Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Os contos de medo gañadores!
Aquí tedes os contos seleccionados por Gatiza este Samaín. Todos eran arrepiantes e encantáronlle, pero escolleu estes como os seus preferidos. Moitas grazas pola vosa participación. Seguro que en Centieiras hai algún ou algunha futuros escritores de literatura de terror. Seguide así!
Exposición de cabazas e decoración de Samaín
Achégase o Samaín!
Só falta unha semana para a festa máis terrorificamente divertida do ano!
Mentres esperades que chegue o gran día, podedes aprender máis sobre o Samaín, escoitar cancións desta época do ano e ata facer un pequeno xogo para comprobar canto sabedes sobre a orixe da festa das cabazas con este Genial.ly creado polo EDLG do cole. Esperamos que vos guste!
Simulacro de incendio
Onte, xoves 20 de outubro, mentres estabamos en clase, soou a alarma de incendios da escola e rapidamente o alumnado soubo como había que actuar, xa que recentemente tivemos sesións de formación nas aulas para refrescar a memoria.
En cada aula hai responsables que se teñen que encargar de comprobar se a porta queima ou non. Se non está quente sabemos que podemos saír con tranquilidade da clase, posto que o lume non está do outro lado da porta.
Outro encargado ou encargada debe comprobar que as ventás da clase queden pechadas, para evitar que entre aire e avive o lume. Mentres, o resto do alumnado debe formar unha fila para saír do edificio do xeito máis ordenado posible. Hai que baixar en silencio para poder escoitar en caso de que alguén estea pedindo axuda.
Por último, o rapaz ou rapaza que sae de último debe coller a cadeira máis próxima á porta, pechar e colocar a cadeira no corredor diante da clase. Facemos isto para indicarlles aos servizos de emerxencias que esa aula está baleira e así non perden tempo buscando en todos os espazos do centro, en caso de que, ao facer o reconto total, xa fóra do colexio, falte alguén.
Baixamos polas escaleiras con orde e paso rápido e fomos ata o lugar designado para poder facer o reconto de alumnado.
Ao pouco, chegou o camión de bombeiros coas luces e a sirena acesas. Tiveron que acceder ao colexio por unha ventá usando a escaleira para sacar a dous alumnos que quedaran dentro. Os dous nenos foron recibidos con aplausos cando un bombeiro os trouxo co resto de compañeiros e compañeiras.
O alumnado actuou moi ben na evacuación, demostrando que están preparadas e preparados para actuar en caso dunha emerxencia real. Bravo, rapazas e rapaces!
Queremos agradecer tamén a colaboración dos Bombeiros de Ferrol, da Policía Local de Fene e de Proteción Civil de Fene, que se implicaron e colaboraron para organizar e levar a cabo este simulacro.
GATIZA ANÍMAVOS A FACER DEBUXOS E CONTOS DE MEDO
Gatiza está que non para! Aínda chegou onte ao cole por primeira vez, pero vén cunhas ganas tremendas de facer cousas. Hoxe pola mañá apareceu de novo para anunciar a festa de Samaín do venres día 28 de outubro e agora anímavos a que fagades debuxos de medo (educación infantil e primeiro ciclo de primaria) e contos de terror (segundo e terceiro ciclo de primaria). Seguro que vai quedar abraiada coa vosa creatividade!
GATIZA ANÚNCIANOS QUE SE ACHEGA O SAMAÍN
A nosa nova amiga Gatiza vén con ganas de festa! E vós, xa tedes o disfrace preparado? E a cabaza, xa sabedes que deseño faredes? Estamos desexando velas! E non vos esquezades da lanterna, que ás veces no Samaín marcha a luz misteriosamente... Atentas e atentos ao que nos di Gatiza!
Gatiza é unha personaxe creada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega con Gacha Life
COÑECEMOS A GATIZA!
Esta mañá houbo unha visita sorpresa nas clases. Chegou unha personaxe que nos acompañará ao longo deste curso para animarnos a todas e todos a falar máis en galego. Queredes coñecela?
Verémola a miúdo na escola e seguro que ten moitas cousas que contarnos e algún que outro encargo tamén...
Polo de agora, a min gustaríame saber máis sobre Gatiza: Quen é? De onde vén? Como chegou a Centieiras?
Vós como imaxinades a súa historia?
Gatiza é unha personaxe creada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega con Gacha Life.
Inauguración do PDI: a maxia do xogo
Esta mañá tivemos unha sorpresa no cole: as mestras e mestres tiñan preparada a inauguración do PDI!
Cando chegamos as filas, puxéronnos unha pegatina dun cor que resultaron ser grupos de nenos e nenas mesturados por aulas. Así, fomos pasando polos distintos talleres: xogos populares, xogos predeportivos, xogos de mesa, xogos virtuais e xogos xigantes!
Aquí vos deixamos unhas fotos para que vexades:
Murais de Tetris e Pacman feitos polo alumnado de terceiro ciclo
En Centieiras comezamos este novo curso con máis ganas de xogar ca nunca!
O alumnado de quinto e sexto de primaria traballou arreo para facer catro murais chulísimos que decoran o corredor das súas aulas.
As rapazas e rapaces de 5º, 6º A e 6º B crearon un Tetris moi colorido que nos da a benvida cando subimos polas escaleiras. Este mural, ademais de lembrar o mítico videoxogo dos anos oitenta, simboliza que todas e todos somos pezas moi importantes neste gran crebacabezas que é a nosa escola, no que todas e todos encaixamos e precisamos uns dos outros para construír xuntas e xuntos algo extraordinario.
