PDI

Siena, ridng colours

O proxecto inicial de participación no PDI do centro era de dous pequenos proxectos: Un sobre a cidade de Siena e outro sobre Frida Kahlo. Debido a que o proxecto de Siena sufriu ampliacións, dado o interese do alumnado, e a posibilidade de actividades que foron xurdindo, decidimos deixar para outro curso o proxecto sobre a pintora mexicana.

O PDI sobre Siena desenvolveuse segundo o proxectado coas modificacións que agora puntualizamos:

  • Cambio de nome do proxecto consensuado co alumnado, Así decidimos chamalo “Siena, ridng colours”.
  • Postos en contacto co departamento de italiano da EOI de Ourense e manifestar a súa disposición a colaborar connosco, ao longo do proxecto non contactaron de novo co noso centro, polo que supuxo unha decepción.
  • O cónsul honorario de Italia en Galicia, Sr. Francesco Milani, confirmou a súa presenza no noso centro o 10 de maio. Por mor de problemas de saúde, na véspera da súa visita, tivo que ser anulada.
  • Ampliación de recursos e fontes empregados:
    • Fontes escritas:
      • ByME. Arts & Crafts 1,2,3. Ed. Macmillan.
      • Siena, playing with Art. Ed. Mandrágora.
      • Il Palio di Siena. Pacini Editore.
      • La belleza gótica de Siena. National Geographic.
      • Terzo di Siena 1, 2, 3. Assessorato al turismo. Comune di Siena.
      • Poema “La Pioggia”.  Associazione Vivacemente.
    • Fontes audiovisuais:

Os obxectivos, contidos e competencias clave que pretendíamos acadar foron as previstas e presentadas no PAL.

As actividades reflectímolas na presentación que se achega máis abaixo, así como nos enlaces da web do centro:

Da man de Baldomero, a pintura e escultura imos coñecer.

Comenzamos o traballo observando pinturas de  Baldomero Moreiras e pintámola porta da nosa aula a semellanza dun cadro deste autor “Cando chove é un bo día" que nos servirá tamén para o proxecto de Meteoroloxía. Da mesma maneira fomos facendo “Bolas de neve” con relación ás distintas actividades desenroladas no centro, utilizando  distintas técnicas creativas.

Despois de estudar distintos estilos de pintura realizaron na area de plásticas algunhas actividades: paisaxismo, retrato, modernismo, etc.

Tivémola sorte de que  Baldomero Moreiras quixera estar con nós para realizar un obradoiro plástico co que confeccionamos un cadro de pombas. Asemade, puidemos facecerlle unha entrevista.

No entroido disfrazámonos das esculturas ourensás de Ramón Conde:

Construimos a estatua de Joan Miró “Mujer y Pajaro”.

Para terminar buscaron documentación sobre escultura en distintas épocas e plasmámolo nun Power Point.

O traballo realizado foi moi satisfactorio e cumpliu cos obxectivos propostos no PAL.

Arte románica e gótica

O alumnado de 5º de Ed. Primaria traballou sobre a arte románica e gótica, levando a cabo as seguintes actividades:

  • Para o estudo das características da arte gótica e romana realizouse  unha pescuda, empregando diversas e variadas fontes de información. O produto final foi a realización dun mural cas imaxes mais representativas.
  • Unha arquitecta realizou un relatorio na aula para explicarlles estas manifestacións artísticas. Con esta actividade desfrutaron   moitísimo.
  • Posteriormente, para diferenzar os distintos elementos góticos e románicos, os alumnos memorizaron, debuxaron e ilustraron distintas portadas, que posteriormente identificaron.
  • Finalmente, para asimilar estas diferenzas, cada neno realizou un traballo escrito, e, a súa vez o estudo, debuxo e ilustración dunha planta románica e gótica.

 

 

Cóntame un conto: "Coñecendo a ópera"

Seguindo o proxecto do P.D.I. presentado ao inicio de curso, o alumnado de 3º iniciouse  no mundo da ópera.

Elaboraron un libriño,  xunto cun mural, onde quedou reflectido o  traballo, e aprenderon algúns anaquiños da parte coral que  cantaron na presentación.

Empezando co concepto de ópera, foise debullando de vagariño os distintos pasos que se deben seguir para que unha ópera poida ser representada, tanto a nivel musical como de montaxe teatral, escénico, lumínico, estético,… Ao mesmo tempo  coñeceron o nome dalgunhas óperas e aos seus compositores. 

Aprenderon cales son os elementos da ópera, clases de voces, elementos da orquestra sinfónica. Coñeceron que existen, tamén,  compositoras, compositores, directoras e directores modernos e grandes e importantes teatros fermosísimos onde se representan as óperas.

Ampliaron o seu léxico nun gran número de palabras que descoñecían  relacionadas co mundo da música e da ópera.

A ópera traballada  foi  L’Elisir d’ Amore de Gaetano Donizetti.

