O pasado sábado 17 de xuño, preto dun milleiro de lectoras e lectores dos clubs de lectura de toda Galicia reunímonos no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela para participar nunha xornada de convivencia e formación celebrando que levamos 10 anos de clubs de lectura nos centros de ensino de Galicia.
Os lectores e lectoras "Na raia" non quixemos faltar a esta cita e ás 7:00 da mañá estabamos saíndo da Guarda para dirixirnos a Compostela.
Gozamos dunha estupenda xornada, con charlas e obradoiros da man de profesionais da lectura como Ledicia Costas, Xosé Tomás, Fran Alonso, Miguelanxo Prado (Premio Clubs de Lectura deste ano), Rosa Aneiros, Andrea Maceiras, Antón Riveiro Coello, César Mallorquí, e un longo etcétera.
Houbo obradoiros de banda deseñada, grafitti, dobraxe, radio, encontros con autores, charlas, quedadas entre clubs...
Entre obradoiros puidemos admirar aos artistas de Pista Catro, profesionais do circo e o cabaret que nos deixaron abraiados coas súas actuacións.
Tomamos un xantar ao aire libre grazas a unha chea de gastronetas instaladas no exterior do Pazo, e pechamos a xornada cun concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitres que nos levantaron a todos dos nosos asentos.
Foi, certamente, unha xornada insquecíbel!!! Non podemos máis que agradecerlle á Asesoría de Bibliotecas Escolares a súa invitación e animalos a que sigan a organizar eventos como este, porque como quedou demostrado, os amantes dos libros e a lectura somos milleiros.