Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Publicada a listaxe provisional de fondolibros e vales de material escolar

A día de hoxe publicáronse as listaxes provisionais de axudas de fondolibros e material escolar das que se poderá facer alegacións nos seguintes dous días lectivos. Poden consultarse na web de https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/ coa chave365 ou de maneira presencial no taboleiro do centro.

Memoria curso 2021-2022

Publicamos a memoria do curso 2021-2022 aprobada en Claustro e Consello Escolar no día de hoxe, 28 de xuño de 2022

Plan Dixital de Centro

Publicamos o Plan Dixital de Centro aprobado en Claustro e Consello Escolar no día de hoxe, 28 de xuño de 2022.

Solicitude persoas usuarias transporte escolar e modificación/novas paradas

Ábrese o prazo dende hoxe ata o 8 de xullo para a solicitude de novas persoas usuarias de transporte escolar, así como para a solicitude de modificación de paradas ou de novas paradas dentro das liñas existentes no centro.

Para tal fin, deberase ter en conta:

PRAZOS

Ata o 8 de xullo para todas as solicitudes

Unicamente poderán ser tramitadas fóra deste prazo solicitudes por necesidades extraordinarias debidamente xustificadas, cambios de domicilio, escolarizacións posteriores ao comezo do curso, escolarizacións forzosas, etc.

DEFINICIÓN

Serán persoas usuarias lexítimas do transporte escolar gratuíto as persoas alumnas escolarizadas en 2º ciclo de educación infantil ou en niveis de ensinanza obrigatoria cuxos domicilios se encontren fóra do núcleo urbano no que radique o centro escolar e, en calquera caso, a unha distancia deste superior a 2 quilómetros, calculada utilizando o itinerario máis directo á pé.
Para poder ser
persoas usuarias lexítimas do servizo as persoas alumnas deberán estar escolarizadas no centro que lle corresponda, segundo a situación do seu domicilio e a distribución das áreas de influencia establecida, ou contar cun ditame de escolarización forzosa emitido pola administración educativa. Neste caso, valorarase excepcionalmente ampliar provisionalmente a ruta afectada se os tempos permiten a realización do servizo ou facilitar unha axuda individualizada. Para este trámite é imprescindible presentar o ditame de escolarización forzosa ou certificado da dirección do centro que acredite o carácter forzoso da escolarización.

SOLICITUDE DE NOVAS PARADAS

As novas paradas solicitaranse polas persoas interesadas para persoas usuarias lexítimas nos centros escolares dentro dos prazos que se establecen no punto IV.3. A dirección do centro as remitirá por sede electrónica ao Servizo de Apoio aos Servizos Educativos desta Xefatura Territorial, utilizando o impreso que se acompaña. (Anexo I – Solicitude de Modificación de Itinerario do curso 2022-2023).

Con carácter xeral, non se autorizarán desviacións de itinerarios de transporte escolar nos que existan menos de 2 quilómetros de distancia da parada solicitada ao domicilio familiar

As solicitudes de menos de 2 quilómetros de distancia domicilio-parada que impliquen incremento da lonxitude do itinerario, acompañaranse dun informe da dirección do centro, sinalando as circunstancias excepcionais que poidan xustificar a necesidade da modificación, e aportando a documentación complementaria que sexa de interese. En caso contrario serán denegadas ao non acreditarse ditas circunstancias excepcionais.


Serán devoltas aos centros para a súa corrección, as solicitudes cos datos incompletos, 
especialmente sen código de ruta ou localización das paradas novas. No caso de non contestar a este requirimento, considerarase desistido da súa petición, e arquivaranse
sen máis trámite.


IMPORTANTE: Non se solicitarán ni dará trámite a paradas novas fóra da zona de escolarización, excepto para aquel alumnado que conte cun ditame ou comunicación de escolarización forzosa.

AUTORIZACIÓNS EXCEPCIONAIS DO USO DE TRANSPORTE

As persoas alumnas que non teñan dereito ao uso do transporte escolar (persoas alumnas cursen FP ou Bacharelato, aquelas que viven a menos de 2 quilómetros do
centro, escolarizados fora da zona de influencia que non teñen ditame de escolarización forzosa, uso de transporte escolar doutro centro entre outros poderán
solicitalo con
carácter excepcional.

As persoas usuarias excepcionais non poden solicitar o establecemento de novas paradas.

Aquelas persoas usuarias excepcionais que soliciten facer uso dunha praza de transporte escolar poderán ser autorizadas para facer un uso excepcional se cumpren
todos os seguintes requisitos:

  • Que existan prazas dispoñibles no vehículo.
  • A persoa alumna utilice algunha das paradas existentes, sen modificación das rutas nin creación de novas paradas.
  • Non teña necesidade de incorporación de acompañante.

Esta autorización é provisional e revogable en calquera momento.

Libros de texto curso 2022-2023 -- ÚLTIMA CORRECCIÓN 21-06-2022 --

A continuación relacionamos a listaxe de libros de texto de educación primaria para o curso 2022-2023

Graduación e festa de despedida de sexto de primaria

O martes 21 de xuño foi un día cargado de emocións, nervios e ilusión, porque os nosos rapaces e rapazas de sexto de primaria fanse maiores, rematan a súa bonita andadura na escola e prepáranse para un novo comezo no instituto, e iso hai que celebralo como se merece.

Ese mesmo día pola mañá recibiron as notas e un agasallo: unhas camisetas para ir todos e todas conxuntados pola tarde ao acto e á festa que con tanto mimo prepararon eles e elas mesmos, as súas familias e as mestras.

