"Seremos quen de xuntar 10.000 seguidores nun ano publicando contidos galegos no Facebook?". Corría o ano 2016 cando os creadores de Orgullo Galego se fixeron esta pregunta, que axiña tivo resposta, porque en apenas un mes superaron esa cifra e en 6 meses xa contaban nada máis e nada menos que con 70.000 seguidores. Dende entón, Orgullo Galego non parou de medrar até aglutinar máis de 420.000 persoas nas redes sociais (FB, IG, Twitter, Twitch, TikTok, Sportify, Ivoox, Telegram ou Mastodom), unha web na que publican contido propio, tenda en liña e milleiros e milleiros de post publicados. Este labor vén de ser recoñecido co premio Rosalía de Castro á Normalización Lingüística 2023 que concede a Deputación da Coruña, na categoría de "Entidades" por representar "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas".
Actividades Dinamización
Relatos sobre o acoso escolar
Francisco Fernández del Riego e o patrimonio lúdico galego
A celebración do Día das Letras Galegas dedicado á figura de Francisco Fernández del Riego tomou corpo onte, sábado 20 de maio, nun episodio especial do espazo "Recuncho da lingua" de Radio Estrada, dedicado aos xogos populares e tradicionais.
Esta vinculación débese a que, por primeira vez, dentro da programación de actividades dun Día das Letras, se incluíu unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado. A mostra "Don Paco, o pícaro argalleiro", pode visitarse no Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e recolle os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza.
Nesta ocasión, no programa conducido por Pilar Bernárdez participaron alumnos e alumnas do noso instituto e dos colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez , que fixo posible o marabilloso encontro de catro xeracións de estradenses.
Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas
Hoxe deu comezo o programa das Letras Galegas 2023 no noso centro. Literatura, redes sociais, audiovisual, Fernández del Riego e, parafraseando o lema do Correlingua desta edición, máis galego na casa e na escola, na vila, na aldea e na vida.
Esta mañá tivemos a oportunidade de conversar co profesor e escritor David Pérez Iglesias arredor da novela Todo o tempo do mundo (Premio Merlín de literatura infantil 2016).
O encontro, presentado e moderado por Noa, Lía e Iker, deu pé para falar da historia do avó Valente e a súa neta Ariadna, de 11 anos, que o acompañará un verán na aldea entretanto os seus pais se instalan nun novo país a onde chegan fuxindo da crise e a difícil situación económica da familia.
Todo o tempo do mundo é un libro para rapaces e rapazas pero non só, tamén para adultos, para falar da perda do mundo rural, das ameazas que sofre (o despoboamento, as canteiras, os eólicos...), da necesidade dos silencios e da tenrura, dun mundo no que "a choiva fala coas cousas" e onde as nosas raíces non hai que buscalas nos avós senón no que lle deixamos aos nosos fillos. Porque, como afirma o autor nunha carta dirixida á protagonista que fai de prólogo: "Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas".
"No craustro", de Sara Espiño Vaamonde, gaña o VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María
Mamá, quero ser Ziggy Stardust
Lembranza de Pepa a Loba polas terras de Couso
O pasado sábado houbo un especial do programa de Radio Estrada "Recuncho da Lingua", dedicado á cultura popular. O IES Nº 1 participou coa recollida de contos e lendas populares por parte do alumnado de 1º de ESO. O que levamos á radio é unha mostra deste traballo, concretamente o realizado por Mariña Fajundes, que escoitou da voz da súa tía avoa Enriqueta a lenda de Pepa a Loba, a bandoleira do século XIX que fuxiu aos montes e que aínda se lembra polas terras de Couso, en Vea. Podes escoitala, a partir do minuto 13:10.
O Grupo de Teatro representa "Sentenza" no IES Losada Diéguez
O Grupo de Teatro do Nº 1 representou esta tarde "Sentenza", inspirada na obra teatral do mestre Olimpio Arca, no salon de actos do IES Losada Diéguez. Moitas grazas pola proposta e a acollida! Ademais do noso alumnado de 1º ESO e do alumnado de 2º ESO do Losada, a peza contou cun público de excepción: as persoas usuarias do centro de día AGADEA.
