O pasado martes día 7 de febreiro, alumnado do IES A SANGRIÑA realizou unha visita cultural a Santiago de Compostela. Participaron nesta viaxe estudantes de 1º de Bacharelato e aquel alumnado 2º da ESO que cursa a materia de teatro. Durante a mañá paseamos polas principais rúas da cidade vella, coñecendo algunha das particularidades das súas prazas e edificacións máis emblemáticas. Despois asistimos á representación da peza teatral "As Illas desertas", da compañía Artesacía, unha montaxe na que as novas tecnoloxías teñen un especial protagonismo, motivo polo que adoita ser do agrado dos e das adolescentes. Pola tarde visitamos o Museo do Pobo Galego, onde ademais das súas salas sobre cultura popular e arqueoloxía visitamos o Panteón de Galegos Ilustres.