profesorado de apoio na realización das probas.

Lamentamos os prexuízos que poida ocasionar este cambio ao alumnado, pero se trata dunha circunstancia sobrevida de forza maior.

 

FOLGA DE ESTUDIANTES 16 DE NOVEMBRO 2023

O alumnado do IES de Chapela, acolléndose ao seu dereito de reunión e tras o acordo alcanzado na Xunta de delegados e delegadas celebrada no centro o 7 de novembro, decidiu sumarse á decisión colectiva de non asistencia á clase o próximo 16 de novembro, secundando a folga convocada polo Sindicato de Estudantes "En solidariedade co pobo palestino".

Na seguinte circular informativa pódese consultar toda a información relacionada co procedemento a seguir polo alumnado, tanto aquel que secunde a folga como o que decide asistir con normalidade a clase.

CROS XOGADE 9/11/2023

O alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO participou na carreira modalidade Cros organizada por Xogade en Zamáns. A chuvia deunos un respiro hoxe e puidemos correr ao aire libre, iso si modificáronnos o percorrido e en vez de ser a carreira polo monte foi por unha zona de pista. Fomos case 100 rapaces e rapazas e trouxemos varias medallas e diplomas!! Moitas grazas pola participación e polo esforzo!! 

RESULTADOS CROS

Pincha aquí para ver mais fotos.

Visita á Xunta e ao Parlamento de Galicia

O venres 3 de novembro, alumnado de 4º da ESO realizou unha visita dobre en Santiago: ao edificio central da Xunta de Galicia e ao Parlamento Galego. 

Dende as 10:00 ata as 11:00, na Xunta de Galicia en San Caetano, recibiron a información sobre o funcionamento das diversas Consellerías e as reunións do Consello da Xunta, visitando as distintas salas onde se reúnen.

No Parlamento, a visita realizouse entre as 11:30 e 12:30. Percorrimos diversas salas onde se poden atopar diversas exposición sobre os parlamentarios e parlamentarias, retratos dos Presidentes do Parlamento Galego, salas dedicadas a Comisións Parlamentarias, incluída a Sala Dos Pasos Perdidos, onde se encontran os parlamentarios e parlamentarias durante as sesión dos plenos parlamentarios e o propio hemiciclo onde sentan os parlamentarios e parlamentarias para debater e votar. Os propios alumnos e alumnas tomaron “posesión” dos diversos escanos e houbo quen de subir á tribuna para falar e propor algunha iniciativa.

En ambos casos, as guías felicitaron expresamente o bo comportamento e a actitude do grupo, tanto do alumnado en xeral como de xeito particular.

Unha boa xornada!

 

 

 

 

Probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras 2023-24

Informamos de que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocou por Resolución do 29 de setembro de 2023 un programa ao que o IES de Chapela vai solicitar adherirse para financiar a realización de probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras para alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato e Ciclos Formativos nos niveis B1, B2 ou C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Máis información nesta ligazón.

O alumnado destes niveis interesado en participar nestas probas financiadas pola Consellería (no caso de que nos sexan concedidas) deberá presentar o seu compromiso de participación (asinado polo/a alumno/a ou polo/a responsable legal no caso de menores de idades), ben presencialmente en Xefatura de Estudos, ou ben por correo electrónico a ies.chapela@edu.xunta.gal, ata o 6 de novembro ás 12:00 do mediodía. No devandito compromiso deberá indicarse o idioma e o nivel que corresponda (B1, B2 ou C1), segundo decida o alumnado coa orientación do profesorado de lingua estranxeira de ser o caso. Pódese descargar aquí o documento de compromiso de participación.

Xornada de Magosto / Samaín no IES de Chapela

O 31 de outubro celebramos o noso Magosto / Samaín, nunha xornada chea de castañas, doces, bailes, xogos e sustos. Deixámosvos aquí algunhas fotos e este vídeo do túnel do terror organizado polo grupo de 1º de Educación Infantil.

Distribuir contido