Taboleiro

Masiva participación no cros zonal Xogade da Estrada

24-25 Cros

O alumnado de 1º, 2º e 3º ESO do noso centro participou o pasado venres 15 de novembro no Cros zonal Xogade da Estrada xunto co outros 1400 rapaces e rapazas dos centros educativos do concello e mais de Cuntis. A carreira tivo lugar na contorna das piscinas municipais e foi organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en colaboración coas Agrupacións Deportivas Escolares.

O Departamento de Educación Física participa dende hai anos no programa XOGADE, un programa de actividade lúdico-deportiva que ten como finalidade levar a actividade a todos os concellos galegos, ao tempo que dá a oportunidade á comunidade escolar galega de practicar e competir con outros colexios e clubs.

A miña casa é unha galería de arte

2024 Taller de escritura

O pasado venres 8 de novembro a Biblioteca acolleu a entrega de galardóns aos textos literarios que o alumnado de todos os cursos elaborou no transcurso do Obradoiro de Escritura Creativa que impartiu Chema Gómez de Lora, escritor, dramaturgo e profesor de Filosofía e de escrita creativa. A actividade, que organizou o Departamento de Lingua Castelá, desenvolveuse entre o 21 e o 25 de outubro.

O profesor conduciu e motivou o alumnado a crear os seus propios textos a través de "Técnicas para escribir con imaginación y libertad a través de juegos ágiles y espontáneos" e, a teor do lido, do visto e do oído, os mozos e mozas do noso centro xogaron e experimentaron coa linguaxe para crear unhas historias do máis suxerentes. Como mostra representativa do seu traballo, Chema seleccionou os seguintes textos, que recibiron cadanseus obsequios, mais de seguro que foi un labor ben difícil. Noraboa a todos os alumnos e alumnas e moitas grazas, un curso máis, ao noso profesor convidado por esta semana que deixou pegada en nós. 

Estes son os textos de AntíaLuján e Manuela (1º ESO), Nerea (2º ESO), Yuriana (3º ESO) e Sara Cortizo (4º ESO).

Tempo de castañas, doces e ánimas no IES Avelina Valladares

24-25 Samaín - Magosto

O pasado mércores 30 de outubro celebramos o Magosto e mailo Samaín. E, como manda a tradición no noso centro e nesta celebración tan popular do outono galego, demos boa conta das castañas asadas acompañadas de panceta, chourizo e pan, grazas ao bo facer e ao traballo do mestre Ramiro e o alumnado de 4º ESO, que tamén se encargou dos xogos e da ambientación musical da festa. Sen eles, e sen a coordinación da profesora Ana Mesego e demais colaboradores/as entre o profesorado e o persoal non docente, non sería posible celebrar o magosto un ano máis. 

E, para rematar a xornada, ademais do arrecendo das castañas asadas, dos risos, dos disfraces máis terroríficos e orixinais e do bo ánimo co que compartimos este momento de convivencia escolar, aínda nos agardaban as lambonadas do Concurso de Doces do Magosto e do Samaín. O xurado, composto por alumnado, profesorado e María da Cafetería, tívoo moi difícil para escoller os doces caseiros máis sabedeiros e mellor presentados. Se alguén non os catou, aquí tedes unha boa mostra destas sobremesas de castañas, cabazas, noces, mazás... Receitas que saben de medo!

Eleccións ao Consello escolar

O 22 de outubro, ás 10:25 horas, constituíuse a Xunta Electoral, quen, de acordo coa lexislación vixente procede a:

1. Aprobar e publicar os censos electorais (dispoñibles na Secretaría do centro para consulta). Prazo límite para presentación de reclamacións: 8 de novembro, mediante escrito dirixido á Xunta Electoral. 

2. Concretar o calendario electoral:

Graduación da Promoción 2020-2024

23-24 graduación 4º

Este xoves 22 de xuño celebramos a Graduación da Promoción 2020-2024. En presenza do resto dos seus compañeiros e compañeiras e do profesorado, os alumnos e as alumnas de 4° ESO pecharon unha etapa da súa formación, que agora vai continuar noutros centros.

