Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Primaria

Xogos en familia do mes de novembro

O venres 15 de novembro tivemos unha nova edición da nosa proposta de grupos interactivos chamada “Xogos en Familia” co alumnado de 5º e 6º e coas familias voluntarias que se prestaron a compartir con nós un anaco do máis entretido.

 

Nesta ocasión tivemos a sorte de contar con Vero, a nai de Arián, que se encargou do xogo "Diversión con Banderas"; Cristina, nai de Lucía, que lles ensinou a xogar a “Roll to the Top”; Ángeles, avoa de Enzo e Carlos, que se ocupou do xogo "Friegas tú"; Laura, nai de Alicia, que estivo ao frente do "Walkie Talkie"; e Laura, nai de Martín, que dirixiu o xogo "Gatipedro". Ademais, Cris, a profe de 6º, encargouse do xogo “Taco, gato...” Moitas grazas a todas pola vosa colaboración!

Con esta segunda xornada de "Xogos en Familia" confirmamos que a actividade é un éxito, tanto para o alumnado, como para as familias, que poden vir compartir cos seus nenos e nenas estes ratiños tan divertidos de risas e xogos, que ademais serven para aprender e repasar contidos de clase. Que máis se pode pedir? Non hai máis que ver os sorrisos nas súas caras para saber que unha vez máis todas e todos desfrutaron moito.

 
 
 
 

Estacións de aprendizaxe

   Despois do éxito da primeira sesión de Estacións de aprendizaxe hoxe o alumnado de terceiro ciclo de primaria estivo traballando en estacións de aprendizaxe na materia de Lingua Galega. Os rapaces e rapazas estiveron en grupos mesturados de 5º e 6º, para axudarlles a coñecerse mellor e favorecer a cohesión entre as dúas clases.

Desta vez as titoras de 5º e 6º organizamos catro estacións de aprendizaxe: o xogo Verbolario, Desaparece o gato con vocabulario de ciencias sociais, Palabras de outono e Encrucillado. Os grupos de alumnado tiñan dez minutos para estar en cada estación e, ao rematar o tempo, cambiaban á seguinte estación, completando, deste xeito, todas as actividades propostas.

 

A experiencia resultou moi enriquecedora e as nenas e nenos esforzáronse e traballaron moi ben en equipo.

Coñecemos a Louise Bourgeois, a artista coñecida como "Muller Araña".

En 5º e 6º de primaria estivemos a traballar sobre esta artista tan especial, aproveitando que se achega o Samaín e que Louise Bourgeois adoraba as arañas. Estas criaturas, que a algúns e algunhas nos producen arrepío, á escultora francesa encantábanlle, posto que lle lembraban á súa nai por ser criaturas protectoras, coidadoras, dispostas a axudar e intelixentes, como a súa nai á que sempre lle profesou un gran amor. Por iso creou, entre outras obras unhas esculturas xigantes con forma de araña ás que chamou "Maman", a palabra francesa para "mamá".

Despois de ler sobre a artista francesa e escoitar o conto "Louise Bourgeois Made Giant Spiders and Wasn't Sorry", contado por Valentina, a nosa auxiliar de conversa, as nenas e nenos de quinto e sexto comezaron a crear as súas esculturas de araña, emulando a obra de Louise Bourgeois.

 

 

 
 
 
 
 
 

Parodiamos O Grito, o famoso cadro de Edvard Munch

Agora que se achega o Samaín, o alumnado de 5º e 6º fixo en Arts as súas parodias deste coñecido cadro relacionado co medo no que vemos unha figura berrando en primeiro plano.

Nas súas versións, son elas e eles quenes berran de terror... ou será de risa? Xulgade vós, podedes velas no segundo piso. Guiño

Arrancan os "Xogos en Familia" en 5º e 6º!

Hoxe, 18 de outubro, comezamos a nosa proposta de grupos interactivos chamada “Xogos en Familia” co alumnado de 5º e 6º e, por suposto, coas familias voluntarias que quixeron colaborar e compartir con nós un anaco ben divertido.

As nais que viñeron hoxe xogar connosco foron Marisa, que se encargou do xogo "Verbolario", Ledicia, que se ocupou do xogo "Banderea", María, que estivo ao frente do "Picto Rush", Yoli, que dirixiu o xogo "Adivina en 10: Países", Laura, que se ocupou do "Alto Voltaje Extreme" e Ari, que dinamizou o xogo "Distraction".

En terceiro ciclo decidimos continuar este curso cos grupos interactivos, unha forma de organización da aula que une aprendizaxe e convivencia e que, segundo a nosa experiencia previa, é moi beneficioso tanto para o alumnado como para as familias participantes. Os grupos interactivos caracterízanse por multiplicar e diversificar as interaccións que teñen lugar na aula e por ser un tipo de organización inclusora do alumnado, na que se conta coa axuda de máis persoas adultas que dinamizan as actividades de aprendizaxe, ademais das mestras dos grupos-clase.

