Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Primaria
Traballo do terceiro ciclo sobre os ODS
Entrade en cada obxectivo para ver o vídeo correspondente do alumnado de 5º e 6º de primaria. Agardamos que os desfrutedes e aprendades sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible cos nosos nenos e nenas.
CONTACONTOS: Morto de fame
O pasado xoves 9 de maio o alumndo de 1º e 2º recibimos a visita de David Rodríguez, deseñador gráfico, activista político e escritor de contos de adultos e tamén infantís como o de "Superavoa".
David fixo unha pequena homenaxe ao "Hematocrítico" contándonos o seu conto de "Morto de fame" e para rematar interpretou coa súa guitarra unha canción moi pegadiza sobre o propio conto.
Coñecendo a Jean-Michel Basquiat
O alumnado de terceiro ciclo comezou a traballar en Arts sobre o artista Jean-Michel Basquiat.
Traballamos sobre Georgia O’Keeffe en Arts
O alumnado de primaria estivo aprendendo moito sobre a vida e a obra da artista Georgia O'Keeffe en Arts.
Ademais, preparamos unha instalación artística de flores feitas con papel de xornais vellos, reutilizando este material de refugallo e dándolle unha segunda vida para decorar a planta baixa da escola. Deste xeito, esta actividade, ademais de achegar a figura de Georgia O'Keeffe ao alumnado e de desenvolver a súa creatividade, enmárcase no PDI do centro.
Xogos en familia do terceiro ciclo en abril
O martes 9 de abril volvemos desfrutar dunha nova xornada de xogos en familia, esta vez grazas á colaboración de Carla, Paula, Marisa, Jose e Diego. Moitas grazas por participar connosco e por facernos pasar este anaco tan divertido!
PLANTAMOS NO 1º CICLO
Esta semana as nenas e nenos de 1º e 2º decidimos plantar no patio as sementes coas que nos agasallou a ANPA polo Nadal e outras sementes de caravel indio. Para iso, reutilizamos unhas botellas de auga, que trouxemos xa preparadas da casa.
O primeiro que fixemos foi encher as botellas de terra, para logo botar as sementes enriba.
Despois, cubrimos as sementes cun pouco máis de terra e botámoslles un chisco de auga. Por último, colgámolas nunha das vallas do patio.
Agora só queda agardar para ver como van nacendo e medrando as flores e que o noso patio quede máis bonito!!
GRUPOS INTERACTIVOS COAS FAMILIAS MARZO 2024
Esta mañá desfrutamos dunha nova xornada de grupos interactivos coas familias. Nesta ocasión estiveron con nós Ledicia, Marta, Mariana, Rebeca, Laura e Mari.
Hoxe Laura, a nai de Martín, sorprendeunos cuns xogos fantásticos creados por ela sobre a temática do noso PDI "Pegadas verdes".
Os seus xogos tiñan uns nomes moi ben pensados:
ECOCIRARQ: ECOnomia CIRcular en ARQuitectura.
CAMICASOS: Camiño cara a unha casa sostible cheo de atallos e trampas.
DOMINOCASOS: Efecto dominó na casa sostible.
E tamén xogamos a Find the word, o exitoso Picto Rush e Patchwork Doodle. Moitas gracias ás familias por ser partícipes desta iniciativa que tan bos momentos nos está dando.
Hilma af Klint, a pioneira do arte abstracto
En Arts de 5º e 6º estivemos traballando sobre a marabillosa pintora Hilma af Klint, que nos abraiou coas súas espectaculares obras e coa súa incrible historia.
Neste mes de marzo, mes da muller, en Arts de terceiro ciclo estamos afondando sobre mulleres artistas, e tras Bridget Riley como figura representativa do Op art, desta volta tocoulle o turno á artista sueca Hilma af Klint, que foi a pioneira do arte abstracto, xa que creou os seus primeiros cadros abstractos en 1906, anos antes que Wassily Kandinsky, Piet Mondrian e Kazimir Malévich, quenes tradicionalmente foron considerados os primeiros en realizar obras deste tipo.
Os cadros abstractos de Klint non foron coñecidos ata 1986, xa que ela mesma deixou instrucións de que as súas obras debían permanecer ocultas e non podían ser amosadas ao público ata polo menos vinte anos despois da súa muerte, debido a que consideraba que a xente da súa época non estaba preparada e non comprendería ese tipo de arte.
Tanto a biografía coma a obra desta incrible muller son merecedoras de que todas e todos investiguemos e afondemos máis sobre elas. Polo menos a nós, Hilma roubounos o corazón.
Tras coñecela e admirar as súas obras, os rapaces e rapazas de 5º e 6º crearon a súa persoal versión do arte de Hilma, mesturando formas xeométricas e outras máis orgánicas que nos lembran ás que atopamos na natureza, empregando cores vivas e vibrantes. Ademais, debían engadir, como mínimo, un adxectivo en inglés que elas e eles consideren que describe como son as mulleres.
O resultado, coma sempre, un espectáculo para os sentidos, ou se non, vide ver a exposición da planta baixa da escola e veredes.
Xuntanza con Lois Pérez para falar sobre o seu libro "A Gruta da Torre"
O alumnado de 5º e 6º de primaria tivo un encontro co escritor Lois Pérez para falar sobre o seu libro A Gruta da Torre, que lemos nas aulas este trimestre.
A Gruta da Torre cóntanos a historia dun rapaz chamado Lois, que vai coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no seu interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990.
Desfrutamos moito coa lectura do libro na clase, comentando o que lles ía acontecendo aos personaxes e imaxinando que pasaría a continuación. O libro fixo voar a nosa imaxinación, fíxonos rir ás gargalladas e, ás veces, emocionarnos bastante, e o encontro co seu autor non ía ser menos. Desfrutamos moito falando con Lois sobre o seu libro, preguntándolle por fin esas inquedanzas e dúbidas que ía aparecendo ao longo destas semanas, segundo avanzabamos na lectura, e escoitando as historias tan graciosas e curiosas que nos contou. Ata descubrimos que foi profe de Centieiras hai anos!
Moitas grazas, Lois, por animarnos a seguir gozando da lectura!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »