UN FALAR
Xela Arias e a cultura cotiá
Etiquetas: Un falar, María Xesús Nogueira, Xela Arias, homenaje
06/06/2009 - María Xesús Nogueira
O pasado xoves collín camiño cara ás terras baixas do Sur para asistir a unha entrañábel e sinxela homenaxe. O instituto A Sangriña da Guarda celebraba o acto de entrega do III Certame de Poesía Xela Arias. O centro convidoume a pronunciar unha conferencia sobre a autora, que serviu de pórtico á lectura de poemas seus polo alumnado e a un pequeno recital dos galardoados. Coordinados por un profesorado entregado e elegantemente invisíbel, o acto transcorreu con fluidez, naturalidade e, sobre todo, coa implicación entusiasta de numerosas rapazas e rapaces para quen Xela Arias tan só era un nome na memoria e nos libros de texto de Literatura Galega.
A escritora, nacida en Sarria en 1962 e falecida prematuramente en 2003, fora profesora no devandito centro. O escenario semellaba polo tanto o axeitado para a lembranza da poeta, unha das máis singulares e innovadoras da literatura actual.
Nun tempo no que proliferan os eventos fastosos e mediáticos, a que o instituto A Sangriña tributou a Xela Arias tivo un especial encanto. Nin a celebración do certame —a estas alturas xa consolidado— nin o acto de homenaxe van ter transcendencia nas páxinas culturais dos xornais. Tampouco é este o seu obxectivo, senón o de manter viva a obra de Xela Arias e tamén a súa memoria. Con todo, a emoción desta homenaxe, levada a cabo con poucos máis recursos que a ilusión, a palabra e a voz duns estudantes mozos, demostrou unha vez máis a importancia da cultura de base, cotiá e doméstica, limpa nos seus obxectivos e tan necesaria como esquecida e institucionalmente ignorada. Nos versos recitados polos rapaces e na coidada publicación que se distribuíu ao final do acto, onde figuraban os textos premiados na edición anterior, podíase albiscar unha luz viva, como a que ás veces abría o horizonte do mar. A mesma que brilla noutros centros, educativos ou sociais, afastados dos focos e dos flashes.
Ao longo da súa vida, tamén Xela Arias participou en numerosas celebracións colectivas apartadas dos centros de poder. As súas palabras resoaron no marco de homenaxes e mobilizacións diversas: a Lois Pereiro, contra a permanencia na OTAN, contra a representación de textos de Valle Inclán polo Centro Dramático Galego, a prol da declaración da muralla de Lugo Patrimonio da Humanidade, contra a xestión do afundimento do Prestige, contra a invasión de Irak... Igual que os desta mocidade, tamén os seus versos viron a luz en publicacións locais, eclipsadas por outras revistas de maior envergadura: en Neboeira, en Carel, en Treboada... A vida devolve por veces con xenerosidade o froito da sementeira. As palabras solidarias de Xela Arias regresaron esta semana á Guarda, traídas por unha inmensa marea.