Biblioteca en familia

Espazo para as familias dentro da Biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda.

PREPARANDO O NOSO HORTO. A FAMILIA DE THEO VEU PASAR O MOTOCULTOR. (4 - 5 2023).

  Este xoves o avó de Theo, a súa nai e o seu pai viñeron ata o cole para axudarnos a preparar a terra do horto. O alumnado de Infantil observou moi atento o proceso para despois sementar un rego de millo branco. Moitas grazas pola vosa axuda!

  Máis tarde chegoulle a quenda aos maiores que remataron de sementar o millo e plantaron unha ducia de leitugas.

  Os peques aproveitaron para levarlle un pouco de millo ás pitas e observar as plantas de amorodo que pronto producirán.


"CONTO EN FAMILIA". Unha nova actividade para a hora de ler dos venres. (28 - 4 - 2023).

  Neste terceiro trimestre, da comezo a actividade "CONTO EN FAMILIA".

  Na "Hora de ler" dos venres, contaremos con diferentes familias que virán a contar, cantar, interpretar ou representar historias para nós. 

  A actividade iniciouse co conto ¡Nunca te olvidaré" que trouxeron Daniela, Dylan e a súa nai Alba: unha fermosa e emocionante historia pensada para nenos e nenas que aborda con moito tacto e naturalidade os temas da enfermidade de alzheimer e a morte.

  Moitas grazas por tan fermoso e emotivo comezo!

AS FAMILIAS COLABORAN NAS LABORES DO HORTO ESCOLAR (Abril de 2023).

  Chegou a primavera e con ela as labores do noso horto intensifícanse. As sementes de tomates que puxemos en marzo deron lugar a unhas fermosas tomateiras que precisaron ser trasplantadas en recipientes máis grandes. Mely (nai de Miley, Hendrick e Andy) e Elia (nai de Valentina e Enzo) viñeron a axudarnos con esta tarefa.

  Tamén sementamos apio de Rumanía que trouxo Petrica (nai de Liza) xunto con plantas de perexil. E Sesé (nai de Hugo), Almudena (nai de Sofía) e Yolanda (nai de Theo) estiveron no patio renovando as plantas dos maceteros exteriores para que o noso cole luza máis bonito.

  Moitas grazas a todas pola vosa colaboración!

O ALUMNADO DE INFANTIL SEMENTA OS ALLOS NO HORTO (02 - 02 - 2023)

  O xoves 2 de febreiro tivemos a visita de Almudena, a nai de Sofía, para axudarnos a sementar os allos.

  Non abriu a néboa en todo o día así que baixamos a última hora de mañá para realizar esta labor.

  Aproveitamos para deixarlle ás pitas un ratiño de recreo mentres estabamos na sementeira.

  Moitas grazas Almudena por pasar a mañá con nós e tamén a "Almacenes Rivera" por regalarnos os allos para a semente e a herba para os niñeiros das pitas!

ALUMNADO E FAMILIAS DECORAN BÓVEDA COAS CABAZAS DO OBRADOIRO (30 - 10 - 2022).

  O mal tempo deunos unha tregua o domingo así que a través da ANPA convocamos ás familias para levar as cabazas do obradoiro ata a residencia Domus VI e tamén colocalas por Bóveda en lugares ben visibles.

 

 

 

FAMILIAS E PROFES MONTAN O TÚNEL DO TERROR (26 e 27 de outubro 2022).

  As tardes do 26 e 27 de outubro dedicáronse a crear un túnel do terror para a nosa celebración do Samaín. Ata contamos cun cadaleito de verdade!!

  Moitísimas grazas a todas as familias que nos mandastes decoración e ás que viñestes para montar todo!

  Sodes xeniais!!

OBRADOIRO DE CABAZAS (27 - 10 - 2022).

  Ao longo desta semana, as familias do alumnado, mandaron ao cole cabazas e castañas para a nosa celebración do Magosto - Samaín.

  Moitas grazas pola vosa colaboración!

  Ademais, María e Luís (nai e pai de Xila) e Yolanda (nai de Theo), acompañáronnos  no obradoiro  para axudarnos a transformar as cabazas en caveiras arrepiantes coas que espantar os nosos medos!

  Quedaron estupendas!!

 

A PRIMEIRA MEDIA DUCIA DE OVOS. (26 - 10 - 2022).

  Comeza nesta semana o reparto de ovos do noso gaiñeiro para as familias que manifestaron o seu desexo de levalos para a casa.

  Iremos en orde de lista, dende o alumnado máis pequeniño ata o alumnado de maior idade.

  Comeza Valentina, que marchou feliz coa súa maletiña para transportalos!

 

O NOSO PRIMEIRO OVO NO COLE (20 - 10 - 2022).

  Como cada día, despois do xantar, Chichita e un par de nenos/as van levar comidiña ao galiñeiro.

  Hoxe tocoulles a Carlos e máis Aurora que se atoparon coa grata sorpresa de que as nosas pitas comezaron a poñer.

  Este é o noso primeiro ovo da escola e queremos compartir a noticia con toda a comunidade educativa.

PERRUQUERÍA DE GALIÑAS E CHEGADA DO NOVO GALO AO GALIÑEIRO. (7 - 10 - 2022)

  Hoxe recibimos a visita de Luís, o avó de María, que chegou cun novo galo para o galiñeiro.

  Luís viña preparado, ademais,cunhas tesoiras especiais para as plumas das ás das nosas pitas.

  O avó de María sabe moito sobre galiñas e explicounos que é preciso recortarlle un pouco as plumas da punta das ás para que non escapen voando. (Iso non lles doe nada, é coma ir á perruquería a cortar o pelo).

  Estivemos moi atentos e atentas a todo o proceso e agradecémoslle a Luís o seu traballo e as súas ensinanzas.

 

 

 

 

 

Distribuir contido