 

Xa pola tarde, con algo de retraso debido a algúns problemiñas técnicos dos que sempre aparecen no último momento, daba comezo a graduación.

Comezaron cantando unha versión de Bohemian Rhapsody de Queen cunha letra personalizada para a ocasión e fixérono de marabilla. Na canción xa nos avisaban de que nos foramos preparando e collendo panos de papel, porque o que ía vir ía ser intenso.

 

Despois, os rapaces e rapazas, dedicaron unhas palabras de agradecemento ás súas familias, ás mestras e ao cole. Dixeron unhas cousas tan fermosas e con tanta sinceridade e agarimo, que a maioría xa estabamos coas bágoas nos ollos.

 

 

A continuación, chegaba a primeira sorpresa da tarde, un precioso vídeo feito polas súas familias con palabras de cariño e con fotos dos nenos e nenas de pequerrechos e outras máis actuais. Por se non fora suficiente con esta fermosa sorpresa, Fina, mestra á que elas e eles teñen moito cariño por ser a súa titora desde os tres aos cinco anos e por ser sempre tan agarimosa e tratalos con moita tenrura, tamén tiña outro vídeo preparado no que puidemos desfrutar vendo fotos e recordos da súa chegada á escola e do seu paso pola educación infantil.

 

Tras tantas emocións había que recompoñerse, porque tocaba cantar de novo. Esta vez cantaron algo máis animado, unha versión de Agapimú cunha letra tamén especialmente feita para este momento e saiulles moi ben.

Para rematar o acto, houbo entrega de orlas e dun detalle preparado por Fina.

Co acto finalizado, comezaba a festa e a merenda, que tanto cantar, falar e chorar da bastante fame.

 

 

 

Foi un día moi fermoso, cheo de ilusión, emoción e cariño no que tamén houbo reencontros con persoas moi importantes no seu paso pola escola, como Raquel, a súa titora en 1º de primaria.

Moitas sorte, rapaces e rapazas, confiade en vós mesmos e mesmas e seguide sendo auténticos e auténticas. En Centieiras nunca vos esqueceremos! FELIZ NOVO COMEZO!!!

 

Saída ao CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol

Hoxe o alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída ao CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol para realizar dous obradoiros moi interesantes enmarcados no PDI do centro, xa que pretenden fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas e alí, as rapazas e rapaces de 5º e 6º tiveron a oportunidade de descubrir a importancia da innovación, o deseño e as tecnoloxías.

Realizaron un obradoiro chamado “Materiais innovadores” no que se mergullaron no mundo dos novos materias levando a cabo diferentes experimentos con materiais con propiedades sorprendentes.

Tamén participaron no obradoiro “Somos deseñadoras/es espaciais” no que se iniciaron no deseño industrial a través dunha actividade na que eles e elas eran os deseñadores da Axencia Espacial de “Ferrol Terra”. A súa misión era deseñar un sistema de aterraxe para un módulo espacial. Para superar o reto, un ovo – astronauta debía tomar terra sen romper despois dunha caída de cinco metros.

As dúas actividades foron moi divertidas. Mirade que ben o pasaron:

 

CHARLAS DE REMO

 

 

      CHARLAS DE REMO

 

Nesta semana o alumnado de 4º, 5º e 6º de EducaciónPrimaria estiveron a recibir unha charla explicativa e informativa sobre o remo. As charlas foron impartidas por persoal do Clube de Remo de Ares, o cal lles explicou as diferentes modalidades nas que poderían participar e animándoos a probar este deporte nas súas instalacións.

Darlles as grazas pola súa implicación e por compartir con nós toda a súa experiencia e coñecementos sobre este deporte tan apaixoante!

 

 

VISITA AO ARSENAL DE FERROL

O día 27 de maio o alumnado de educación infantil realizou unha saída ao Arsenal de Ferrol. Alí visitaron unha fragata e fixeron o Bautismo de mar saíndo a navegar pola ría de Ferrol. Tamén tiveron a oportunidade de coñecer algúns materiais que se empregan na marina e ver a través de gafas de realidade aumentada.

 

ACTIVIDADES IGUALAT

Dentro do contrato programa CPInclúe, na actuación Iguala-T contamos entre os meses de abril e maio con varios obradoiros.

Por un lado o alumnado de 1º a 4º tiveron os obradoiros "xogando en igualdade" impartidos por Rexenerando; nos que realizaron unha análise do noso patio e opinaron sobre posibles cambios no mesmo, tamén falaron sobre espazos coeducativos.

Pola súa parte o alumnado de 5º e 6º fixeron a actividade "de bo rollo!" impartida polo centro de sexoloxía Con mucho gusto! na que lles falaron sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións.

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS, MAIO

Aquí vos deixamos a derradeira entrega de "Crónicas de Centieiras" do curso.

Un programa moi especial sen dúbida, pois as encargadas e encargos de dirixilo foron as nenas e nenos de 6º de Educación Infantil e de 6º de Educación Primaria. Dous grupos que este ano cerran unha etapa moi importante no seu percorrido escolar para comenzar un novo camiño cheo de proxectos, aventuras e soños por cumprir.  Parabéns rapazas e rapaces!!

http://173.255.131.18/audio/270522CRONICAS.mp3

 

 

LETRAS GALEGAS 2022

 

                                                                                                     BOTS LETRAS GALEGAS

 

Este ano polas Letras Galegas en Centieiras estivemos a argallar cos DOCS, para coñecer un pouco máis sobre a vida e a obra de Florencio Delgado, autor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas; o noso alumnado divertiuse moito, ao mesmo tempo que aprendeu un montón de cousas sobre él.

 

 

Distribuir contido