DÍA DA MULLER

Realizamos diferentes actividades para por en valor e visibilizar o traballo de mulleres que son referentes próximos á realidade do alumnado.

O Concello, propúxonos a actividade "As mulleres que nos constrúen" a través da cal o alumnado de 4º, 5º, e 6º de primaria, elaboraron un mural con historias de mulleres que para eles/elas son referentes na súas familias. Educación infantil, realizou a actividade "As mulleres da nosa vida" conxuntamente coa Escola Infantil "As Lagoas", e tamén, todo o alumnado participou na actividade "Coidadoras do planeta", que pretendía visibilizar o traballo das mulleres no medio natural, mudando o imaxinario infantil, e crear referentes, sensibilizando da importancia dos coidados noutro ámbito imprescindible para facer realidade un mundo xusto e igualitario: O noso medio natural.

 

ENTROIDO

Realizar os mandados do Meco, investigar e aprender sobre o Entroido tradicional, merendar doces típicos elaborados polas familias, converternos en auténticos e auténticas choqueiros e choqueiras, compoñer e cantar a nosa comparsa acompañados/as pola Rondalla Mugardesa, participar no pasarrúas organizado polo Concello... Así festexamos o Entroido no CEIP Unión Mugardesa!

Grazas á ANPA e á Rondalla Mugardesa  pola súa colaboración!

 

RESERVA DE PRAZA CURSO 23-24

O prazo para presentar solicitudes de admisión é do 1 ao 20 de marzo. Nos arquivos adxuntos tedes o impreso de solicitude, un documento co número de prazas vacantes que se ofertan por curso, e unha nota informativa sobre o procedemento de admisión do alumnado.

Xunto co impreso de solicitude tamén deberase adxuntar unha fotocopia do libro de familia e (para o alumnado de primaria que provén doutro centro) un certificado de matrícula.

Para realizar a solicitude de admisión de xeito telemático, farase a través da seguinte páxina da Consellería.

https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/PaxinaInicio.action#

ESTREAMOS A NOSA RADIO ESCOLAR!

Xa temos montada a nosa radio escolar dentro do Polo Creativo, e para poder sacar o máximo proveito co alumnado, o profesorado, formámonos no manexo e aplicación didáctica de dito recurso, da man de Isidoro Valerio. Moitas grazas Isidoro por achegarnos ao apaixoante mundo de facer radio! 

CANDELORIA 2023

O 2 de febreiro celebramos a Candeloria, tamén chamada "Día das candeas" ou "Festa da luz". Neste momento (metade do inverno), nótase ben o medrar dos días, e a natureza prepárase para o estoupido de vida que está a chegar. Disque casan os paxariños, comeza o retorno das aves migratorias, e os cortexos anuncian o inicio dunha nova primavera. Este ano adicamos a Candeloria a un dos noso amores, a lingua, deste xeito a comunidade educativa elaborou o noso "muro das palabras bonitas".

RAMALLETES POLA PAZ

Desta volta celebramos o día facendo o noso particular "amigo invisible". Así lembramos o importante que é para cada un de nós a xente da que estamos rodeados cada día, e o necesario que resulta amosar afecto e sentirse querido/a. Nesta ocasión agasallamos a unha compañeira ou compañeiro do cole cun ramallete de herbas e flores que podemos atopar nesta época do ano, e que realizamos axudándonos mutuamente. 

Tampouco faltou a música nesta celebración tan especial: Imagine, de John Lennon, Só con tres letras, de Gloria Fuertes, e un "Rap pola paz", elaborado polo alumnado de sexto curso de primaria.

 
  

FESTA DE NADAL

Dentro do desenvolvemento do Plan Dixital, o alumnado de quinto e sexto de primaria realiza actividades de creación de contidos multimedia. Esta pequena presentación da festa de Nadal foi elaborada por el@s.
 

INICIO DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DO ALUMNADO: RESERVA DE PRAZA NO CENTRO DE ADSCRICIÓN

Dende o día 16 de xaneiro ata o 6 de febreiro, está aberto o prazo para realizar a reserva de praza no centro de adscrición (IES de Mugardos), para o alumnado que cambia de etapa educativa.

As solicitudes deberán presentarse na secretaría do noso centro os martes e venres de 09:00 a 09:50 horas, e o martes pola tarde de 16:00 a 17:00 horas, ou telemáticamente,  a través da aplicación "admisionalumnado" (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/), utilizando o menú: solicitudes- reserva- crear.

As familias que non queiran facer reserva  no centro adscrito, deberán solicitar praza para os/as seus/súas fillos/fillas no centro da súa elección entre o 1 e o 20 de marzo.

BO NADAL!

O profesorado do CEIP Plurilingüe Unión Mugardesa, quere desexarvos a todo o alumnado e familias, unhas felices festas e próspero 2023.

 

 

SAÍDAS

Durante o primeiro trimestre realizamos diferentes excursións, que nos permiten desfrutar e aprender de diferentes ámbitos culturais, artísticos e deportivos. Visitamos a exposición "Ferrol no tempo", na sede de Afundación en Ferrol, asistimos a diferentes obras de teatro no auditorio de Narón e na sede de Afundación, participamos nunha actividade de remo proposta pola escola de remo do Club do Mar de Mugardos, fixemos campo a través no estadio Municipal de Río Seco en Narón, e visitamos o Museo Caldoval.

 

Distribuir contido