¿Por qué esta ópera e non unha inspirada nun conto popular como Hansel e Gretel, por exemplo?   Porque o libreto de L’Elixir é doado de comprender, e a música moi accesible para o alumnado, sobre todo na súa parte coral  que foi a que máis traballamos.

Fomos explicando o argumento ao mesmo tempo que seleccionábamos fragmentos que iamos escoitando, unha e outra vez, en tempos de quince-vinte minutos, que repetía durante varios días, ao mesmo tempo que procuraba deixalos coa intriga de…¿qué pasará despois? Antes de cada audición explicaba o que ían escoitar, tanto no argumento, como na música. Unha vez explicado coas dúbidas resoltas, procedía á audición.

O alumnado foi aprendendo a escoitar, a diferenciar as distintas clases de voces solistas tanto femininas como masculinas, o xeito de cantar, a valorar o esforzo e os estudios e a técnica que cómpren para poder cantar así ao mesmo tempo que se actúa. Entusiasmáronse coa historia e coa música, que empezaban a cantaruxar. Isto levoume a intentar que aprenderán algúns fragmentos dos coros e decidín que os cantaran na presentación do P.D.I.

No Taller de Filatelia fixemos o traballo sobre a ópera percorrendo diferentes facetas: Teatros, escritores, compositores, instrumentos da orquestra, temática das óperas, directores,… Elaboramos un total de dezaseis follas que neste intre, están a formar parte  da exposición JUVENIA  en Avilés.

O Entroido tivo como tema esta ópera. Todo o grupo disfrazóuse do personaxe clave de L’Elixir que é Dulcamara, o vendedor trapalleiro que vende o “elixir” ao protagonista da historia. Dulcamara decorou a porta da aula durante todo o curso.

CONCLUSIÓN: Este traballo, na súa totalidade, resultou altamente enriquecedor para o alumnado. Descubriron, aprenderon e coñeceron aspectos do mundo da ópera, e sobre todo, viron que pode resultar atractiva e fermosa.

O feito de cantaren algúns fragmentos da parte coral, entusiasmounos e quedaron felices e convencidos de que a ópera non é fea, nin aburrida. Só hai que saber escoller e aprender a escoitar.

"Las cuatro estaciones"

Os nenos de segundo e sexto de E, primaria fixemos o P.D. I . sobre Antonio Vivaldi e a súa obra “Las cuatro estaciones “ . Tamén estudamos a cidade onde naceu : Venecia.

No primeiro trimestre coñecemos a vida de Antonio  Vivaldi  e a partires de ahí realizamos un mural para a porta da nosa clase e tamén un para o de todo o colexio.

No segundo trimestre nos paramos na cidade onde naceu Antonio Vivaldi : Venecia

  • Situamos no mapa de Europa :  España e Italia , e despois Venecia en Italia.
  • Coñecemos as características máis importantes de Venecia .
  • Fixemos un Power Point sobre esta cidade.   
  • Tamén neste trimestre confeccionamos os disfraces de Antonio Vivaldi para os nenos de segundo de E.P.

No terceiro trimestre coñecemos a súa obra : “As catro estacións “

  1. Primavera : Tres movementos
  2. Verán : Tres movementos
  3. Outono : Tres movementos
  4. Inverno : Tres movementos
  • Os alumnos de sexto atrevéronse a interpretar algunha parte da súa obra coa viola , o piano e coas frautas.
  • Fixemos unha exposición no corredor do cole coa información recollida ao longo do curso sobre Vivaldi.

 

A arte da Música

Este ano  como actividade para o PDI do centro os alumnos e alumnas de 1º curso traballaron a parcela artística de MÚSICA. A partir da obra elixida "PEDRO E O LOBO", o alumnado de 1º curso achegouse ao  mundo da música e ao coñecemento moi básico dos distintos instrumentos musicais  e as súas familias. Tratáronse, entre outros , de acadar estes obxectivos:

  1. Fomentar a audición activa e consciente das obras musicais como fonte de enriquecemento cultural para favorecer a ampliación e diversificación dos seus gustos musicais.
  2. Participar en actividades musicais, tanto individualmente coma en grupo, con actitude aberta, interesada e respectuosa.
  3. Iniciación ao coñecemento das  familias de instrumentos musicais.
  4. Fomentar o gusto pola música e a participación en actividades de clase relacionadas con ela.
  5. Coñecer o valor do silencio na escoita de fragmentos musicais e nas pezas.

Para acadalos, as actividades realizadas, entre outras ,foron as seguintes:

  • Audicións de “ Pedro e o lobo “ . Visionado de vídeos tanto de orquestra  como de animación.
  • Lectura do conto en cómic.
  • Decoración das  portas  da clase cos personaxes e os instrumentos.
  • Elaboración dunha poesía sobre o relato.
  • Confección de monicreques dos personaxes do conto musical.
  • Fichas de comprensión e traballo do tema  elixido.
  • Dramatización na aula cos monicreques .
  • Confección de disfraces( Entroido) .Cada alumno/a disfrazouse dun dos personaxes da obra.
  • Confección do relato de Pedro e o lobo en viñetas. Cada alumno traballou unha viñeta e un compañeiro da clase encargouse de ilustralas.
  • Exposición dalgúns dos traballos realizados nun mural  no corredor.

