Skip to Content

Enlace Aula Virtual

   

    

Tertulias literarias

Onte 17 de xaneiro un grupo de alumnos e alumnas de cuarto da ESA da quenda de Tarde e de primeiro curso de bacharelato, asistiron a unha tertulia literaria en galego sobre a obra "Golpes de Luz" de Ledicia Costas, xunto con outros centros educativos da cidade. A actividade foi todo un éxito contando cunha gran participación  e debaténdose moitos temas.

O vindeiro 24 de xaneiro haberá un encontro coa autora no Liceo de Ourense ás 18:00 horas da tarde ao que esperamos poder acudir.  Trátase dunha actividade moi motivadora para o alumnado e un xeito moi grato de animación á lectura. Por outra banda, o concello agasalla ao alumnado participante cun exemplar do libro, algo que tamén os motiva a participar. Esperamos seguir participando na vindeira tertulia, esta vez en castelán, que terá lugar no mes de abril.

 

Calendario exames finais da ESA e ESAD do primeiro cuadrimestre

Xa tedes publicado o calendario de exames finais do primeiro cuadrimestre tanto para a ESA como para ESAD

 

 No seguinte pdf poderás consultar a información

 

Feliz Nadal coa Árbore dos Desexos da EPAPU

Este ano o Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Epapu quixo felicitarnos estas festas dun xeito moi especial: a Árbore dos Desexos. Todo o alumnado e persoal da escola contribuíu escribindo nunha cartulina o seu desexo para o vindeiro ano e esa cartulina incorporouse á árbore de nadal colectiva da Epapu. Aquí tedes o fermoso resultado. BO NADAL!!!

Colabora coa operación quilo. Facemos Nadal.

A nosa escola tamén colabora coa Operación Quilo; campaña que, como tódolos Nadais, organiza a asociación Amencer contando coa colaboración de Cáritas. No pasillo da planta baixa está instalado un colector onde poderás deixar as túas aportacións: roupa, xoguetes... así como informarte das outras posibilidades de colaboración coa campaña: achega de donativos por Bizum, aghega económica nos locais da  asociación ou mediante transferencia á conta de Amencer, envío compra dende o super ao local da asociación directamente...

 

Actividade co alumnado do Proxecto Home: Día das persoas con discapacidade

Onte 7 de decembro, tamén conmemoramos co alumnado do Proxecto Home o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Celebramos unha charla coa nosa orientadora Luisa e con Susana Vázquez, orientadora laboral e persoa con discapacidade. 

Foi unha xornada emotiva na que tanto o alumnado coma o profesorado aprendemos mutuamente; cunha actitude optimista, sempre mirando cara adiante.

Charla conmemorativa polo dia da diversidade funcional

Onte foi un día moi especial na Epapu. O alumnado de primeiro de Bacharelato tivo a oportunidade de escoitar a experiencia de Marcial, un compañeiro de clase que lles explicou desde unha óptica moi positiva e con moitos toques de humor, como enfronta a vida unha persoa de 18 anos que sofre unha discapacidade desde neno, dándonos a tod@s os que asistimos a charla unha gran lección de vida.

A sesion rematou coa lectura dun poema motivador para afrontar as dificultades que a súa compañeira de clase Begoña lle quixo dedicar a Marcial e a tod@s @s presentes.  Begoña tamén fixo un fermoso cartel que anunciaba a actividade e que estivo presente en todo momento durante a charla.

  

Marcial estivo acompañado de Jonatan, un alumno xordo que tamén recibe clases no noso centro, e que puido seguir e participar na charla coa axuda de Patricia, a intérprete da lingua de signos que temos no centro.  Foi unha tarde realmente especial para tod@s. Grazas en especial a Luisa, a nosa orientadora, a Rosana, a coidadora de Marcial, a Patricia, a intérprete da lingua de signos, e a todo o profesorado e alumnado que fixeron posible esta actividade. Foi un bonito xeito de conmemorar o dia da Diversidade funcional que oficialmente se celebrou o pasado 3 de decembro.

Campaña Nadal 2022: Recollida de alimentos e xoguetes

Ao igual que en anos anteriores nestas datas, o noso centro participa na Campaña de Nadal 2022 "Recollida de alimentos e de xoguetes", organizada por Protección Civil e o Concello de Ourense contando coa colaboración do Banco de Alimentos. Esta actividade solidaria pretende recoller alimentos non perecedoiros e xoguetes para repartir entre os segmentos da poboación máis necesitados.

 

Podes aportar a túa contribución na caixa de recollida situada enfronte da entrada da nosa escola ou ben en calquera lugar identificado coa imaxe da campaña. Tamén hai un teléfono habilitado para que o persoal da campaña pase a recoller as doazóns: o 616.908.507.

Búscate no noso mural reivindicativo

Rematamos esta semana de actividades conmemorativas do día internacional da eliminación da violencia contra a muller coa lectura por parte do alumnado das diferentes quendas, de textos alusivos a esta cita. Fixémolo diante da cortiza do corredor inferior, onde están expostas as fotografías das alumnas, alumnos e resto do persoal do centro que quixeron, deste orixinal xeito, reivindicar a eliminación da lacra da violencia machista. 

Moitísimas grazas a todas e todos pola gran participación e non esquezades buscarvos nas fotografías expostas.

17 de Novembro: Día Mundial da Filosofía

Hoxe 17 de novembro conmemórase o Día Mundial da Filosofía declarado  pola UNESCO. Dende hai uns anos o terceiro xoves deste mes poñemos en valor unha disciplina de gran importancia para o noso alumnado, disciplina que fomenta a liberdade, o espírito crítico, a tolerancia....valores fundamentais para unha convivencia baseada na igualdade e o respecto ao ser humano. En definitiva....unha disciplina que podemos considerar a base para a paz mundial.

Na Epapu celebramos esta efeméride con este fermoso cartaz obra de Begoña Acebedo.

 

Photocall conmemorativo 25-N

Na EPAPU xa temos todo listo para que participedes na actividade conmemorativa do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Á entrada do centro tedes a vosa disposición o fantástico photocall que Belén e Alfredo prepararon para todas e todos nós. Podes fotografarte coa túa camisola reivindicativa ou ben empregar algunha das dispoñibles no centro.

 

As fotografías serán expostas no taboleiro do centro e entre todos os participantes sortearemos como agasallo esta fermosa camisola. Anímate!!!

Distribuir contido


by Dr. Radut