Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
DÍA DA POESÍA 2023
Mañá 21 de marzo, para conmemorar o Día da Poesía, o alumnado do centro colgará a partir das 9:00 os seus traballos a diferentes ubicacións: Avenida Tarrio, Praza do Concello e Praza Verde.
Non deixedes de visitar estas exposicións!
CAMIÑO Á FAMA 5º EP
Ola rapazada, ola familias!
Unha semana máis deixámosvos por eiquí a coreografía da actividade CAMIÑO Á FAMA realizada este pasado venres polo alumnado de 5º de educación primaria. Desta vez interpretan a banda sonora orixinal da película, "Cazafantasmas". Desexamos que vos goste tanto como a nós. Parabéns polo traballo realizado.
NAUTILUS
O xoves 16 de marzo de 2023 o alumnado de 3º e 4º de EP acudiu á sede da Afundación Abanca ver a obra de teatro "NAUTILUS".
O capitán Nemo aprecia o mar máis que a súa propia vida. Nemo vive a bordo do Nautilus, un submarino segredo que percorre os océanos de todo o mundo, lonxe de todo e de todos. Pero desde hai un tempo, o capitán observa que os bancos de coral estanse a converter en montañas de lixo, os peixes en bolsas de plástico, e as pradarías de posidonia en vertedoiros acuáticos. A vida mariña está en perigo e Nemo propúxose evitalo, pero non pode facelo el só. Por iso recluta ao profesor Aronax, a quen levará a unha viaxe de 20.000 leguas submariñas para amosarlle os segredos dese mundo fascinante ameazado pola contaminación humana.
Nautilus é unha versión da clásica novela de aventuras “20.000 leguas de viaxe submariño” cunha lectura actual, comprometida e ecoloxista. A historia que contaría Julio Verne hoxe en día.
CAMIÑO Á FAMA 6ºA-6ºB
Ola rapazada, ola familias!
Aquí deixámosvos un novo vídeo da coreografía montada polo noso alumnado dentro da actividade... "CAMIÑO Á FAMA". Comezamos unha nova volta onde pasarán de novo tódolos grupos do colexio. Desta vez son, de xeito grupal, os dous cursos de sexto de primaria os encargados de iniciala. Desexámosvos que vos goste pois fixérono simplemente, XENIAL!
Gatiza quere aprender brincadeiras!
Xa vedes que Gatiza segue aprendendo galego. Agora quere que lle ensinedes brincadeiras, cancións para acompañar xogos, para saltar á corda ou á goma, ditos de botar a sortes, recitados ou rimas para xogar ás palmas ou a outros xogos de mans, así que necesita que escollades un deses ditos, rimas ou cancións e que gravedes un vídeo no que llo ensinedes. Só tedes que ter en conta o seguinte:
- No vídeo debedes falar en galego.
- Debe estar gravado en horizontal.
- Ten que ser curto, dun minuto como máximo.
- Debe escoitarse e entenderse o que dicides.
- Traédeo á escola gardado nunha memoria USB co voso nome. Tedes de prazo ata o día 17 de marzo.
Animádevos a brincar en galego con Gatiza!
8 de marzo: Miramos o mundo a través dos lentes violetas.
Hoxe, día 8 de marzo, conmemórase o Día da Muller e na escola fixemos unhas gafas violetas para que, a través dos seus lentes, poidamos ver un mundo no que existe unha igualdade real entre homes e mulleres. Isto é o que se pretende transmitir ao alumnado e no que se incide nas nosas aulas cada día e tamén o que se fomenta coas actividades organizadas desde o programa IguálaT.
As rapazas e rapaces de quinto e sexto de primaria fixeron debuxos e traballos sobre esta data e hoxe, durante o acto conmemorativo, as nenas e nenos de sexto leron os seus traballos para todas e todos os que formamos parte da escola.
Miremos sempre o mundo a través dos lentes violetas!
O alumnado de terceiro ciclo asiste á obra What Monster!
O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída para ver unha obra de teatro en inglés. Foi moi divertida e as nosas rapazas e rapaces demostraron as súas dotes como actrices e actores e o seu dominio da lingua inglesa. Look!
CAMIÑO Á FAMA 4ºEI
Ola rapazada, ola familias!
Desta vez ensinámosvos o baile desenvolvido o venres pasado por parte do alumnado de 4º de educación infantil, os máis pequerrechos/as do colexio, polo que se cabe cobra todavía máis mérito. Estiveron algo tímidos pero dentro da súa lóxica fixérono XENIAL!!! Interpretaron a canción titulada... "O pitiño amareliño".