Na obra participan 14 alumnos/as e as profesoras Janet e Mónica Places baixo a dirección de Cristina Andrade, actriz que seguimos dende hai anos en serie e películas, no teatro e en programas de televisión, e coa que temos a sorte de contar no noso centro para traballar co alumnado nesta actividade formativa.
O guión foi elaborado por Cristina a partir de varios textos do propio Olimpio Arca. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, ou o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que foi estreada o 29 de novembro na Mostra de Teatro Escolar que organiza a Asociación Vagalumes.
Volvamos escoitar… a Rosalía de Castro!
En resposta a unha nova convocatoria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega para celebrarmos o Día de Rosalía, o noso centro sumouse a esta celebración con diferentes actividades. Así, os versos de Rosalía tomaron os corredores e outros espazos comúns do centro como a Biblioteca, a cafetaría e o patio, á vez que serviron de inspiración para as creacións do alumnado, que veu traballando nas últimas semanas na elaboración de montaxes audiovisuais e caligramas que foron expostos na entrada da Biblioteca. Ademais, nas aulas de Lingua Galega achegouse máis polo miúdo á súa biografía a través de presentacións e mesmo retos lúdicos.
Por outra banda, Brais, Adriana e Iria participaron, xunto co alumnado doutros centros educativos, nun recital que tivo lugar o pasado xoves no Teatro Principal, no que tamén se presentou o vídeo institucional do Concello Aí vai a tola soñando.
Teño da Estrada tantas lembranzas vellas!
Con motivo do aniversario do nacemento de Alfonso D. R. Castelao en Rianxo un 29 de xaneiro de 1886, un grupo de alumnas de 4º ESO participou onte (28-01-23) nun programa especial do Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, que conduciu Pilar Bernárdez.
Jessica, Irene e Uxía, acompañadas pola directora e profesora de Lingua Galega, Beatriz, encargáronse de rememorar a relación que Castelao mantivo coa Estrada a partir, nomeadamente, da carta que lles enviou aos estradenses en 1941 dende o exilio americano. Esa Estrada que foi, nas súas palabras, "o escenario en que se desenrolaron as máis punxentes esceas do meu pasado vivir", foi evocada nos paseos de Alfonso Daniel con Virxinia Pereira, na lembranza do malogrado fillo, nos encontros co amigo e compañeiro da causa galeguista Losada Diéguez ou no multitudinario mítin pro-Estatuto de 1936.
Ademais, Uxía explicou como se xestou a idea e como elaborou unha versión para monicreques de Os vellos non deben de namorarse, na que contou coa axuda da familia e que podedes ver aquí.
Visibilizar a diversidade afectivo-sexual
A novela 22 segundos, de Eva Mejuto (presentación de apoio), foi escollida para comezar a andaina do Club de Lectura Igualdade, cuxas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual.
Nesta primeira xuntanza do 20 de decembro, que reuniu un dos grupos de alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO, foi coordinado pola profesora Mónica Places coa colaboración de Beatriz e Mónica Mato, e na conversa tratouse a realidade que vive a mocidade trans, que medrou sen referentes e que compartiron as súas experiencias coa autora. O coloquio foi enriquecedor e as persoas asistentes foron quen de, dende a empatía e o respecto, aproximarse ás vivencias daquelas personas que non encaixan nos moldes sociales preestablecidos e que teñen experiencias de vida diversas, especialmente nunha etapa da vida na que se suceden máis mudanzas e que se vive con maior intensidade.
Premio no "I Concurso de vídeos Perdidos e Achados" para os alumnos Pedro Souto e Brais Tato
Pedro Souto e Brais Tato veñen de gañar, co seu traballo Forra, o Premio á Calidade Técnica e Creativa do I Concurso de vídeos Perdidos e Achados convocado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG) coa colaboración da Deputación da Coruña. O xurado destacou os elementos innovadores do seu traballo no plano audiovisual e a súa orixinalidade.
O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros galegos tiñan que recoller e explicar palabras empregadas na súa zona que fosen tamén utilizadas na lingua portuguesa. Pedro e Brais escolleron o termo "forra", que explican moi ben neste vídeo que vos convidamos a ver. Moitos parabéns!
