SUSPENSIÓN DAS CLASES

07/05/2020: RESERVA DO TRANSPORTE ESCOLAR PARA O CURSO 2020-21

Estimadas familias: desde hoxe e durante todo o mes de maio tedes de prazo para realizar a reserva do transporte escolar para o vindeiro curso 2020-21. A solicitude podedes descargala aquí en formato word para que poida ser modificada e será enviada cuberta ao correo do centro (ceip.serra.vincios@edu.xunta.gal). En caso de non dispor de impresora en casa, podedes cubrila no ordenador ou móbil e enviar sen asinar.

A dirección

 

06/05/2020: REAPERTURA DO PROCESO DE ADMISIÓN PRESENCIAL PARA O CURSO 2020-21 DESDE O LUNS 11 DE MAIO

A Consellería de Educación publicou hoxe na súa páxina web as instrucións para o desenvolvemento da reapertura do proceso de admisión para o vindeiro curso destinado ao novo alumnado que queira matricularse no centro:

1. Prazo de presentación de solicitudes de admisión: do 11 ao 18 de maio, ambos inclusive.

2. Modalidades para a presentación: 

a) Informáticamente na Aplicación AdmisionAlumnado e presentala asinada de xeito manual no centro.

b) Informáticamente na Aplicación AdmisionAlumnado e asinala en Sede Electrónica con certificado dixital.

c) Cubrir a solicitude Anexo II-ED550B manualmente e presentala asinada presencialmente no centro.

O seguinte Manual para as familias servirá de guía para poder cubrir o Anexo II:

 - Manual para as Familias

3.Novos prazos do procedemento: 

  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
  • Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

4. Horario de atención no centro ás familias: de 11h a 13h. Se algunha familia non pode levar a documentación nesa franxa horaria, pode comunicarse co centro en calquera horario por teléfono (886120042) ou mediante correo electrónico (ceip.serra.vincios@edu.xunta.gal) para poder atendela noutro momento. Ante calquera dúbida deste proceso podedes utilizar estes medios de comunicación previa.

Podedes consultar no apartado "matrícula" desta web a documentación necesaria. Os novos prazos son os que publicamos hoxe.

A dirección

 

28/04/2020: INSTRUCIÓNS PARA O 3º TRIMESTRE

A Consellería de Educación publicou na súa páxina web as instrucións para o desenvolvemento do 3º trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30936

As actividades lectivas seguirán desenvolvéndose de modo non presencial ata que as autoridades sanitarias indiquen o contrario, pero non se estenderán más alá do 19 de xuño, manténdose así o calendario escolar do presente curso. O centro continuará desenvolvendo a actividade non presencial a través dos diferentes blogues e coa comunicación e atención ás familias a través das titorías. Recordamos que para calquera consulta, podedes contactar co centro a través do teléfono do centro (886120042), por correo electrónico (ceip.serra.vincios@edu.xunta.gal) ou ben pola mensaxería AbalarMóbil. 

Aproveitamos para darvos moito ánimo e recoñecer o esforzo que estades a demostrar todas as familias nesta situación excepcional.

Apertas!!!

 

04/04/2020: IMPRESORA DO CONCELLO DE GONDOMAR

Estimadas familias: 

Comunicámosvos que o Concello de Gondomar puso en marcha un servizo de apoio aos veciños/as que teñan problemas para imprimir documentos oficiais, actividades docentes, etc, durante o tempo que dure o confinamento. Aquelas familias interesadas poderán enviar a documentación a través do correo electrónico alcaldia@concellodegondomar.com xunto co nome, dirección e teléfono de contacto. O Concello achegará a impresión da documentación ao domicilio familiar no menor tempo posible.

Saúdos e moitos ánimos!!!

 

02/04/2020: BOLETÍNS DE NOTAS DA 2ª AVALIACIÓN

Estimadas familias:

Ante todo queremos agradecervos o esforzo que realizades a nivel familiar para que as vosas fillas e fillos poidan seguir as tarefas programadas polo profesorado nunha situación novidosa e difícil de levar. Enviámosvos todos os ánimos para continuar!!!

Comunicámosvos que, seguindo instrucións da Consellería de Educación, a 2ª avaliación dáse por pechada con data 13 de marzo, momento de paralización das clases presenciais, e os boletíns de notas serán enviados mediante a aplicación Abalar Móbil o día 3 de Abril ás 17 horas. 

Aproveitamos para recordar que, tendo en conta as instrucións da Consellería de Educación, mantense o calendario escolar establecido. Deste xeito, as vacacións de Semana Santa abranguen desde o día 4 ata o vindeiro luns 13 de abril incluídoEstamos á espera de instrucións de como proceder de cara á 3ª Avaliación. Nesta web iremos actualizando a información cando existan comunicacións oficiais.

