Biblioteca en familia

Espazo para as familias dentro da Biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda.

TEMOS NOVAS PITAS NO COLE. (28 - 09 - 2023).

O xoves 28 de setembro, viñeron dúas novas pitas ao cole. Son dúas poliñas novas ás que aínda non lles puxemos nome.

A pesar de que o primeiro encontro coas outras pitas e o galo foi algo brusco, pouco a pouco estanse aclimatando e comezan a sentirse máis integradas no galiñeiro.

  Moitas grazas a Yolanda, nai de Theo por este fermoso agasallo!

Pin on vida

SALSA DE TOMATE

VISITA AO CONCELLO, XINCANA DE XOGOS E FESTA NO ÚLTIMO DÍA DE CURSO (21 - 06 - 2023).

   Rematou o curso 2022 - 2023 e neste último día tivemos unha xornada chea de actividades: 

   Comezamos realizando unha saída ata o Concello de Bóveda onde fomos recibidos polo alcalde e pola Concelleira de Cultura e Educación.

    No salón de actos contestaron a todas as nosas preguntas e compartiron con nós unha fermosa presentación en vídeo do noso Concello. Antes de despedirnos regaláronnos un pin co escudo de Bóveda explicándonos a súa simboloxía: os tres ríos do Concello e as catorce parroquias.

   Seguidamente fomos xogar ao parque da Filgueira e despois iniciamos o camiño de regreso polo fermoso paseo á beira do río.

   No cole estaba esperando por nós a xincana de xogos organizada polo profesorado e as familias: unha hora e media de xogos en diferentes estacións con merenda de froita incluída.

   E para rematar o día, despois da entrega de notas e materiais, fomos directos ao pavillón municipal a disfrutar da fantástica festa que tiña organizada a ANPA para o alumnado con demostracións das diferentes actividades extraescolares, música, baile e colchoneta incluída.

   Un día emocionante onde despedimos aos nosos compañeiros e compañeiras de sexto que marchan do cole e ao profe Fran que non estará con nós para o vindeiro curso. A todos e todas vós desexámosvos moita sorte nesta nova etapa e un feliz verán!

   Ata pronto!!

 

RECICLANDO PAPEL E FOMENTANDO A CONVIVENCIA NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE (05 - 06 - 2023).

   Este 5 de xuño, "Día mundial do medio ambiente", celebramos no noso centro un obradoiro de papel reciclado.

   Despois dunha semana de preparación recollendo o papel usado, clasificando, picando e batendo para facer unha pasta base; por fin chegou o momento de elaborar as nosas láminas.

   Quixemos facelo en comunidade, convidando ás familias a participar pero tamén aos nosos veciños e veciñas da residencia de persoas con discapacidade "Domus VI".

   Un grupo de usuarios e usuarias xunto coa educadora e a animadora sociocultural achegáronse ata o noso centro e compartiron coa comunidade educativa do Rosalía de Castro unha mañá de traballo colaborativo e experiencias creativas.

   Moitas grazas a todas as persoas que colaborastes para que este obradoiro saise adiante! Sodes xeniais!

 

VEÑEN ALBA (NAI DE CARLOTA) E PABLO PARA REFACER A NOSA ESPANTALLA. (31 - 05 - 2023).

   O alumnado de Infantil dedicou o día a renovar o espantallo do noso horto escolar.

   Nesta ocasión trátase dunha espantalla chamada Alba que a nai de Carlota máis Pablo viñeron para axudarnos a facela. Quedou fermosa cos seus pelos de cores e a súa cariña ben feita!

   Moitas grazas por vir ao cole e pasar o día con nós!

"CONTO EN FAMILIA". Almudena, nai de Sofía, veu interpretar para nós "Pepiño Cebola". (19 - 5 - 2023).

  E nesta ocasión gozamos dun conto representado.

  Almudena, nai de Sofía, achegounos a historia de "Pepiño Cebola" de Sandra Alonso, un neno moi ben abrigadiño con tantas capas de roupa como unha cebola.

  Moitas grazas por vir! Encantounos!

"CONTO EN FAMILIA". Actuación dos "Nickis" na nosa biblioteca. (12 - 5 - 2023).

  Nesta terceira edición de "Conto en familia", Verónica e Martín (nai e pai de Maia) viñeron acompañados de María, Jesús e Azul para levarnos a dar unha volta ao mundo musical.

  Con temas de Brasil, Australia, Cuba, Italia e Galicia; asistimos a un divertido espectáculo que rematou bailando todos e todas nun tren polos corredores. Foi divertidísimo!!

  Moitas grazas por vir! Sodes xeniais!!

 

 

 

TOMATEIRAS SOLIDARIAS CON "T" DE TALIBÉ. (9 - 5 - 2023).

  Este martes puxemos en marcha a campaña "TOMATEIRAS SOLIDARIAS" para colaborar coa ONG "Hospitaleiros sen Fronteiras".

  Enmarcado no proxecto do horto escolar que se promove e organiza dende a biblioteca, o alumnado do noso centro sementou, coidou e trasplantou (tamén coa axuda das familias) unhas 250 plantas de tomate que agora ofrece a cambio dun donativo para a escolarización dos nenos "Talibé" do Senegal.

  As sementes proceden da produción da nosa propia horta (como o tomate azul ou o tomate cherry amarelo) e tamén achegadas polas familias do centro (tomates de bendilló, tomates de inverno ou tomates do bisavó).

  Podedes facer os vosos encargos a través do alumnado do centro!!

Moitas grazas adiantadas pola vosa colaboración!!

"CONTO EN FAMILIA" Yolanda, nai de Theo, vén presentarnos o seu conto "O misterio do tulipán" (5 - 5 - 2023).

  E nesta segunda edición de "Conto en familia" tivemos a sorte de escoitar, en primicia, a primeira lectura en público do conto "O misterio do tulipán" escrito e ilustrado por Yolanda Álvarez.

  Moitas grazas por compartir a túa arte con nós!

 

ENTREVISTA AO PAI DE SANTI: QUEREMOS SABER MÁIS SOBRE AS NOSAS PITAS. (4 - 5 - 2023).

  Este xoves, na "hora de ler", veu Santiago, (pai de Santi), para responder ás preguntas que lle tiñamos preparadas sobre as pitas do noso galiñeiro. Santiago respondeu a todas as cuestións unha por unha e aclarou todas as nosas dúbidas.

  Moitas grazas pola túa visita e os teus consellos!!

 

 

Distribuir contido