Aí vos vai!
VISITA DE ANDREA MACEIRAS
VISITA DE ANDREA MACEIRAS
O pasado 28 de febreiro veu ao cole Andrea Maceiras autora do libro "Alma de elefante" que limos o alumnado de 3º e 4º EP.
Antes de comezar fixémoslle entrega dun pequeno agasallo preparado por todos nós: un elefante de "fieltro" e un libro cun pequeno texto e debuxos feitos por nós sobre o libro.
Logo pasou a explicarnos as "orixes" do libro cunha presentación dinámica: a historia naceu a partir dunha viaxe que ela fixo por Asia e está dedicada ao neno ou á nena que perdeu un debuxo e que ela atopou preto de Banteay Srei (templo de Angkor, en Camboia). Cando o visitou había un grupo de nenos e nenas correndo polos arredores, alí foi onde atopou unha pequena folla cun debuxo no que aparecía a imaxe do que ela estaba a ver dende o mirador.
Despois da explicación pediunos que pecharamos os ollos, que nos relaxaramos e nos viramos sendo auga, terra, aire ou pedra... Unha vez relaxados, leunos con voz mainiña un relato da velliña Champey no que nos pedía que imaxinaramos de que animal tiñamos a nosa alma, coma Suy que tiña alma de bolboreta e Lawen que tiña alma de elefante.
Conseguiu a nosa relaxación e, pouco a pouco, cada un de nós foi dicindo de que animal era a nosa alma: peixe laranxa, puma, serpe... Non vos podedes imaxinar a cantidade de animais que eran as nosas almas!!!
Respondeu a todas as nosas preguntas e escoitou moi atenta as interpretacións que iamos facendo sobre uen pensabamos que eran Suy e Lawen partindo do debux da cuberta do libro.
Para rematar asinou os nosos libros facéndoos únicos co noso nome e o da alma do animal que cada un de nós imaxinou.
Sóubonos a pouco o tempo que estivemos con ela.
Grazas Andrea Maceiras por compartir con nós un anaquiño do teu tempo.
Crónicas de Centieiras - Febreiro 2023
Xa temos o seguinte episodio do programa que facemos grazas ós compañeiros e compañeiras de Radio Fene. O alumnado de 6ºA xunto co alumnado de 5ºEI foron onte á radio e aquí tedes o resultado. Podedes escoitalo facendo click no arquivo adxunto!
DIA DE ROSALIA
Celebramos o día de Rosalía cun fotomosaico, creando a imaxe de Rosalía a partir de cada un/unha de nós.
E ademáis, saimos ás prazas do noso Concello para recitar poemas.
O ENTROIDO DE CENTIEIRAS!!!
Ola rapazada, ola familias!
Un ano máis volta o Entroido ao noso colexio e como non somos de pouca troula... festexámolo a tope!!!
Por aquí deixámosvos un extracto de como fomos disfrazados todos e todas, alumnado e profesorado. Cada ciclo ou cada curso foron do que lles pareceu oportuno, pero todos cunha temática que estamos a traballar no centro este ano, O XOGO. Así atopámonos con MARIO BROS, pezas de LEGO, roles de ELFOS, do xogo de CLUEDO... Despois de facer un pasarrúas ata a Praza do Concello e vir de volta cantando unhas regueifas elaboradas polo alumnado, foi a quenda das merendas nas aulas cos doces típicos do Entroido para posteriormente, desfrutar dun recreo amplo ata a hora de irse para a casiña a desfrutar das vacacións. Picade na imaxe para visualizalas fotos e o vídeo máis abaixo.
Ata a vindeira entroidada!!!
Día internacional do cancro infantil
Dende Centieiras, queremos lembrarnos dos nenos e nenas que teñen un desafío maior por diante. Por iso hoxe paramos as clases e reunímonos cos nosos panos da cabeza.
CAMIÑO Á FAMA 5º EI
Ola rapazada, ola familias!
Desta vez é o grupo de 5º de educación infantil os encargados de deleitarnos con esta coreografía tan marabillosa. Para elo empregaron a canción chamada... "O baile da formiga". Puro espectáculo!!! PARABÉNS a todos e todas, ao igual que a súa mestra polo traballo previo realizado.
Autorización 2 maio 2023 como día non lectivo
A Xefatura Territorial da Coruña resolveu autorizar como día non lectivo o martes 2 de maio de 2023, polo que este día non haberá clase nin actividades extraescolares.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- …
- seguinte ›
- última »