Moitos parabéns a todos e a todas e moita sorte!

Graduación da Promoción 2020-2024

aaa

Un curso... e un verán de lecturas!

23-24 Despedida dos Clubs de Lectura (20-05-24)

Como cada curso, a Biblioteca foi o lugar de encontro dos lectores e as lectoras, especialmente, dos mozos e das mozas que forman os nosos Clubs de Lectura. Cada sesión foi unha descuberta, unha celebración dos libro e un momento de convivencia para compartir as lecturas que a profesora Mónica Souto coordinou coa colaboración de Rosario, Lurdes, Patricia, Chus, Ana e Román. A perspectiva da diversidade, a inclusión, a igualdade ou a memoria... estiveron presentes a través dos versos, os relatos e o teatro, e dos xogos, os desafíos, a creatividade, que tamén estiveron presentes nas lecturas das materias de Lingua Castelá, Lingua Galega, Filosofia, Educación Plástica, Historia...

Este xoves 20 de xuño era o día da súa festa, e ao igual ca nos anos pasados, o Recreo Cultural acolleu unha despedida, que foi moito máis ca iso grazas á proposta excepcional de Javier e Laura, Catro Elefantes, que son quen de converter as lecturas do curso (ver ficheiros anexos) en xogos moi dinámicos e creativos que cativaron a rapazada dos clubs. Formáronse dous equipos que tiveron que superar sete probas. Para superalas, tiñan que procurar pistas como a "morea d letras", continuar un poema, facer un puzzle, debuxar un cómic representando unha emoción, facer unha figura de arxila representando algo que os motivase ou algunha emoción. Houbo tempo libre para o deporte e ata para unha minisesión de maquillaxe. E, despois do xantar, uns merecidos agasallos e aínda máis deporte e ata piscina. Grazas a Mónica Mato, Patricia, Rosario, Matilde, Beatriz e Catro Elefantes por acompañalos e facer posible esta bonita xornada. 

Mais esta non foi unha despedida, apenas un punto e á parte para os clubs, que voltan en setembro, e un punto e seguido para entrar na estación máis lectora do ano. Como vén sendo costume, as Bibliotecas dos IES Manuel García Barros, Antón Losada Diéguez e Nº 1 achégannos as súas recomendacións lectoras para o verán. Gocemos das vacacións e un verán lector!

Recomendacións Lectoras (verán 2024) de Román Landín

Revista Viva Nós de Nós, o día da nosa festa grande

23-24 Revista Viva

Onte, martes 18 de xuño, voltamos ao Teatro Principal para poñerlle o ramo ao curso 23-24 coa VIII Revista Viva. Nós de Nós, o día de festa maior no que vestimos unha pequena mostra do que somos coas mellores galas da música e dos bailes, do teatro, da narración oral, da poesía e da lingua.  

A nosa directora, Beatriz, animounos a construír comunidade sen esquecer que formamos parte dun mundo no que a barbarie, como a que asola o pobo palestino, non nos pode ser indiferente. Así é como entedemos a educación, coma un camiño á cultura, á arte, á vida.  

Un pouco antes, Manuele Pardo e David Canto, "Á Par do Canto", recibíronnos nas portas cun pasarrúas que anunciou a foliada que armaron despois. Ghaiteiros! Bailáronse valses e Sara animouse coa pandeireta. Brava!  

Victoria e Celia fixeron festa coas palabras e Noa e Helena recrearon o legado poderoso de Rosalía e Castelao en A xustiza pola man e Cunetas, respectivamente. Moitos parabéns!

Con Celso Fernández Sanmartín herdamos outras palabras, as dos avós e as avoas, a da memoria oral popular que chega onda nós para explicarnos o mundo que nos rodea, ás veces para poñernos medo, outras para facernos rir, sempre para nos emocionar e aprender. 

Chega unha nova edición da 'Revista Viva. Nós de Nós'

Prema para descargar o díptico da Revista Viva Nós de Nós

Regresa a Revista Viva. Nós de Nós para poñer o ramo e festexar un curso que remata.