Noraboa, así mesmo, para Noemi, Carla, Helena, Antón, Pablo, Desirée e Gabriel, alumnos/as de Lingua Portuguesa de 3º ESO, por participaren tamén cos seus traballos, que se poden ver na nosa conta de Instagram.
Participación en Radio Estrada
O sábado, 17 de decembro, os alumnnos de 3º de ESO Pedro Souto e Brais Tato participaron nun programa especial das Mañás de Sábado, de Radio Estrada. Dirixido por Isabel Durán e por Pilar Bernárdez, foron convidados os centros educativos co obxectivo de pór en valor o patrimonio inmaterial da cultura galega, en especial o referido aos contos, lendas e mitos de tradición oral.
Acompañados pola profesora do IES Mónica Mato, os mozos leron cadansúa lenda, que recolleran previamente nas súas casas, por boca de familiares. Podedes escoitar o programa premendo aquí ou dándolle ao play directamente no reprodutor (a súa intervención comeza a partir do 08'50'').
Parabéns aos rapaces pola súa fantástica intervención!
Presentación dos clubs de lectura
Un total de 29 alumnos e alumnas responderon á convocatoria dos clubs de lectura que realizou a Biblioteca do centro ao longo deste mes de outubro, que foi reforzada polo profesorado implicado nas aulas e tamén a través da cartelaría nos corredores e na cafetería. O martes 25 reunímonos para coñecérmonos mellor, intercambiar as nosas inquedanzas lectoras e as expectativas ante esta actividade, así como as primeiras impresións sobre os títulos escollidos para iniciar a nosa andaina no curso 2022-2023.
|
Festival de Teatro Olimpio Arca
O día 29 de novembro participamos na xornada de homenaxe a Olimpio Arca, mestre, escritor e impulsor do teatro na Estrada.
O grupo de teatro do noso IES realizou esta magnífica interpretación a partir do texto creado pola profesora de teatro, Cristina, que partiu de varios textos do propio Olimpio para elaborar o guión. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que é o título da obra.
Parabéns a todo o elenco (alumnas, alumnos e profesoras) polo voso labor.
25N: Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres
O día 25 de novembro participamos en varias actividades no IES que procuraban a concienciación e a sensibilización de alumnado e profesorado ante este grave problema social: a violencia que se exerce contra as mulleres.
O alumnado de 3º e 4º participou na "Estación da Igualdade", unha proposta do CIM da Estrada para os centros educativos da nosa localidade.
No IES tivemos actividades nas aulas e na biblioteca para todo o alumnado, que foi participando en pequenos grupos.
E, xa para rematar, o alumnado de Proxecto competencial estivo a traballar este tema na aula, e de aí saíron tres interesantes propostas, que poderedes visualizar en breve.
O IES Nº1 CONTRA A VIOLENCIA...
PORQUE NON É NON!
Encontro con Tamara Andrés, autora do poemario "irmá paxaro"
O próximo martes 15 de novembro o alumnado de 4º ESO manterá un encontro con Tamara Andrés, autora de irmá paxaro, poemario editado por Cuarto de Inverno e ilustrado fermosamente por María Montes, polo que mereceu o Premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020. Ademais, o libro foi finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.
Como se sinala na presentación editorial da obra, "irmá paxaro é o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo".
Esta actividade desenvólvese no marco do Programa Encontros Literarios que convoca a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte e é organizada polo Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca.
Día das Bibliotecas Escolares co alumnado de 1º ESO: actividade A Ruleta das Letras
O martes 25 pola tarde os alumnos e alumas de 1º ESO, para celebraren o Día das Bibliotecas, gozaron da actividade lúdica e cultural A Ruleta das Letras.
Dirixidos pola Asociación Anacos, o alumnado dividiuse en diferentes grupos que, para poderen xirar a Ruleta (que ofrecía diversas posibilidades: gañar un comodín, perder quenda, conseguir puntos...) debían contestar axeitadamente a unhas cuestións sobre a lingua e a literatura.
Deste xeito ían conseguindo vogais e consoantes coas que encher os paneis, que agochaban o nome de autoras e títulos de obras como As malas mulleres de Marilar Aleixandre, recentemente galardoada co Premio Nacional de Literatura.