Obradoiro de teatro

Obradoiro de teatro

Durante o curso 16-17, o PDI do centro tivo como lema: “O Sueiro: onde a lectura é arte”. Os alumnos e alumnas de cuarto traballaron nun obradoiro de Teatro.

Adquiriron vocabulario relativo ao teatro, utilizaron a linguaxe corporal e oral para comunicarse, favoreceuse a relación grupal apoiándose os uns aos outros, exercitaron a memoria na aprendizaxe dos textos, utilizaron a expresión corporal (xestos, ton, voz,…) de xeito magnífico e sobre todo disfrutaron e fixeron disfrutar aos que viron as súas representacións:

  • A primeira que fixeron coincidiu co día da biblioteca, onde representaron un guiñol titulado: “La aventura de los molinos”.
  • O 20 de decembro, na celebración do festival de nadal, representaron a obra: “Comerei dous”. Dita obra obtivo bastante éxito e acordouse levala ao encontro de teatro de Bande.
  • O día 27 de xaneiro participaron no día da paz, homenaxeando a Gloria Fuertes cun dos seus poemas: “Poema ao non”.
  • O último venres de febreiro, participaron no desfile do Entroido disfrazados de “O teatro do soños”.
  • O 27 de marzo celebrouse  o Día do teatro e representaron: “Frases de nais”.
  • O 28 de abril, conmemorando o Día do libro, representaron unhas “Regueifas”.
  • Por último, o día 16 de maio, representaron de novo en Bande a obra: “Comerei dous”.

 

Vincent Van Gogh

Os nenos e nenas de cuarto e quinto de Educación Infantil fixeron un proxecto sobre Vincent Van Gogh, facendo actividades ao longo de todo o curso. Resultou  moi bonito e con  moito colorido adaptándose moi  ben a  súa idade e os dous niveis da aula.

  • No primeiro trimestre  falamos de quen era este pintor, vimos láminas e coñecemos un pouco da súa vida e obra consultando un libro da biblioteca “Me llamo Vinent Van Gogh” de editorial Parramón.
  • Decoramos a porta da clase cun mural feito con retratos de Vincent Van Gogh e estampados de flores de cor azul inspirado no cadro dos lirios, resultando moi vistoso no que colaboraron todos estampando cada un varias flores.
  • Sobre un retrato ampliado do pintor eles punteárono con rotuladores de distintos cores quedando moi vistoso.
  • No segundo trimestre axudaron a confeccionar o disfrace  de Xirasol  inspirado no cadro dos xirasoles de Van Gogh. Os nenos e nenas colaboraron recortando os pétalos, pegando..etc 
  • No terceiro trimestre estamparon, cada neno/a, sobre a súa cartolina flores azuis para facer unha composición inspirada no cadro "Los lirios".
  • Por último envolveron o regalo do día da nai cun lirio estampado no papel de regalo.

 

Escultura ao longo da historia

O alumnado de 6º de Ed. Primaria, en equipo de dous, realizou unha investigación sobre a escultura ao longo do tempo.

Para reflectir as súas pescudas empregaron Google presentacións o que lles permitiu traballar na bilbioteca e nas súas casas de forma colaborativa.

Unha vez rematado o seu traballo, presentaron de xeito maxistral, na biblioteca do cole, todas as diapositivas realizadas.

Parabéns polo traballo realizado!!

Preme na imaxe para ver a presentación

Galería de imaxes

 

Pescudando sobre Carlos Casares

Unha das tarefas que realizamos na Hora de Ler no mes de maio para conmemorar a homenaxe nas Letras Galegas a Carlos Casares foi a realización dunha pescuda ou caza do tesouro por medio do emprego de códigos QR para facilitarlle as pistas que tiñan que seguir. A actividade titulábase "De que libro falamos".

Como non dispoñiamos de dispositivos móbiles para todo o alumnado, tamén  facilitamos as tarefas en formato web para que así todo o alumnado tivese acceso a esta actividade de gamificación do proceso educativo.

A experiencia resultou ser un éxito, xa que a maioría do alumnado chegou ata o final da mesma. Para premiar e recoñecer o seu esforzo e dedicación, ao reamate da mesma, fixemos entrega de diplomas a todos os participantes.

Unha vez rematada a pescuda, fixemos unha sesión de avaliación e posta en común onde o alumnado manifestou o seu grado de satisfacción coa mesma. Nunha escala de valoración de 0 a 10 (0=nada; 10=moito) a valoración media por parte do alumnado foi de 9,5; sendo a moda de 10.

Distribuir contido