Os alumnos e alumnas de 6º de educación primaria asistimos a varias charlas das que aprendemos moitas cousas novas!
No primeiro trimestre tivemos tres charlas. A primeira charla foi impartida por Camilo (padriño dunha alumna de clase) sobre “alimentación e movemento”, a cal convidamos tamén a asistir as nosas familias.
Camilo explicounos por que e para que comemos, que debemos comer, como debe ser a distribución de macronutrientes e micronutrientes no prato, cantas veces debemos comer ao día e se debemos comer antes ou despois da actividade física entre outros aspectos. Todo isto explicouno comparando a nosa forma de vivir coa da Prehistoria. Fixemos algúns xogos para entender como vivían os cavernícolas!
Tamén tivemos unha charla do Departamento de Orientación do cole para conmemorar o “día da Discapacidade”. A través dalgúns contos e vídeos participamos para falar de conceptos moi importantes como o de diversidade e discapacidade co fin de concienciarnos, facernos pensar e desenvolver valores como a empatía, o respecto e a comprensión cara os/as demais.
A última charla que recibimos neste trimestre foi sobre “habilidades sociais” durante dous días na que melloramos as nosas habilidades para comunicarnos e relacionarnos cos demais a través de un montón de xogos e dinámicas moi divertidas.
Durante o segundo trimestre recibimos moitas charlas máis! Entre elas unha charla “afectivo-sexual” durante tres días, impartida por educadoras sociais. Nestas sesións falamos abertamente sobre todos os aspectos relacionados co concepto de sexualidade, ampliando os nosos coñecementos sobre o tema e incidindo na importancia de respectar aos demais e de coñecer e estar a gusto co noso corpo.
No mes de xaneiro tamén recibimos unha charla de Sogama xa que o noso centro está incluído no programa “Recíclate con Sogama”. Durante esta charla afondamos nos nosos coñecementos sobre reciclaxe e sobre os elementos que podemos botar ou non en cada colector. Entre os alumnos/as de 5º e 6º elaboramos uns carteis con toda esta información para poder formar ao resto do cole e así poder separar os residuos do mellor xeito posible entre todos/as.
A asociación AS.PA.NE.MI (Asociación de pais de nenos con minusvalía) acude ao cole para explicar unha nova iniciativa que levamos a cabo: a recollida de tapóns para “Alba, la promesa”. Alba é unha xoven de Neda que padece una lesión cerebral dexenerativa que lle impide madurar o seu cerebro o que lle provoca unha importante atrofia dos órganos internos e de visión. O tratamento para paliar estes efectos ten un custo moi elevado, polo que precisa moitas toneladas de tapóns para conseguir os cartos. No noso cole tamén queremos ser solidarios e axudar a Alba!
Tivemos outra charla sobre a “actividade física no aire libre”, impartida por Rubén, corredor de montaña. Explicounos en que consiste este deporte, descoñecido por moitos de nós, e tamén adquirimos coñecementos sobre primeiros auxilios moi útiles.
A última charla que recibimos neste trimestre, enmarcada no Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos Centros Educativos, foi impartida pola Garda Civil sobre os “riscos de Internet”. Explicáronnos como facer un bo uso de Internet e poder evitar situacións perigosas a partir de vídeos ou de situacións reais. Coñecemos a importancia de ter moito coidado coas cousas que se publican nas redes sociais e as distintas formas de poder ser enganados. Con todas estas aprendizaxes poderemos evitar situacións como o “cyberbulling”, o “sexting” ou o “grooming”.