Time goes by… E o 23 de outubro chegou o día en que a nosa querida compañeira Tere Dacuña Vicente se xubilou, despois de 31 anos impartindo clases de inglés no IES de Chapela. Profesora case desde o inicio da andadura deste centro, foi un dos piares do IES de Chapela, e agora trémenos un pouco o chan baixo os pés coa súa marcha. Alumnado e profesorado quixemos acompañar a nosa teacher nun día tan especial dedicándolle no noso mellor inglés o tema Flowers, de Miley Cyrus. Agardamos que esta nova etapa non só veña cargada de flores para ti, senón que sexa toda ela como unha primavera sen fin que che permita seguir gozando cada día e seguir medrando máis e máis! Nós botaremos de menos a túa presenza nas aulas, na biblioteca, nos corredores, nos cafés, na sala do profesorado... Pero quedan aquí as túas pegadas e sempre che agradeceremos o teu compañeirismo e a túa amabilidade durante todos estes anos!
E a xubilación de Tere lembrounos a xubilación da súa inseparable amiga Cris Garabatos Cuadrado ao remate do curso pasado. Di un vello refrán que a memoria é como un mal amigo: cando máis a necesitas, fállache. Fallounos a memoria porque non nos acordamos de subir no seu momento unhas palabras de homenaxe a Cris, atafegados e atafegadas como estabamos coas tarefas de fin de curso. Mais di outro refrán que rectificar é de sabios. Así que só nos queda rectificar ese erro involuntario e recordar (como di Eduardo Galeano, "do latín re-cordis, volver a pasar polo corazón")... Recordar o marabilloso que foi compartir todos estes anos contigo e o gran traballo que fixeches como profesora de lingua e literatura española e como coordinadora incansable da biblioteca. Porque moitas xeracións de rapazas e rapaces aman hoxe e amarán sempre os libros grazas a ti. Porque contigo, co permiso de Pablo Neruda, "es tan largo el amor y es tan corto el olvido". Moita sorte a ambas nas novas aventuras que vos agardan máis alá das paredes do IES de Chapela! Tedes aquí a vosa familia para cando queirades vir visitarnos.
|
|||