A Revista Viva é a celebración dunha comunidade educativa aberta, dinámica, activa e comprometida co ensino público. 

A Revista Viva fala de Nós porque está protagonizada polo alumnado, que a guía, que representa, que actúa e que se recoñece a si mesmo.

A Revista Viva é un encontro con Vós porque estades todas e todos convidados.

A Revista Viva medra con outros e outras de Nós: coas historias de Celso Fernández Sanmartín, coa poesía de Luísa Villalta da man de Xurxo Souto, coas músicas de Á Par do Canto de Manuele Pardo e David Canto, co deseño de Rosa de Cabanas, coa dirección teatral de Cristina Andrade e co maxisterio no xadrez de Roberto Patiño. 

A Revista Viva agradece a Anacos Educativos o seu apoio e promoción da lingua no ámbito empresarial e comercial.

Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico

Recentemente publicouse a ORDE do 29 de maio de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023/24.

A finalidade dos premios é a de recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a etapa da ESO.

Destinatarios: alumnado que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en ESO e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Prazos: a persoa interesada deberá facer a solicitude dende o 6 de xuño ata o 6 de xullo de 2024, preferiblemente pormedios electrónicos ou, no seu defecto, presencialmente. 

Características: 

Novo encontro lúdico-deportivo da Asociación de Deporte Escolar da Estrada

23-24 Encontro XOGADE (30-05-24)

O Pavilón Coto Ferreiro acolleu o pasado venres 30 de maio un novo encontro deportivo, o último do curso, organizado pola Asociación de Deporte Escolar da Estrada. A xornada reuniu máis 400 rapaces e rapazas de 1º da ESO e 6ª de Primaria dos colexios Pérez Viondi, Figueroa, Oca, Cabada Vázquez e Lourdes e os IES Manuel García Barros e Nº 1, ademais dos CPI veciños, o Aurelio Marcelino de Cuntis e Santa Lucía de Moraña.

A actividade enmárcase no programa lúdico-deportiva XOGADE e estivo dedicada ao datchball, un deporte de cancha no que compiten dous equipos nun espazo definido e dividido por unha liña central no que os xogadores e xogadoras deben eliminar o equipo contrario mediante o lanzamento e golpeo dos balóns de xogo.

 

Dende A Estrada até acolá, galego xa!

23-24 Correlingua (27-05-24)

 

Porque falalo é conservalo. E transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas. Porque nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí ate acolá.
Galego xa!

E este lema poderoso foi o que corearon onte, martes 28 de maio, máis dun milleiro de rapaces e rapazas de todos os colexios e institutos públicos da vila no Correlingua '24, que chegou á Estrada despois de saír da Coruña o pasado día 3 e que continuará ata Burela este mércores tras pasar por diferentes vilas e cidades do país. 

Torneo final de xadrez

Tras os torneos de nadal e primavera, chega o último certame de xadrez na recta final co curso. Apuntádevos na Biblioteca, que comezamos nos recreos deste xoves 30 de maio para continuar o 6 e o 13 de xuño!

 

 

 

Helena Castaño Pazos gaña o I Certame Artístico ‘Cousas’

Non hai mellor día que o 17 de maio para recibir este tipo de novas. Esa foi a data na que coñecemos que o traballo "Cunetas", de Helena Castaño Pazos, alumna de 4º ESO do noso centro, resultou gañador do I Certame Cousas, que convocou o Grupo Ekos do IES Félix Muriel de Rianxo para homenaxear a figura de Castelao, de cuxas "cousas" toma o nome, e que procura impulsar a creación artística da mocidade en galego nunha proposta que combina texto e debuxo. A entrega de premios terá lugar o venres 21 de xuño.

O xurado apreciou na obra de Helena a proximidade ás "Cousas" de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. Ademais, na súa acta de resolución, o xúri  valorou a súa brevidade como "perfume condensado nun frasco". 

