Biblioforte, no seu papel de dinamizadora da lectura, da lingua e da cultura galega, da creatividade, da inclusividade, ... e da imaxinación, abriu as ´suas portas ao espectáculo de contos, música e baile de Cé Orquestra Pantasma, nome baixo o que se agocha o vigués César Freiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais.
César, combinando os seus coñecementos de carpintería e musicais elaborou un vistoso “artefacto” que lle permite facer soar catro ou cinco instrumentos simultaneamente: acordeón ou guitarra nas mans; filharmónica ou trompeta na boca e bombo, pandeireta, caixa e pratos no lombo, accionados cos pes cun complexo mecanismo de cables.
Un gran músico que aproveitando a súa formación de mestre, deleitounos con dúas brillantes actuacións didáctico – festivas onde o público deixa de ser espectador para converterse en protagonista.
A primeira sesión, dedicada ao alumnado de infantil e primeiro ciclo, descorre ao fío do libro “A Voar”, un conto para soñar con música para brincar. Libro que conta a historia da pequena Xoana, unha xoaniña que movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que a súa vida cambiará.
A segunda, para alumnado de 3º a 6º de primaria, transcorre ao fío de contos e lendas da cultura galega e do propio autor, quen ao son de diferentes estilos da música popular vai engaiolando ao público e así entre rimos, música e baile achega ao público infantil a cultura galega.
.............................................................................................................................................
Para ver videos fai clic na imaxe