Se aínda non tedes activada a aplicación no voso móbil, podedes contactar co centro por teléfono (886120042) ou ben por correo electrónico (ceip.serra.vincios@edu.xunta.gal). Tamén o enderezo web https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/atendemolo está dispoñible para enviar unha consulta ou incidencia sobre o espazoAbalar.

Podedes consultar a guía AbalarMóbil no seguinte enlace:

 

 

 

22/03/2020: "APRENDEMOS EN CASA"

Estimadas familias: O Ministerio de Educación, en colaboración con RTVE, poñerá en marcha a partir do luns 23 a iniciativa "Aprendemos en casa", dirixida a escolares de entre 6 e 16 anos para facilitar a aprendizaxe durante a suspensión da actividade lectiva motivada polo estado de alarma. Emitirase en aberto durante as mañás, de luns a venres, en Clan TV e na 2 de TVE. 

É un recurso dirixido sobre todo, a aquelas familias que teñen problemas para acceder ás actividades telemáticas que proporcionan os centros.

https://www.rtve.es/rtve/20200320/rtve-aprendemos-casa/2010489.shtml

Accede aos horarios AQUÍ

 

17/03/2020: BLOGUES DE AULA PARA AS ACTIVIDADES TELEMÁTICAS

Estimadas familias: Podedes acceder aos diferentes blogues do profesorado para que as vosas fillas e fillos realicen as diferentes actividades propostas. 

Ante calquera dúbida ou consulta podedes chamar por teléfono ao centro ao 886120042 ou mediante correo electrónico a ceip.serra.vincios@edu.xunta.gal

É importante manter durante este tempo o hábito de estudo e o esforzo persoal pero tampouco queremos xerar situacións de ansiedade en casa. As actividades non serán avaliables, así que, organizade dentro das vosas posibilidades as tarefas escolares.

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo!!! 

  

13/03/2020: ACTUALIZACIÓN NOVAS INSTRUCIÓNS

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30550

 

- Proceso de admisión - matrícula 2020-2021:

Amplíase provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión que finalizará 1 semana despois do reinicio das clases. Se algunha familia desexa enviar escaneada toda a documentación solicitada, pode realizalo mediante correo electrónico ao centro co compromiso de entregar a documentación orixinal cando se normalice a situación. Non atenderemos ningunha solicitude presencialmente ata que se reinicien as clases.

 

- Actividades telemáticas:

O profesorado programará actividades telemáticas xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables. Estas actividades intentaremos que estean dispoñibles a partir do martes e de forma progresiva na páxina web do centro cos enlaces aos blogues de aula e na plataforma Edixgal só para 5ºEP. 

 

- Titorías:

O profesorado tamén reorganizará as tarefas para adecuar a prestación dos servizos básicos de información, atención e titorización non presencial da súa aula. Durante o tempo que dure a suspensión das clases, as comunicacións do Centro e do profesorado coas familias realizaranse mediante a aplicación AbalarMóbil, páxina Web, correo electrónico ou telefonicamente e nunca de forma presencial.

 

CIRCULAR DO CENTRO 13/03/2020

 

12/03/2020: MEDIDAS A ADOPTAR EN TODOS OS CENTROS DE ENSINO EN RELACIÓN COA PANDEMIA COVID-19 PARA OS VINDEIROS 14 DÍAS NATURAIS CONTADOS DENDE O DÍA 16 DE MARZO DE 2020:

- Suspensión de todo tipo de actividade lectiva regulada en todos os centros de ensino non universitario. Esta suspensión inclúe tamén os servizos educativos complementarios: comedor, transporte e servizo de aula matinal.

- Suspéndense no ámbito educativo todas as viaxes de estudos, excursións, ou calquera tipo de desprazamento de grupos de alumnado ou de profesorado, así como todo tipo de festivais, galas ou actividades que impliquen a reunión de alumnado.

- O profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.

- O profesorado tamén reorganizará as tarefas para adecuar a prestación dos servizos básicos de información, atención e titorización non presencial da súa aula.

 

Se non hai outras indicacións, a reanudación das actividades lectivas será o luns 30 de marzo.

 

Grazas pola vosa colaboración

 

AdxuntoTamaño
Comunicado Suspension Clases.pdf130.89 KB
Aprendemos en Casa.pdf85.88 KB
Guia AbalarMobil_Familias.pdf1.34 MB
IMPRESO RESERVA AUTOBUS.doc198.5 KB