Sumámonos á XI Festa das Palabras

23-24 XI Festa das Palabras (22-05-24)

"Silencio" e "Música" foron as palabras de Luísa Villalta que subiron ao escenario do Teatro Principal a través dos 62 micropoemas e microrrelatos do alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos que foron galardoados no XI Concurso Literario DinamizaEstrada que convocan os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino da Estrada. As palabras da escritora coruñesa homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas tamén estiveron presentes nas 14 ilustracións feitas polos nenos e nenas de Educación Infantil. Todos estes traballos, xunto cun limiar do padriño desta edición, o profesor e escritor Carlos Loureiro, e mais a portada, obra da deseñadora Rosa de Cabanas, fan parte do libro conmemorativo que lles foi entregado a todos estes rapaces e rapazas este mércores 22 de maio na IX Festa das Palabras que tivo lugar no Teatro Principal. 

Que é para vós un poema?

23-24 Encontro con carlos Negro (21-05-24)

 

As palabras
que non se gardan
nos mesmos caixóns de sempre.
Se cadra iso. Pero sen estar segura. 
                                                   @musa_morta_08

Que a poesía non morde xa o sabiamos. Que ninguén morreu de ler poesía, ou cando menos nós non sabemos de caso ningún, é un feito. Que aos poetas lles gusta xogar ao baloncesto, cociñar ou quedar coas amizades é de sentido común. Que a poesía fala de amor e de desamor, da morte, dos grandes fitos da historia e das miudezas do noso día a día, daquilo que nos fai ferver o sangue con carraxe, do que nos emociona no máis íntimo ou do que nos trascende.

Bolsas e axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo para o Curso 2024-2025

Está aberto o prazo para solicitar as bolsas e axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, convocadas polo Ministerio de Educación. A solicitude realizarase telemáticamente a través de Sede Electrónica ata o 13 de setembro. Unha vez cumprimentada a solicitude telemática, débese imprimir e presentar no centro educativo xunto coa documentación requirida. Máis información neste enlace e no Departamento de Orientación.

A eutanasia, a debate

Os alumnos e as alumnas da materia de Oratoria do IES Nº 1 e do IES Antón Losada Diéguez mantiveron un novo encontro dialéctico na que foi a 4ª entrega dos debates intercentros que están a desenvolver dende comezos de curso baixo a coordinación do profesorado de Lingua Castelá, desta volta Esteban Folgar e Chus Pato. Se nas anteriores ocasións debateron sobre a prohibición do alcohol en menores de 16 anoso uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos e a práctica do boxeo, este pasado martes 14 fixérono arredor dun tema tan actual como controvertido, a eutanasia.  

Os integrantes do grupo de oratoria do Losada foron César Cerviño, Óscar Montáns, Mauro Pazo e Sonia Ríos, que defenderon a postura a favor, mentres que  Noa Cabaleiro, Lía Expósito, Alba Muimenta, Lucía Brandariz e Xian Gestoso, alumnos da IES Nº 1, adoptaron a posición en contra.

Spring Week 2024, programa de inmersión lingüística en inglés

23-24 Spring Week (do 14 ao 20 de abril)

 

O alumnado de 3º ESO participou no programa Spring Week entre os días 14 e 20 de abril na vila de Mondariz-Balneario. Nesta estadía de inmersión lingüística en lingua inglesa, o alumnado practica e mellora o seu dominio do idioma dende un enfoque comunicativo, especialmente oral, no que combinan as tarefas de aula con outras actividades lúdicas.   

No primeiro día o grupo visitou Mondariz-Balneario para coñecer mellor este concello, pequeno en tamaño pero dunha historia moi rica que garda relación coas súas famosas instalacións termais, e nos días sucesivos coñeceron outros puntos de interese da vila e a contorna, como o Castelo de Sobroso.

Xornada final e entrega de premios do Torneo de Xadrez de Primavera

A Biblioteca acolleu un novo campionato de xadrez que se desenvolveu nestes tres últimos e intensos xoves de marzo con cadanseus recreos. Os cruzamentos foron variados e entre os xogadores e as xogadoras puidemos ver caras máis veteranas e outras máis novas desta escola de xadrecistas que coordina o profesor Roberto dende hai tres cursos.

