O noso centro acaba de recibir o Premio Star Project, un recoñecemento de calidade outorgado pola realización do Proxecto My Community and Openstreetmap incluído dentro dos Programas de Aprendizaxe Permanente (PAP) (actualmente Erasmus+) e que foi realizado por un grupo de alumnas e alumnos do noso centro.
O premio Star Project valora tanto o deseño do proxecto como o seu desenvolvemento, os valores e o impacto dos resultados.
O programa My community and my History in OpenStreetMap desenvolveuse entre setembro de 2013 e xuño de 2015. Baixo a coordinación de Alemaña, participaron como socios a Archbishop Sentamu Academy de Hull (UK), o noso IES A Sangriña e o Liceo Sair Abay Konanbay de Estambul.
OpenStreetMap (OSM) é unha base de datos colaborativa que permite a achega libre e altruísta de calquera persoa habilitando a posibilidade de cartografar calquera zona do planeta. O obxectivo era utilizar OSM para que o alumnado implicados cartografase puntos históricos e arqueolóxicos especialmente importantes das súas comunidades, introducíndose, asemade, no coñecemento sobre o manexo de dispositivos de xeolocalización e familiarizándose co uso de editores cartográficos utilizados en OSM.
O alumnado que cursaba nese momento 1º de bacharelato realizou un traballo serio e exhaustivo, en continua comunicación co alumnado dos centros europeos homólogos que participaban no proxecto. O programa orixinou un boletín semanal sobre novidades do mundo OSM. Ademais, como parte do desenvolvemento do programa, recibimos no noso instituto o alumnado do centro inglés de Hull durante o mes de xaneiro, e alumnado do centro alemán Geschwister Scholl- Shule BBS de Saarburg durante o mes de abril. Estes encontros serviron para pór en común os avances realizados no traballo durante nove meses consecutivos.
No mes de xuño, Nuria Coimbra, Sara Torres, Lucía Lomba, Alejandro Lomba, Pablo Pérez e Alejo Conde, alumnas e alumnos do noso centro, viaxaron a Saarburg. Nesta localidade alemá produciuse o meeting final do proxecto. O alumnado participante de Alemaña, Reino Unido e Turquía xunto cos nosos seis participantes puxeron en común o traballo realizado durante tantos meses e completaron o seu proxecto.
Este labor tivo a súa recompensa e de aí o galardón recibido de Star Project, o cal supón un orgullo para toda a comunidade educativa do IES A Sangriña.