CRECENDO XUNTOS, APRENDENDO PARA SEMPRE
Biblioteca en familia
CRÓNICA DO GALIÑEIRO: a misteriosa desaparición do galo Manuel (6 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 06/10/2022 - 20:50Nesta semana vivíronse no noso cole momentos asombrosos! Dende a explosión dun ovo fétido ata a desaparición da parella da nosa galiña Rosalía. Comecemos dende o principio:
A PASADA FIN DE SEMANA chegou a primeira pita habitante do noso galiñeiro, ela é Rosalía, unha pitiña negra que chegou de noite da man de Montse, Diego e Amable (nai, irmán e avoa de Álex) tapadiña nunha caixa e acompañada dos dous ovos que estaba rematando de incubar.
Rosalía estaba destinada a ser a nai adoptiva dos ovos que tiñamos na incubadora. Lastimosamente, os ovos non foron adiante así que depositamos as nosas esperanzas neses outros dous que Rosalía traía consigo.
O LUNS fomos correndo a ver a Rosalía e comprobar se naceran pero o ansiado momento non acababa de chegar.
O MARTES apareceu o galo Manuel, pequeniño pero impetuoso e, dado que os ovos de Rosalía non naceran decidimos abrilos. Aquí é onde se produciu a EXPLOSIÓN INESPERADA que colleu de sorpresa aos alí presentes deixando un aroma indescriptible nos arredores do horto.
Coa idea de que a natureza seguira o seu curso e nos regalara os tan ansiados pitiños, decidimos aumentar as posibilidades traendo ao cole dúas galiñas máis. Hoxe XOVES, Yolanda (nai de Theo), trouxo dúas pitiñas novas que fomos levar a primeira hora ao galiñeiro.
Foi nese momento cando nos decatamos do sorprendente suceso: O GALO MANUEL NON ESTABA NO GALIÑEIRO! Deixamos ás dúas pitiñas dentro e rapidamente iniciamos unha procura que resultou infructuosa.
Precisabamos axuda de todo o cole así que o alumnado de Infantil percorreu todas as aulas informando da desaparición e emprazando a todos e a todas a unha procura exhaustiva na hora do recreo.
Todo o mundo participou e, grazas ás dotes detectivescas do noso alumnado, puidemos atopar as pistas en forma de plumas negras e varios buratos por onde poida que Manuel se fugase.
Seguiremos investigando e informaremos de calquera avance nas nosas pesquisas.
Esta é unha FOTO DE ARQUIVO do noso galo. Rogamos a quen o vexa que avise axiña ao colexio. Grazas pola vosa colaboración.
COLLEITA DO MILLO (4 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 06/10/2022 - 20:12O alumnado de 3º e 4º de Primaria coa axuda do profe Félix realizou a colleita do millo do horto escolar e gardaron todos os tomates para que vaian madurando no interior.
Os habitantes do noso galiñeiro darán boa conta desta nosa produción!
DECORANDO A ASEMBLEA DO HORTO. (Obradoiro cooperativo: Infantil-3º ciclo). (22 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 13:43Antes de cada sesión de traballo no horto sentamos nos troncos da nosa asemblea para poder organizar as labores e tamén, ao remate, valorar a xornada.
Para que estes "sentallós" poidan durar moito tempo decidimos protexelos e decoralos con pintura acrílica de cores.
O alumnado de Infantil xunto co alumnado de 5º e 6º de Primaria, levaron a cabo este obradoiro cooperativo de traballo por parellas.
A actividade foi todo un éxito: as nenas e nenos pequenos portáronse de marabilla e as nenas e nenos maiores fixeron un fantástico traballo de titorización, asesoramento e colaboración.
Grazas rapazada! Sodes xeniais!!
ESTA VEZ SEGURO QUE NACEN! (09 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 10:46O día 9 de setembro puxemos de novo os ovos na incubadora.
Despois de que o curso pasado non naceran os pitiños, decidimos que o intentariamos de novo en setembro e así o fixemos.
Foi un traballo en equipo: Javi (pai de Valentina) trouxo os ovos, Petrica (nai de Liza) deixounos a incubadora e Montse (nai de Álex) coordinouse con nós para poñer os ovos a incubar cando a súa pita se puxese a chocar. Cando os nosos pitiños nazan, a pita de Montse será a súa nai adoptiva.