Finalmente, as partidas finais coroaron unha vez máis a Rodrigo Folgar, que foi acompañado no pódium por Xian Gestoso e Iván Hermida. Moitos parabéns a eles e mais a todas as persoas participantes! 

Novo encontro dos grupos de oratoria dos IES Nº 1 e Antón Losada Diéguez

O pasado mércores 13 de marzo tivo lugar o terceiro debate entre os grupos de Oratoria do IES Antón Losada Diéguez e o IES Nº 1 que coordinan os Departamentos de Lingua Castelá de ambos centros. Desta volta, a temática escollida foi os deportes de combate e as preguntas formuladas foron estas: "Debemos prohibir estes deportes, para conseguir unha sociedade máis pacífica?", "A súa práctica é positiva ou negativa para os deportistas?"

Polo IES Nº 1 participaron Ana Dorelle, Xian Gestoso, Manuel Caramés e Nuria Gamallo. Pola banda do IES Antón Losada interviñeron Antía Álvarez, Samuel Carracedo, María Cerviño, Paula Coto e David Santos.

Xa sabedes, dádelle ao play e opinade.

8M: mulleres de onte, de hoxe e do mañá

O 8M, Día Internacional da Muller, é un día de celebración mais sobre todo de reinvindicación para lembrar que "aínda queda moito camiño por percorrer" para conquistar a igualdade, como lembraron as nosas alumnas nunha nova colaboración do IES co espazo "O Recuncho da Lingua" dentro do programa Ensaiar é de covardes, de Radio Estrada.

Neste caso, as alumnas de 3º ESO Noa Cabaleiro, Ana Dorelle, Lía Expósito, Alba Moimenta e Manuela Rey falaron sobre diversas mulleres do pasado e do presente, salientando o seu labor como pioneiras en distintos ámbitos, así como as adversidades ás que se enfrontaron pola súa propia condición de mulleres: Herminia González, Exeria, Avelina Valladares, Isabel Zendal, Pepa a Loba, Rita Fernández, Irene González... Nunha segunda parte do seu traballo de investigación, que dan a coñecer neste programa, centráronse nas mulleres contemporáneas da nosa contorna e esta foi a quenda para Rosa de Cabanas, Elena Ferro, Mónica Rey Baltar, Vanesa Casal (Casal de Creación) e Mar Blanco. 

Entre o silencio e a música, a nosa microliteratura

Os nosos microrrelatos e micropoemas agroman na primavera "porque os escrebemos no tempo silencioso da invernia", como anunciaba Luísa Villalta, escritora a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, por este mesmo motivo, amadriña o XI Concurso de Microrrelatos e Micropoemas DinamizaEstrada, convocado polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do noso concello. 

Nesta nova edición voltaron participar centos de estudantes con micropoemas e microrrelatos que debían incluír as palabras "silencio" e "música", respectivamente, escollidas no 1º trimestre nunha votación polos escolares de entre unha serie de termos recollidos na obra de Luísa Villalta. Non foi doado o labor dos xurados dos respectivos centros nin do xurado da fase final, que se reuniu a finais de febreiro para seleccionar os textos e deseños gañadores entre os máis de 200 traballos finalistas. 

Tamén se fala da Estrada no MillaFALAdoiro

A campaña Aquí Tamén se Fala que se desenvolve no noso centro e en máis de 180 centros de ensino de toda Galicia chegou á radio escolar do IES do Milladoiro (Ames), o MillaFALAdoiro. Os alumnos e Brais Tato Mejuto e Pedro Souto Riveira e o profesor Román foron entrevistados por Diego Madarnás, un rapaz deste centro amesán que conta cunha sección propia, as Entrevistas con Diego, que vos animamos a escoitar. Grazas a Diego e aos técnicos Erik e Mario, así como oa profesorado coordinador da radio, Valentina Formoso e Manolo Maseda, por contar connosco para afirmar unha vez máis que #aquítaménsefala e moito!