Por outra banda, nestas actividades empregamos tamén a metodoloxía ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos), que consiste no emprego dos xogos de mesa como recurso ou ferramenta educativa para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento global do ser humano, especialmente desde a infancia, e os xogos de mesa supoñen un xeito atractivo e divertido de achegar o alumnado á adquisición e afianzamento das competencias e dos contidos curriculares. Trátase dunha metodoloxía activa que ofrece unha experiencia educativa significativa, acorde ás necesidades do alumnado e que ten en conta os seus intereses e motivacións.

Cremos que esta primeira xornada de "Xogos en Familia" foi un éxito, tanto para os rapaces e rapazas, que xa están desexando repetir, para as mestras, posto que vemos ao alumnado e ás familias desfrutar xuntos, e tamén para as nais colaboradoras, que nos expresan que lles gusta a iniciativa e gozan participando en actividades da escola cos seus fillos e fillas.

Moitas grazas a Marisa, Laura, Ledicia, María, Yoli e Ari por animarvos a vir xogar con nós e facer posible levar a cabo estas propostas!

 

Estacións de aprendizaxe en Lingua Castelá en 5º e 6º

Hoxe o alumnado de terceiro ciclo de primaria estivo traballando en estacións de aprendizaxe na materia de Lingua Castelá. Ademais, os rapaces e rapazas estiveron en grupos mesturados de 5º e 6º, para axudarlles a coñecerse mellor e favorecer a cohesión entre as dúas clases.

As titoras de 5º e 6º organizamos cinco estacións de aprendizaxe: retos para buscar no dicionario, escritura creativa con dados de contar historias, dictados de palabras, pasapalabra de vocabulario do outono e elaboración dun flipbook sobre as regras de acentuación. Os grupos de alumnado tiñan dez minutos para estar en cada estación e, ao rematar o tempo, cambiaban á seguinte estación, completando, deste xeito, todas as actividades propostas.

A experiencia resultou moi enriquecedora e as nenas e nenos esforzáronse e traballaron moi ben en equipo.


Os artistas de 5º e 6º emularon a Miró

Na materia de Arts en 5º e 6º comezamos traballando sobre o artista Joan Miró e, ademais de aprender sobre a súa biografía e a súa obra, tamén realizaron as súas versións de cadros do artista catalán.

Os rapaces e rapazas realizaron estes traballos mediante un xogo de "roll and draw", é dicir, lanzando os dados e engadindo elementos ao debuxo segundo o resultado obtido.

Así, o azar e a creatividade dos nenos e nenas fixeron que os traballos quedaran así de ben:





Participación do 3º ciclo na G-NIGHT

   O venres 27 de setembro o alumnado do 3º ciclo visitamos o CITENI (CENTRO DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOGÍAS NAVALES E INDUSTRIALES) no Campus de Esteiro para participar na G-Night (Noite europea das persoas investigadoras) nuns obradoiros moi interesantes.

 No Laboratorio de Fluídos tivo lugar o obradoiro  Foise co vento no que vimos como xerar vento  permite estudar a aerodinámica de vehículos sen que estes se movan…  descubrirmos os túneles de vento do CITENI, en particular o túnel de circuíto pechado. Xuntos, fixemos experimentos sinxelos para entender como mellorar a aerodinámica de obxectos, e de paso, refrescámonos un pouco.

 

 

O obradoiro Polímeros superheroes: como os polímeros revolucionan o día a día  centrábase no uso dos polímeros na tecnoloxía e a súa resistencia mecánica aplicada ao sector tecnolóxico. Vimos un experimento baseado en probas de resistencia de carcasas de diferentes polímeros baixo carga utilizando unha máquina de ensaios universal.

   E no Canal de Ensaios Hidrodinámicos  participamos no obradoiro Navegando por un mar en miniatura. A canle de ensaios hidrodinámicos do CITENI é unha das poucas infraestruturas deste tipo en España. Permite probar as capacidades e o comportamento no mar de estruturas flotantes que se ven sometidas á acción das ondas, xa sexan modelos de barcos a pequena escala, turbinas eólicas flotantes ou convertedores de enerxía das ondas. Neste obradoiro fixemos probas de flotabilidad con diferentes materiais.

DÍA DA LINGUA DE SIGNOS

E se deixamos de falar de inclusión e empezamos a falar de convivencia?

Pouquiño a pouco imos dando pasos... para isto, o pasado venres 14 de xuño conmemoramos o Día Nacional da Lingua de Signos. 

Nas aulas de 1º e 2º falamos do alfabeto dactilolóxico, da lingua de signos... e tamén elaboramos unhas chapas cos nosos nomes así como fixemos un agasallo para cada mestra!

 

 

 

Distribuir contido