Estamos desexando velos nacer e poñer en funcionamento o o galiñeiro do cole!
O NOSO HORTO NO VERÁN.
Enviado por Noelia o Sáb, 24/09/2022 - 14:11
Ao longo dos meses de xullo e agosto, o noso horto seguíu producindo para nós.
Grazas ao sistema de rega automática instalado e ao traballo voluntario de coidado e recolección, puidemos gardar a nosa colleita de allos e cabaciños.
As tomateiras comezaron a producir e fomos conxelando os tomates maduros para engadir á salsa de tomate no mes de setembro.
Grazas ao traballo colectivo temos un horto ben fermoso e produtivo!
A GARDA CIVIL VISITA O NOSO COLE. (2 - 6 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 02/06/2022 - 21:46O alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha charla sobre o acoso escolar, enmarcada dentro do "Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa Contorna" " que, nas zonas rurais, desenvolve a Garda Civil.
Na aula de Infantil tiveron a visita de David (o pai de Anxo e David) quen veu co seu compañeiro a explicarnos en que consiste o seu traballo. Responderon a todas as súas preguntas e foron da man dos máis pequeniños coñecer a horta e o galiñeiro.
Tamén viñeron axentes do SEPRONA e todas as nenas e nenos do colexio puideron baixar a ver os diferentes vehículos oficiais que nos amosaron así como o seu equipamento.
Moitas grazas por vir vernos e ensinarnos tantas cousas!
A A.N.P.A. CONTRIBÚE Á TRANSFORMACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR MERCANDO UNHA ESTUPENDA MESA DE LUZ PARA O RECANTO CREATIVO.
Enviado por Noelia o Ven, 27/05/2022 - 20:36Hoxe estivemos marabillados estrenando a nosa nova mesa de luz. A asociación de nais e pais do colexio fixéronnos este fermoso agasallo que, ademáis de ser un fantástico recurso pedagóxico é moi divertido. Moitas grazas!!
O GALIÑEIRO ESTÁ LISTO PARA RECIBIR AOS PITIÑOS E A BIBLIOTECA CASE A PUNTO. (20 - 05 - 2022).
Enviado por Noelia o Ven, 20/05/2022 - 20:31E para rematar a semana, as familias viñeron dúas tardes a colaborar coa organización dos espazos do colexio.
O xoves rematouse o peche do galiñeiro e montouse a casiña de madeira para as pitas. O venres centrámonos na cartelería para indicar a ubicación dos libros na biblioteca.
Un intenso traballo en equipo que, dende o cole, agradecemos de corazón.
Unha aperta enorme!
ALBA, A NAI DE CARLOTA, VEU AXUDARNOS A FACER UN ESPANTALLO PARA A HORTA. (19 - 05 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 19/05/2022 - 22:41Dentro do proxecto "A nosa horta" no que contamos coa visita de todas as familias do alumnado de Infantil; hoxe tivemos con nós a Alba, a nai de Carlota, quen trouxo todos os materiais necesarios para facer un espantallo.
Despois dun proceso de creación colectiva, tocou poñerlle nome: o noso espantallo é unha espantalla e chámase Carlota.
Moitas grazas Alba por traernos esta estupenda actividade!
TORTA DE MILLO E BOLIÑOS NA CASA DA PROFE JULIA (18 - 05 - 2022)
Enviado por Noelia o Mér, 18/05/2022 - 22:24E despois de sementar o millo, velo medrar, colleitalo, degrañalo, levalo a moer e peneirar a fariña... o alumnado de infantil foi cocer ao forno.
Foi unha xornada moi especial onde puidemos ver a diferencia entre a fariña de millo e a fariña de trigo. Amasamos as dúas para facer a torta de millo e boliños preñados de chourizo.
Moitas grazas á avoa de María por aprendernos tantas cousas sobre o millo, a Sandra pola súa paciencia e bo facer coa masa de trigo e aos anfitrións Julia e David que nos acolleron na súa casa con todo o cariño do mundo. Un bico enorme!!!