Día das Bibliotecas Escolares co alumnado de 2º ESO: Taller "Eu vou comigo"
Esta semana conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares cos alumnos e alumnas de 2º de ESO. Para iso, no IES Nº1 desenvolveuse un taller a cargo de 4 Elefantes, titulado “Eu vou comigo”.
Tomando como punto de partida a lectura de dous breves libros da autora e ilustradora Raquel Díaz Reguera (Eu vou comigo e Eu son), o alumnado reflexionou sobre aspectos relacionados coa autoestima, as súas expectativas (e as dos demais), a aceptación de si mesmos, a etiquetaxe social, o sentido de pertenza a un grupo etc.
Logo de traballar a comprensión lectora, a imaxinación e creatividade, a capacidade de empatizar cos demais, as actitudes positivas para previr conflitos... chegou o momento de elaborar o traballo grupal, entre todo o alumnado de 2º ESO: a creación dun Mural Collage.
Visita á Exposición sobre Manuel García Barros
Hoxe no IES Nº1 vivimos unha xornada especial, ao sermos visitados por un grupo de maiores dunha residencia de Cuntis, que se achegaron ao noso centro para ollar a exposición sobre García Barros.
Ao chegaren, foron recibidos polo Equipo directivo, polo comisario da exposición, o profesor Carlos Loureiro, e por un grupo de alumnos e alumnas de 2º de ESO. Estes, coa inestimable axuda do profesor, fóronlles explicando os contidos de cada un dos paneis. Agardamos que servise para acadar un maior coñecemento do escritor Manuel García Barros, un home honesto coas súas ideas (mesmo en tempos ben difíciles) que sempre loitou por mellorar a vida dos seus veciños.
Ao rematar, levaron un lote de libros para a Biblioteca da residencia e un folleto explicativo da exposición, elaborado polo Equipo de Dinamización e da Biblioteca do noso IES, así que poderán seguir profundizando na vida e obra deste insigne autor estradense.
O IES Nº1 agradece a súa visita, e agardamos que a experiencia resultase enriquecedora para todos eles. Para nós si o foi, sen dúbida. Neste enlace, poderán ler a noticia no xornal: Manuel García Barros encandila aos usuarios da residencia de Cuntis no IES Número 1.
Visita ao Parque Arqueolóxico de San Cibrao de Las e ruta de senderismo no Río Barbantiño
O pasado 4 de outubro o alumnado de 2º de ESO realizou unha saída para coñecer o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las e realizar unha ruta de senderismo polas beiras do río Barbantiño en Punxín.
No Castro de San Cibrao, grazas á atención e ao saber facer dos monitores do propio Parque, coñeceron algo máis sobre a forma de vida, os costumes e outras peculiaridades da cultura castrexa. Tamén fixeron os seus piniños na arqueoloxía cun pequeno obradoiro onde aprenderon a desenterrar e catalogar restos arqueolóxicos.
Despois da visita ao Parque, realizaron unha ruta de senderismo de 7 km. polas beiras do río Barbantiño, en Punxín, ata a Fervenza do Río Barbantiño
Foi unha xornada moi agradable de cultura, educación e lecer, tanto para o alumnado como para o profesorado acompañante.
Estas 2 actividades foron realizadas polos departamentos de Dinamización Lingüística, Educación Física, Educación Plástica, Paisaxe e Sustentabilidade e Xeografía e Historia dentro da programación interdisciplinar do PROXECTOTERRA no que participa o IES Nº 1 un ano mais.
Alumnas do IES participan no Parladoiro das Letras, no Teatro Principal
Este venres ás 20.30h, no Teatro Principal, tivo lugar unha nova edición do Parladoiro das Letras coa presenza da escritora Ledicia Costas. O acto contou coa colaboración de alumnos e alumnas dos distintos centros educativos do municipio, entre eles o noso, o IES Nº1.
Uxía Seoane e Jéssica Afonso participaron na entrevista á autora, cunha interesante pregunta sobre o libro Infamia, que foi o libro máis lido nos clubs de lectura de Galicia na ESO durante o curso 2019-2020.
Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega. Nos últimos años recibiu importantes recoñecementos, como o Premio Merlín de literatura infantil, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, ou o Premio Lazarillo, entre outros.