Tamén fixeron tres murais máis, un por aula doutro clásico videoxogo arcade, o Pacman. Quedaron xenial! E o mellor de todo é que traballaron e colaboraron entre toda a clase para crealos. Noraboa, rapazas e rapaces, bo taballo!
Instrucións conxuntas ao respecto das recomendacións xerais para a xestión da Covid-19 no ámbito educativo no curso 2022-2023
Adxuntamos as instrucións conxuntas ao respecto das recomendacións xerais para a xestión da Covid-19 no ámbito educativo no curso 2022-2023. Pregamos a súa atenta lectura.
Circular persoas usuarias transporte escolar curso 2022-2023
Estimadas persoas usuarias de transporte escolar:
Debido ás recentes modificacións nas rutas de transporte escolar e á INSTRUCIÓN CONXUNTA 1/2022, DA SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES E DA DIRECCIÓN XERAL DE MOBILIDADE DA CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE, SOBRE A XESTIÓN DO SERVIZO DE TRANSPORTE DE ESCOLARES NO CURSO ESCOLAR 2022-2023 informamos do seguinte:
Considerarase usuario con dereito a transporte escolar gratuíto o alumnado cuxo domicilio se encontre fóra do núcleo urbano no que radique o centro escolar e, en calquera caso, a unha distancia deste superior a 2 km, calculada utilizando o itinerario máis directo, sen desvíos e rodeos innecesarios
Para manter a condición de usuaria/o con dereito, é necesario que se faga un uso continuado do transporte escolar, entendido este como o uso repetitivo del en días fixos da totalidade das semanas do curso 2022-2023
As irregularidades ou deficiencias que se observen cada día, de ser o caso, na execución do servizo, deberán ser comunicadas polas direccións dos centros aos Servizos Provinciais de Apoio aos Servizos Educativos da correspondente Xefatura Territorial coa maior exactitude e con carácter urxente, con indicación do número de contrato no caso de servizos de uso especial, e do código de expedición no dos servizos integrados, indicando as circunstancias que concorran e achegando os medios probatorios de que dispoñan. Tamén deberán ser comunicadas con carácter urxente as incidencias non contractuais, como accidentes, manobras non permitidas, etc.
Sen prexuízo do disposto no apartado 1 desta Instrución, ante a eventualidade de que haxa vehículos que conten con prazas vacantes nas rutas de transporte escolar xestionadas pola Consellería de Educación, e co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles, poderase autorizar o uso do servizo aos colectivos seguintes :
1º. Ao alumnado de ensino obrigatorio, FP Básica e segundo ciclo de ensino infantil cuxo domicilio estea situado a unha distancia, calculada utilizando o itinerario máis directo, sen desvíos e rodeos innecesarios, do centro escolar inferior a 2 km e superior a 1 km en zona urbanizada e 500 m en zona non urbanizada. Se ben este alumnado non ostenta a condición de usuario con dereito a transporte escolar, pode excepcionalmente usar o servizo, sempre que concorran os seguintes requisitos:
- Que existan prazas vacantes
- Que non comporte a modificación das rutas
- Que non supoña a creación de novas paradas
- Que non incremente a duración do traxecto
- Que non precise a incorporación de acompañante
Paradas lexítimas da liña ED 150920 / Gándara - Estanco:
As paradas "Concello" e "Correos" respectivamente, foron denegadas polo servizo de transporte da Xefatura Territorial da Coruña por non cumplir as condicións anteriormente mencionadas.
Polo tanto, aquelas persoas usuarias que viven a menos de 2km do centro e que subían/baixaban nas paradas Concello e Correos perden a súa condición de usuarias do transporte escolar. As persoas que subían en San Ros, teñen a posibilidade de subir na parada Estanco, a cal queda a 450m. As persoas interesadas en utilizar calqueira das paradas anteriormente mencionadas deben comunicar ao centro a súa intención de facer uso desta parada ou calquera outra antes do 8 de setembro mediante o impreso adxunto mais abaixo.
Grazas pola vosa comprensión. Atentamente,
Iria González Grande
Directora CEIP Plurilingüe de Centieiras
Adscrición profesorado curso 2022-2023
Profesorado adscrito para o curso 2022-2023:
EDUCACIÓN INFANTIL
- 4º Educación infantil: Silvia María Filgueira Pena
- 5º Educación infantil: Beatriz Gamallo Permuy
- 6º Educación infantil: Josefina Herreros Calvo
- Mestra de apoio de infantil: Alba Tenreiro López
EDUCACIÓN PRIMARIA:
- 1º Educación primaria: Alberto Pernas Pérez
- 2º Educación primaria: Andrea Fernández López
- 3º Educación primaria: Ana María Barro Casas
- 4º Educación primaria: María del Carmen Leira Moreno
- 5º Educación primaria: Isabel Torrente Seco
- 6º Educación primaria, grupo A: Bibiana Grandal Mourente
- 6º Educación primaria, grupo B: María Cristina Acevedo Varela
PROFESORADO ESPECIALISTA:
- Audición e Linguaxe: Gloria Gómez Edreira, compartida co CPI A Xunqueira (centro base)
- Educación Física: Abel González Varela
- 1ª de inglés: Iria González Grande
- 2º de inglés: Bibiana Grandal Mourente
- Música: Sabela Paz Romero.
- Música con afíns: Carlos Díaz Sobrín
- Orientación: Lorena, compartida con CEIP Os Casais
- Pedagoxía Terapéutica: María Macarena Espiñeira Filgueiras
- Relixión católica: Teresa María Anca Ardao
Listaxe de material curso 2022-2023
A continuación deixamos adxunta a listaxe de material escolar necesario para o curso 2022-2023.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- …
- seguinte ›
- última »