Skip to Content

O 24 de febreiro remataron con éxito as II Xornadas de Automoción

         As “II Xornadas de Automoción” realizadas polo Departamento de Automoción do I.E.S. A Sangriña de A Guarda, remataron hoxe día vinte e catro de febreiro cunha afluencia de xente considerable. As devanditas Xornadas tiveron unha duración de dous días, tendo como poñentes o mércores vinte e tres o artesán local guardés Ángel Álvarez, restaurador de motocicletas antigas moi recoñecido no noso país e a Juan Jesús Iglesias, técnico de sistemas de pintura de Procolor que impartiu un curso teórico-práctico que tivo lugar ata as seis do serán, onde alumnos e traballadores de talleres de automóbiles da comarca puideron ver as novidades en canto aos novos sistemas de aplicación de pinturas ecolóxicas con base auga.

No día de hoxe abriu as Xornadas o Técnico especialista de Toyota, Antonio Rodeiro, representante do grupo Ibéricar Galicia, dando unha charla sobre as novas tecnoloxías híbridas utilizadas pola marca Toyota no seu novo modelo Prius, onde se puido observar que este vehículo moi novidoso en canto á emisións contaminantes e a utilización combinada de motor de explosión e motor eléctrico fan do Prius a nova xeración de vehículos que xa están nas nosas estradas. O alumnado adquiriu unha nova filosofía en canto a sistemas anticontaminantes e despediu o especialista cunha ovación unánime. O seguinte relator, José Luís Fernández, especialista en fabricación de pistóns desprazouse ex profeso dende a sede central da marca Tarabusi, sita en Bilbao, eloxiando a iniciativa realizada polo Departamento de Automoción do IES A Sangriña e poñendo a disposición do centro educativo o seu total apoio para as vindeiras Xornadas técnicas.

Por último e para despedir as Xornadas asistiu o secretario provincial de ATRA (Asociación de Talleres Reparadores do Automóbil), José Manuel Rodríguez Simón, dando a noraboa ao Departamento de Automoción e facendo fincapé aos alumnos na necesidade de preparación dos futuros mecánicos, adiantando que a profesión de mecánico está a sufrir un cambio en canto ao recoñecemento e cualificación, sendo os mecánicos de nova xeración especialistas non só en mecánica, senón tamén en informática e electricidade. Facendo desta profesión unha das máis completas en canto a coñecementos.

 



story | by Dr. Radut